Versos de Rosalía de Castro, Seamus Heaney e Luz Pozo Garza inauguran en Fonseca o Xardín das Pedras que Falan

Desde o Concello de Santiago:
“O xardín de Fonseca é, dende o 14 de maio, o Xardín das Pedras que Falan, un proxecto impulsado polo escritor Suso de Toro que se converte en realidade da man do Concello e da Universidade de Santiago. A grande espiral de pedras que lle renderá homenaxe ao feito literario comezou con tres pezas que levan gravados os versos de Rosalía de Castro, Seamus Heaney e Luz Pozo Garza.
A inauguración do Xardín das Pedras que Falan estivo presidida polo alcalde, Martiño Noriega, e polo reitor en funcións da USC, Juan Viaño. O presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira; a viúva de Seamus Heaney e a propia Luz Pozo Garza encargáronse de descubrir as primeiras pedras, en presenza do autor do proxecto, Suso de Toro, e da concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra. (…)
Rosalía de Castro foi a autora elixida para a primeira pedra do “Xardín das Pedras que Falan”. O presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, foi o encargado de descubrir a peza, que ten gravados os versos “Dende aquí vexo un camiño / que non sei a donde vai; / polo mismo que n’o sei / quixera o poder andar”.
A segunda pedra da espiral do xardín está asinada por Seamus Heaney. O poeta irlandés era amigo persoal de Suso de Toro, e ambos tiñan falando moito do proxecto do Xardín das Pedras que Falan. A súa viúva, Marie Heaney, foi a encargada de descubrila, para ler os versos “The dotted line my father’s ashplant made / On Sandymount Strand / Is something else tide won’t wash away”.
Luz Pozo Garza destapou a terceira das pedras do Xardín das Pedras que Falan, cos seus versos “Son pedra faladoira. / Deixo palabras na tribo. / Luz, Amor. / Vida. Morte.”
O próximo, Antonio Gamoneda
O Xardín das pedras que falan estará formado por versos ou liñas inéditas de autores e autoras, aos que se lles pedirá que se comprometan a non publicar esas palabras, cando menos en vida. Os textos irán gravados en pedras de granito que formarán unha grande espiral no xardín, partindo dunha peza inicial con versos de Rosalía. Instalaranse, de xeito progresivo, unhas 40 rochas en total. Aínda así, dende o principio vese a dimensión da obra, porque os lugares que ocuparán as pedras estarán xa sinalizados cuns discos de granito. Está previsto que a cuarta pedra sexa colocada o 4 de xuño por Antonio Gamoneda, que estará en Santiago para participar na SELIC.”

Compostela: Simposio Xaime Isla Couto: raíz e utopía de Galicia

Asimposio-xaime-isla-couto-2016 Fundación Xaime Isla Couto organiza o Simposio Xaime Isla Couto: raíz e utopía de Galicia, na Facultade de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela. A inscrición é gratuíta e pode facerse aquí.

O programa é o seguinte:

Xoves, 20 de outubro de 2016

Mañá
9:00. Entrega de documentación.
9:30. Inauguración. Juan Viaño, Anxo Lorenzo, Manuel Meixide e Marcelino Agís.
Sección I. O galeguismo político de Xaime Isla.
• 10:00. Carlos Baliñas Fernández (USC): “Un intento de Partido Galeguista: o Partido Popular Galego (1976-1979)”.
• 10:30. Uxío Breogán Diéguez Cequiel (UDC): “Xaime Illa: dos agrupamentos Ultreya á Federación de Mocedades Galeguistas (1932-1936)”.
• 11:00. Justo Beramendi (USC-Museo do Pobo Galego): “Os dilemas do galeguismo baixo a Ditadura”.
• 11:30. Rolda aberta.
• 12:15. Visita guiada á exposición “Xaime Isla: raíz e utopía de Galicia”
• 12:45. Miguel Barros (USC): “A Xeración Galaxia e a revisión do nacionalismo”.
• 13:15. Ramón Villares (USC-Consello da Cultura Galega): “A viraxe de 1950: da política á cultura”.
• 13:45. Rolda aberta.

Tarde
Sección II. O pensamento humanista de Xaime Isla.
• 16:00. Carlos Fernández (UVIGO): “O pensamento epocal da Xeración Galaxia”.
• 16:30. Alba Iglesias Varela (USC): “O rexionalismo xaponés de Kenichi Ohmae no pensamento de Xaime Isla”.
• 17:00. Xosé Luis Pastoriza Rozas (USC): “Xaime Isla e os homes da Populorum Progressio: J. Maritain, W. Röpke, E. Mounier e J-L. Lebret”.
• 17:30. Rolda aberta
• 18:15. Pepe Barro (Grupo Revisión Deseño): “Tres pés para un tríscele. Os irmáns Isla Couto e a identidade corporativa de Zeltia”.
• 19:15. Rolda aberta
• 19:30. Presentación da fotobiografía Xaime Isla: raíz e utopía de Galicia (Vigo, Editorial Galaxia, 2015).

Venres, 21 de outubro de 2016

Mañá
Sección III. O pensamento económico de Xaime Isla.
• 10:00. Xoán Carmona (USC): “O emprendemento galeguista: os irmáns Fernández López e os Illa Couto”.
• 10:30. Mesa redonda: “O pensamento económico galego nos anos 50 e 60”.
o Miguel Anxo Bastos Boubeta (USC): “Liberalismo económico no galeguismo da posguerra”.
o Xavier Martínez Cobas (UVIGO): “Os berros galeguistas de Xaime Isla: a Revista de Economía de Galicia”.
o Modera: Xosé L. Pastoriza Rozas (USC)
• 11:30. Rolda aberta.

Sección IV. Xaime Isla e a galeguización da Igrexa.
• 12:15. Quico Dominguez (SEPT): “Xaime Isla e a inculturación da Igrexa Galega”.
• 12:45. Xosé Fernández Lago (ITC): “A tradución da Biblia ao galego desde as linguas orixinais. Atrancos e axudas no camiño da luz”.
• 13:15. Marcelino Agís Villaverde (USC): “A misa de Rosalía: os acontecementos de 1969”.
• 13:45. Rolda aberta.

Tarde
Sección V. O galeguismo cultural de Xaime Isla.
• 16:00. Víctor F. Freixanes (Editorial Galaxia): “A Editorial Galaxia: unha ollada estratéxica”.
• 16:30. Xosé Luís Franco Grande (Real Academia Galega): “Xaime Isla nas orixes do europeísmo en Galicia”.
• 17:00. Mª Dolores Villanueva Gesteira (Fundación Penzol): “Xaime Isla, o proxectista da Editorial Galaxia (1950-1963)”.
• 17:30. Rolda aberta.

Sección VI. Xaime e os “Novos”: a transmisión xeracional do galeguismo.
• 18:15. Xosé Carlos Morell (Empresario): “O futuro da cultura galega e Xaime Isla: entre o pragmatismo e a revolución”.
• 18:45. Camilo Nogueira Román (Economista e ensaísta): “Xaime Isla e o galeguismo que herdamos”.
• 19:15. Rolda aberta.
• 19:30. Mesa de clausura: Xaime Isla nas institucións galegas.

María Xosé Queizán leva o Premio da Cultura Galega de Letras

DesdeMaría Xosé Queizán Cultura Galega:
“O xurado dos Premios da Cultura Galega, os galardóns cos que a Xunta de Galicia recoñece “a excelencia creativa, a capacidade de intercambio, a experimentación e a proxección da construción cultural de Galicia nos diferentes ámbitos”, daba a coñecer o seu ditame para este ano. No mesmo, recoñecen a María Xosé Queizán polo seu labor literario, mentres Miguel Fernández-Cid levou o premio das Artes Plásticas e Sarabela Teatro o de Artes Escénicas. Maximino Zumalave foi escollido no campo musical, mentres a cooperativa Numax obtivo o premio Audiovisual. O labor da Irmandade Xurídica Galega a prol da nosa lingua viuse tamén recoñecido co galardón neste campo, mentres o Museo de Pontevedra obtivo o premio na categoría de Patrimonio Cultural e Elena Zernova na de Proxección Exterior.
O xurado, presidido polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, estivo composto polo xerente do Consello da Cultura Galega, Marcelino Fernández Santiago, por delegación do seu presidente; a bibliotecaria-arquiveira da Real Academia Galega, Margarita Ledo, por delegación do seu presidente e mais o presidente da Real Academia Galega de Belas Artes Nosa Señora do Rosario, Manuel Quintana Martelo. O reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Viaño, delegou o voto na Consellería de Cultura e Educación. Canda a eles participaron na elección o editor Xosé Ballesteros, a música Susana Seivane, a directora teatral Fefa Noia, e o fotógrafo Manuel Vilariño, coa subdirectora xeral de Xestión e Coordinación Cultural, Cristina Fabeiro como secretaria. Os gañadores seleccionáronse entre un total de 40 candidaturas e recibirán como galardón unha escultura de Manolo Paz.”