O Xardín das Pedras que Falan homenaxea tres novas poetas

Desde Nós Diario:
“O Xardín das Pedras que Falan, sito no xardín de Fonseca, en Santiago, conta dende hoxe cos versos de tres novas poetas: Olga Novo, Laura Pugno e Moon Chung Hee. As pedras cos seus textos foron descubertas esta sexta feira a mediodía, nun acto presidido polo alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, que felicitou ás elixidas sinalando que “pasan a formar parte permanente, para sempre, da vida de Santiago”.
Olga Novo di nestes versos que “a última vangarda é o amor”. Para Laura Pugno “aflora a palabra como un pedazo de óso, un pensamento entre a mente e a herba”. E Moon Chung Hee, a única ausente, escribiu: “son eu o único xeito de atoparme. Baixo o ceo cheo da pregunta”. Estas tres novas pedras suman quince, das 42 previstas no proxecto.
No acto tamén estaban presentes o reitor da Universidade de Santiago, Antonio López; a concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón; e Claudio Rodríguez Fer, director da Cátedra Valente de Poesía e Estética da USC e un dos impulsores do proxecto xunto ao escritor Suso de Toro, así como os edís Branca Novoneyra e Jorge Duarte, de Compostela Aberta.
O “Xardín das pedras que falan” xorde en 2018 grazas á colaboración entre o Concello e a USC, que fan realidade un proxecto concibido polo escritor Suso de Toro. Tratábase de crear unha espiral con diferentes pedras, nas que se gravan liñas ou versos inéditos asinados por escritores e escritoras de diferentes países e diferentes linguas. (…)”

Salvador García-Bodaño deixa pegada da súa poesía no Xardín das pedras que falan

Desde a Real Academia Galega:
“A poesía de Salvador García-Bodaño forma xa parte do Xardín das pedras que falan, ao pé do Colexio de Fonseca, en Santiago de Compostela. O académico contribuíu co verso inédito “Compostela, soño de pedra no tempo” á espiral na que xa se gravaron antes, entre outros, versos de Rosalía de Castro, Seamus Heaney e a tamén académica Luz Pozo Garza.
A rocha co verso de Salvador García-Bodaño foi presentada o sábado 7 de novembro. Salvador García-Bodaño salientou no acto a similitude da colocación da espiral de pedras co simbolismo das espirais celtas. O alcalde de Santiago de Compostela recordou pola súa banda o estreito vínculo do poeta coa cidade, á que dedicou poemas como os recollidos no libro Tempo de Compostela, Premio da Crítica Española de 1978. “Salvador é unha historia de amor e compromiso con Santiago e con Galicia”, expresou o rexedor Xosé Sánchez Bugallo.”

Versos de Rosalía de Castro, Seamus Heaney e Luz Pozo Garza inauguran en Fonseca o Xardín das Pedras que Falan

Desde o Concello de Santiago:
“O xardín de Fonseca é, dende o 14 de maio, o Xardín das Pedras que Falan, un proxecto impulsado polo escritor Suso de Toro que se converte en realidade da man do Concello e da Universidade de Santiago. A grande espiral de pedras que lle renderá homenaxe ao feito literario comezou con tres pezas que levan gravados os versos de Rosalía de Castro, Seamus Heaney e Luz Pozo Garza.
A inauguración do Xardín das Pedras que Falan estivo presidida polo alcalde, Martiño Noriega, e polo reitor en funcións da USC, Juan Viaño. O presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira; a viúva de Seamus Heaney e a propia Luz Pozo Garza encargáronse de descubrir as primeiras pedras, en presenza do autor do proxecto, Suso de Toro, e da concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra. (…)
Rosalía de Castro foi a autora elixida para a primeira pedra do “Xardín das Pedras que Falan”. O presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, foi o encargado de descubrir a peza, que ten gravados os versos “Dende aquí vexo un camiño / que non sei a donde vai; / polo mismo que n’o sei / quixera o poder andar”.
A segunda pedra da espiral do xardín está asinada por Seamus Heaney. O poeta irlandés era amigo persoal de Suso de Toro, e ambos tiñan falando moito do proxecto do Xardín das Pedras que Falan. A súa viúva, Marie Heaney, foi a encargada de descubrila, para ler os versos “The dotted line my father’s ashplant made / On Sandymount Strand / Is something else tide won’t wash away”.
Luz Pozo Garza destapou a terceira das pedras do Xardín das Pedras que Falan, cos seus versos “Son pedra faladoira. / Deixo palabras na tribo. / Luz, Amor. / Vida. Morte.”
O próximo, Antonio Gamoneda
O Xardín das pedras que falan estará formado por versos ou liñas inéditas de autores e autoras, aos que se lles pedirá que se comprometan a non publicar esas palabras, cando menos en vida. Os textos irán gravados en pedras de granito que formarán unha grande espiral no xardín, partindo dunha peza inicial con versos de Rosalía. Instalaranse, de xeito progresivo, unhas 40 rochas en total. Aínda así, dende o principio vese a dimensión da obra, porque os lugares que ocuparán as pedras estarán xa sinalizados cuns discos de granito. Está previsto que a cuarta pedra sexa colocada o 4 de xuño por Antonio Gamoneda, que estará en Santiago para participar na SELIC.”