Crónica fotográfica do Encontro da Federación Galeusca 2024 en Palma de Mallorca

Estas son algunhas das fotografías do Encontro da Federación Galeusca 2024, organizado pola AELC, coa participación da AELG e da EIE, conta co apoio de CEDRO e a Institució de les Lletres Catalanes, xunto coa colaboración da Obra Cultural Balear, Ca n’Alcover e Etxepare Euskal Institutua. Tivo lugar o 29 de maio de 2024 en Palma de Mallorca, con este programa. A crónica fotográfica completa (obra de Carme Esteve/AELC) pode verse aquí, onde tamén se recollen fotografías enviadas por María Reimóndez.

Cesáreo Sánchez, presidente da AELG: “É importante reivindicar e pór en valor o que significa ser escritor e escritora en lingua galega”

Entrevista de Laura Veiga a Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG, en Nós Diario:
“Cesáreo Sánchez (Dadín, O Irixo, O Carballiño, 1951), como presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), participou esta semana en Palma (Illes Balears) no encontro da federación Galeusca, cuxa anterior reunión tivera lugar en 2014.
– Nós Diario (ND): Cales foron os principais obxectivos desta reunión?
– Cesáreo Sánchez Iglesias (CS): En primeiro lugar, a reanudación da federación. Ao final somos tres asociacións -AELG, Euskal Idazleen Elkartea (EIE) e Associació d’Escriptors en Llengua Catalana (AELC)- e o proceso de toma de decisións non sempre é doado. Entendemos que é importante que nos comuniquemos e unir os nosos esforzos, sen intermediacións e sen ter que pasar por Madrid, tanto para mostrar que non estamos sós como para enviar unha mensaxe aos distintos responsábeis da protección da lingua que non están a facer o seu traballo.
Precisamente, nas Illes Balears hai un proceso activo de agresión ao catalán, que é un dos motivos polos que decidimos levar a cabo o encontro neste lugar. É unha literatura que está a ser agredida, mesmo tendo certo grao de consolidación. Este encontro tamén implicaba reflexionar sobre o futuro: unha lingua ten que ser actualizada para que non perda o tren da historia, dos pobos.
Temos que determinar cal é a mellor maneira para que as tres linguas participen de todos os avances que ten calquera outra lingua. Desde a AELG correspóndenos asumir a posta en valor da nosa lingua e a responsabilidade de deixar estruturas sólidas para as novas xeracións.
– ND: Neste encontro tiña especial relevancia a tradución como estratexia de internacionalización de literaturas minorizadas.
– CS: Pensamos que o labor que se está a facer actualmente é marabilloso, mais tamén somos conscientes de que debe haber unha actividade maior e que debe participar a administración autonómica que teña a responsabilidade de fomentar o idioma. Non é de recibo que unha crianza vaia á escola falando galego e que volva á casa falando español. A tradución é unha profesión fundamental para as nosas linguas, mais está entrando nunha crise e temos a obriga de reconducir a situación para que non a leve como un tornado a intelixencia artificial. Esta é unha ferramenta que debe ser ben utilizada, por mans que queiran a lingua.
Por iso tamén quixemos organizar unha táboa redonda que estabelecera un diálogo entre profesionais da tradución das tres linguas, na que participaron Garazi Arrula, María Reimóndez e Lluïsa Soaz.
– ND: No marco destas conversas arredor dos sistemas literarios, cal é a situación do caso galego?
– CS: O sistema literario galego ten unha eiva, posto que non temos un instituto que implique a promoción do galego dentro e fóra do territorio. Os nosos libros non adoitan estar nas bibliotecas de fóra da Galiza. Este é un oco que temos que suplir nós e queremos facelo desde a nosa perspectiva, non a través doutras plataformas, porque temos problemáticas particulares que deben ser atendidas desde aquí.
É importante reivindicar e pór en valor o que significa ser escritor ou escritora en lingua galega. Sen un sistema literario é moi difícil que unha lingua viva.
Ademais, sabendo que son profesionais activos nos medios de comunicación e que funcionan como líderes de opinión, entendemos que ten que haber un pensamento ético e feminista.
A Galiza non ten a prensa que precisa, xa non só polo coidado da lingua e da información, senón porque as persoas que nos dedicamos á escrita sabemos que, polas nosas mensaxes, non imos ser convidadas a certos programas.”

Encontro da Federación Galeusca 2024 en Palma de Mallorca


O Encontro da Federación Galeusca 2024, organizado pola AELC, coa participación da AELG e da EIE, conta co apoio de CEDRO e a Institució de les Lletres Catalanes, xunto coa colaboración da Obra Cultural Balear, Ca n’Alcover e Etxepare Euskal Institutua.

Fundada formalmente en 2008, e con precedentes de encontros anuais históricos celebrados desde 1984, a Federación Galeusca está formada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), a Euskal Idazleen Elkartea (EIE) e a Associació d’Escriptors en Llengua Catalana (AELC). Representa case 2800 autoras e autores, tanto escritoras/es como tradutoras/es, retomando neste 2024 a súa actividade pública no décimo aniversario do seu último encontro.

O eixo vertebrador deste encontro é a tradución como vía de internacionalización literaria: como a conversa entre literaturas escritas en diferentes linguas pode contribuír á superación das fronteiras administrativas e culturais, á vez que fomentar a promoción e a difusión das literaturas galega, vasca e catalá nun contexto global.

Terá lugar o 29 de maio de 2024 en Ca n’Alcover (Carrer de Sat Alonso, 27, Palma de Mallorca), con entrada libre.

O programa previsto é o seguinte:
– 12:30 h. Lectura da Declaración de Palma. Rolda de prensa aberta ao público xeral. Con Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), Joxemari Carrere, representante da Euskal Idazleen Elkartea (EIE), e Sebastià Portell, presidente da Associació d’Escriptors en Llengua Catalana (AELC).
– 18:00 h. Diálogo entre tradutoras/es: «A tradución como unha ferramenta de internacionalización de literaturas minorizadas». Con Garazi Arrula, María Reimóndez e Lluïsa Soaz.
– 19:30 h. «De ida e volta»: recital poético-musical en catalán, éuscaro e galego. Coa voz poética de Sebastià Alzamora, Castillo Suarez e Marga do Val, e co acompañamento musical de Clara Fiol Dols.

Barcelona: I Xuntanza de Escritoras/es en Lingua Galega en Cataluña