Saúde e Terra!: Marga do Val tece os fíos que unen a voz de Rosalía coa do pobo galego

Desde Nós Diario:
“Saúde e terra. Marga do Val -autora neste 2025 do manifesto que a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega encarga cada ano co gallo do Día de Rosalía– escolle a fórmula que empregaban as Irmandades da Fala como lema da súa mensaxe. Unha mensaxe que fala de Rosalía pero que tamén fala do presente, da literatura de onte e de hoxe, do feminismo e das revoltas que defenderon e defenden causas xustas como a de Palestina. A Terra, no centro. “A min paréceme importante traer a Rosalía ao noso tempo, e non resulta difícil, porque a súa obra conecta perfectamente co presente”, explica Do Val en conversa con Nós Diario.
Marga do Val ten unha extensísima experiencia no ensino e a súa vocación didáctica aflora cando explica a súa estratexia ao redactar o manifesto: “Ás veces, co estudantado, fas milagres cando conectas unha realidade actual cun texto moi afastado, entendendo, por exemplo, que a mocidade de hoxe considera moi antigo un texto de Castelao. Pero traéndoo ao presente, de súpeto, todo acaba adquirindo un sentido para eles; veno doutra maneira máis próxima. E a miña intención é que a rapazada coñeza a realidade galega e que a conecte co mundo”.
Esa mirada cara ao futuro de Do Val logra que a obra rosaliana faga parte dun presente que toca temas aparentemente tan distantes como Altri e Palestina. Trátase dunha visión que encaixa coa dirección que tomou a celebración do Día de Rosalía, unha efeméride que pretendía festexar a literatura e o libro galego, pero que a cidadanía levou a outro lugar máis amplo onde conviven a conmemoración e o impulso transformador, o orgullo de pertencer a unha cultura e as reivindicacións sociais e políticas. Comezando pola cuestión da lingua.
“Aquí trato o tema da lingua porque creo que –ademais do que sucede coa dramática perda de falantes– estamos vivindo un proceso tremendo: hai moitas autoras e autores que están pasándose, aínda que sexa en forma de tentativa, ao castelán. Isto non sucedía desde a década de 1980. E o máis preocupante xa non é iso, senón a evidente sensación dunha dependencia da cultura española moito maior agora que naquela época. Estanse contando cousas partindo de premisas de Madrid, como se Madrid fose unha meta. Iso está sucedendo na literatura, no teatro ou no debate público”, di.
Do Val sabe do que fala: malia que ela foi a autora, xa en 2002, da peza teatral Aurora Rodríguez e a súa moneca de carne, o caso de Hildegart Rodríguez só pasou a ser un tema de estudo e discusión despois de que Almudena Grandes escribise o seu libro sobre o caso, La madre de Frankenstein. “Eu vexo unha involución: descoñécese o que se fai e o que se fixo aquí para debater a partir dunhas coordenadas que nos veñen dadas desde fóra”, precisa.
O manifesto Saúde e Terra enfróntase a esta orde de cousas cunha vontade polémica, tomando como referencia –aínda que, máis unha vez, traéndoo ao presente– o Máis Alá! de Manuel Antonio e Álvaro Cebreiro. “É que eu creo que ese manifesto é dunha actualidade tremenda: eu non vin nunca unha situación como a que pasa agora a lingua galega. E a política lingüística ten unha responsabilidade enorme nesta circunstancia. É certo que están desaparecendo moitas linguas porque, a nivel internacional, nos diriximos cara a unha orde neofeudal na que se trata de eliminar as identidades que non se aliñan cos intereses económicos dos que mandan. Pero tamén é verdade que na Galiza estamos vivindo unha situación colonial, por moito que non me guste demasiado esa palabra”, afirma.
Marga do Val tamén actualiza aquela ambición das Irmandades da Fala de converter a Galiza en célula de universalidade, e atopa o elo que nos une co mundo na cuestión palestina: “Este é un tema onde estamos aprendendo de maneira práctica ese tema da banalidade do mal. Estamos asistindo en directo a un xenocidio, e agora non podemos calar, sería unha inmensa derrota para a humanidade. E, efectivamente, ambos temas están unidos: coa desaparición dunha lingua desaparece unha cultura, unha visión do mundo, unha forma de vivir e unha voz particular no coro universal. E coa desaparición dun pobo que perde a súa terra vemos a traxedia que iso supón para a humanidade. Todos debemos vernos no espello de Palestina, non porque poida sucedernos tamén a nós; temos que defender Palestina porque está ocorrendo e porque non podemos ser cómplices”.
A defensa da terra, a defensa da lingua: Do Val une todos os sinais de identidade do humano nun manifesto que tamén é un mapa. Por exemplo, o mapa de Domingo Fontán. “Por suposto, eu son dunha xeración que se criou sen referentes espaciais, sen coñecer a terra, o país. E por iso estou empeñada en que a mocidade coñeza o que os rodea, que levante a vista do móbil para saber como son os ríos da súa cidade, a xeografía onde nace a súa cultura. Porque o que non se coñece non se pode amar”, conclúe a autora.
O mapa que debuxa Marga do Val é, di ela, o do país dos mil ríos. Aínda que agora mesmo, matiza, todos os ríos son o Ulla: “Durante moito tempo se sostivo que a faixa azul da bandeira galega representaba o Miño. Eu creo que agora mesmo a bandeira da Galiza é o Ulla. Creo que non somos de todo conscientes da enorme traxedia que se nos vén enriba se o proxecto de Altri vai adiante. Se iso sucede, vai acabar con todo, co medio natural, coa economía, coa convivencia… contamínase a Terra, con maiúsculas. Pero, ademais, quedaremos derrotados como pobo, e iso non podemos permitilo”.
A autora do manifesto segue enfiando pensamentos para lembrar que o que fai Rosalía cando escribe Cantares gallegos é darlle voz ao pobo. “E o pobo hoxe maniféstase a favor da terra e a favor da lingua. Os problemas dos que ela fala nese libro seguen estando aí. E a súa defensa –en clave feminista e popular– é a que toca reivindicar agora. Hai que volver darlle voz ao pobo que está dicindo ‘isto non o queremos’. É interesante que o Día das Letras se lles dedique ás cantareiras xusto despois do ano de Luísa Villalta. Porque ela era a música desde outra perspectiva. Mais cando Luísa di que baixa a rúa e se confunde co pobo, estalle pasando a testemuña ás cantareiras, coas que dialoga Rosalía en Cantares“.”

Fisterra: presentación do Centenario do manifesto Máis alá