Manuel Rivas no Ateneo de Pontevedra, por Manuel Bragado

ArtigoManuel Rivas de Manuel Bragado en Brétemas:
Manuel Rivas deu a benvida ao máis do cento de persoas participantes onte na presentación no Ateneo de Pontevedra d’ O último día de Terranova lendo «A perpetuidade da aldraxe perfecta», o manifesto que publicará nos próximos días no número 26 da revista Luzes. O que Rivas denominou «a aldraxe perfecta» e «a aldraxe das aldraxes», a extensión da concesión de ENCE durante os vindeiros sesenta anos aprobada polo goberno en funcións, chama á mobilización de todas aquelas persoas non adscritas ao partido conformista. Foi, despois, a activista Carme Durán, quen presentou a Manuel Rivas e quen recomendou moi vivamente a lectura d’ O ultimo día de Terranova. Comezou salientando Rivas que «a novela comeza nun intre de apocalipse do que os protagonistas non foron informados, un día de derrota na súa vida, de afundimento». Continuou sinalando que, porén, «nesa derrota da linguaxe e da vida, aparecía a pulsión do desexo, un puxilato con Tánatos, que permite enfrontarse coa realidade». «O último día de Terranova naceu da necesidade de establecer unha simetría, un xeito de adestramento, de autodefensa.»
«A literatura ordena, permite deseñar un mapa onde pousar os principios de realidade, mais tamén é capaz de desequilibrar e cuestionar.» «Na novela existe unha psicoxeografía de espazos interiores, historias de idas e voltas sobre un un espazo de refuxio, que tamén é de asedio.» Reflexionou despois Rivas sobre o que foi aquí a serie negra: «Como sucede coa serie negra en España as chamadas “historias da Guerra” son a nosa verdadeira serie negra. Mais aínda cando a maior organización criminal, durante décadas, foi en España o estado. Na novela está isto presente co caso da poliomelite que demostrou que a ditadura, un estado corrupto, afectou tamén sobre os corpos. Como sinala Vicenzo Fontana, o libreiro narrador da novela, “o meu corpo é un manifesto”.» «Na novela fálase moito dos corpos, hai varios personaxes que son substitutos, que nos mergullan nunha realidade inquedante.»
«O gran drama no que sucumbe Terranova é que a realidade intelixente abanea e, pola contra, camiñamos cara a distopía, cara aqueles tempos difíciles dos que falaba Dickens, onde todo se medía polas cifras, onde todo o que non se pode vender obtendo beneficio non merece existir.» «Fronte a isto, na novela prodúcese unha rebelión das palabras que se converten en imaxes de desexo.» «Como tamén un encontro entre a cultura popular e a cultura literaria, entre iguais. Hai un fío con libros anteriores, sobre todo con Os libros arden mal, ambos os dous historias dramáticas da cultura. Como lembra Walter Benjamin a racionalidade da cultura ten no seu envés a barbarie.»

Reivindicación dos mestres de Pedro Feijoo, por Manuel Bragado

DesdePedro Feijoo Brétemas, de Manuel Bragado:
“No discurso de aceptación do premio San Clemente, que recibiu por segunda ocasión, o escritor Pedro Feijoo reivindicou o papel esencial dos mestres. Nun acto no que tamén recolleron cadanseu premio Javier Cercas e Colm Tóibín, o autor d’ A memoria da choiva gabou a Suso de Toro («sempre un verdadeiro profesor para min») de quen, confesou, aprendera nos anos oitenta e noventa «na lectura das súas páxinas que outro xeito de facer literatura galega era posible».
A seguir, Feijoo insistiu na importancia da figura dun bo profesor («sei que poucas carreiras arrancan se non hai no comezo un bo mestre detrás, unha boa profesora que nos aprenda como vai o choi este do mundo») e denunciou o duro que foron estes últimos anos para o profesorado desorientado polo «ruido das reformas», «forzado a traballar cunha lei máis parecida a un rodillo que a unha verdadeira inquedanza educativa». Feijoo reclamou «saír en apoio dos nosos mestres» para evitar «a consagración da burocracia sobre a educación» e impedir «o afundimento do noso sistema educativo».
Rematou lembrando de forma agarimoso a Agustín Fernández Paz e convidando ao alumnado a protagonizar o traballo de «volver a poñer en valor a figura do mestre». «Seredes vós os encargados de recuperar e defender a súa valía.»
Aquí pode descargarse en pdf o texto completo do discurso.”

Pontevedra: lectura, presentación e coloquio arredor de O último día de Terranova, de Manuel Rivas

O Manuel Rivasxoves 4 de febreiro, ás 20:00 horas, na Casa das Campás (Rúa Don Filiberto, 9-11, a carón do Teatro Principal), en Pontevedra, terá lugar a lectura, presentación e coloquio arredor da novela O último día de Terranova, de Manuel Rivas, publicada en Xerais. No acto, organizado pola editora e o Ateneo de Pontevedra, participan, xunto ao autor, Carmen Durán (directiva do Ateneo), Héctor Blanco (músico) e Manuel Bragado.

Carballo: lectura, presentación e coloquio arredor de O último día de Terranova, de Manuel Rivas

O Manuel Rivasxoves 28 de xaneiro, ás 20:00 horas, na Biblioteca Rego da Balsa de Carballo (Rúa Bos Aires, s/n), terá lugar a lectura, presentación e coloquio arredor da novela O último día de Terranova, de Manuel Rivas, publicada en Xerais. No acto, xunto ao autor, participa Manuel Bragado.

Pontevedra: mesa redonda sobre o libro A Galicia urbana

OA Galicia urbana mércores 27 de xaneiro, ás 20:00 horas, no salón de actos da Casa das Campás de Pontevedra (Rúa Don Filiberto, 9-11, a carón do Teatro Principal), o Ateneo de Pontevedra e Edicións Xerais organizan unha mesa redonda arredor do libro A Galicia urbana, coordinado por Rubén C. Lois e Daniel Pino, quen participarán no acto xunto a Manuel Bragado e Xaime Toxo.

Estado da edición en galego en 2014, por Manuel Bragado

DesdeManuel Bragado Brétemas, de Manuel Bragado:
“Dediquei os días pasados a revisar en profundidade os datos da edición en galego publicados no informe do Comercio Interior do Libro do ano 2014. Un exercicio no que chama a atención o feito de que por vez primeira nos últimos anos, repuntase o número de títulos publicados até os 1.881 títulos (1.332 publicados en Galicia, 492 en Madrid e 57 en Cataluña). Cifras que, paradoxicamente, expresan que se reduciu até o 70,8 % a edición en Galicia do libro galego, así como se produciu unha lixeira redución do número de títulos (1,04 %). En definitiva, sube a edición en galego grazas ao que se edita fóra de Galicia. No entanto, prodúcese un importante aumento do número de exemplares fabricados que chega aos 2.379.000, un incremento do 32,24 %, que leva a que a tirada media en 2014 se incrementase até 1.772. Sen dúbida, un efecto directo sobre o sector da renovación de libros de texto ao abeiro da reforma LOMCE, como tamén outro é que o catálogo do libro en galego acadase en 2014 os 12.861 títulos, o que supón un incremento do 13,49 % con respecto ao de 2013 (11.332). (…)
No ano 2014 reduciuse lixeiramente o número de títulos da edición literaria en galego (355), incrementándose, porén, o número de exemplares (282.000) e tirada media (794). Diminuíu moi lixeiramente a facturación (2,42 millóns de €), que representa o 11,50 % das vendas do libro en galego. Se facemos a comparación con 2011 (399 títulos, 509 mil exemplares, unha tirada media de 1.573 e unha facturación de 2,84 millóns de €), acentúanse a tendencia negativa. Xaora, o libro literario en galego mantivo neste periodo a súa diversidade de edición e facturación, a costa de reducir o seu volume de edición e a tirada media arredor do 50 %.
No ano 2014 a edición de poesía e teatro incrementou a súa edición até os 62 títulos, incrementando tamén o seu número de exemplares (2,8 % do total do sector) e a súa facturación (250.000 €). A edición de ensaio e estudos literarios baixou con respecto ao ano anterior até os 54 títulos, sendo a súa tirada media de 600 exemplares e a súa facturación de 190.00 €.
No que atinxe á edición de novela, o mercado privilexiado da edición literaria en galego, en 2014 editáronse en galego 239 novelas, o 17,30 % do total da edición; fabricáronse 183.000 exemplares, o 7,70 % do volumen total, o que supuxo unha tirada media de 794 exemplares; facturándose 2,43 millóns de €, o 11,50 % das vendas anuais. En definitiva, a novela que supuxo en 2014 o 67,32 % dos titulos literarios en galego, e o 20,40 % do total do catálogo galego, mantén a tendencia xeral de redución do volume de fabricación e de tiradas medias como estratexia dos editores para asegurar a diversidade da edición e a súa cifra de facturación. Un fenómeno facilitado polos actuais procedementos de impresión dixital e de baixa tirada que permiten realizar tiradas inferiores aos 400 exemplares a prezos asequibles. (…)
No ano 2014 a edición infantil en xuvenil aumentou até o 495 títulos (o 35, 30 % do total); fabricáronse 438.000 exemplares, o 18, 40 % total; e facturou 4,35 millóns de euros, o 20,70 % do total. Se a comparamos cos datos do anao anterior, o número de títulos publicados medrou nun 24 %, o de exemplares baixou o 3,70 %, sendo a facturación case idéntica. Cifras que amosan unha aceptable saúde da edición infantil en galego no entorno da crise do sector. (…)”

Vigo: presentación de Teoría do riso, de Antón Patiño

OAntón Patiño martes 29 de decembro, ás 20:00 horas, na Libraría Librouro (Rúa Eduardo Iglesias, 12), de Vigo, terá lugar a presentación do libro Teoría do riso, de Antón Patiño, publicado en Xerais. No acto participan, xunto ao autor, Julián Hernández, Alberto González Alegre e Manuel Bragado.

Land Rover, de Suso de Toro, en búlgaro

DesdeSuso de Toro Land_rover_bulgaro-194x300 Brétemas, de Manuel Bragado:
“Contactei varias veces con Suso de Toro durante a súa viaxe camiño de Sofia onde foi convidado a presentar a súa edición de Land Rover en búlgaro. Unha publicación que constitúe outra proeza de Jonathan Dunne e Tsvetanka Elenkova, editores que apostan coma ningún outros coñecemos pola tradución da literatura galega, no seu caso ao inglés e ao búlgaro dende a súa editorial Small Stations. Xaora, esta tradución ten moita miga, tanto polo feito de poñer en valor diante doutro público outro dos nosos clásicos contemporáneos, escrito hai vinte e sete anos, que como Polaroid, Ambulancia, Tic Tac e A sombra cazadora revolucionaron a narrativa galega, como polo respecto e admiración co que sabemos está sendo recibido o escritor Suso de Toro. Esta tradución de Land Rover, novela na que está o xermolo da narrativa bíblica do autor, na que se inscriben a fábula e a historia, o mito e a realidade, espreita sobre a necesidade de estudar e pór en valor a obra dun autor fulcral das letras do noso tempo.”