Compostela: presentación dos catro textos galardoados nos premios de literatura dramática do AGADIC

O martes 3 de decembro, ás 19:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntanse os catro últimos textos galardoados cos premios de literatura dramática do AGADIC:
Isóbaras, de Gustavo Pernas Cora, Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais 2012, editado por Edicións Xerais de Galicia.
A cegueira, de Marcos Abalde Covelo, Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais 2011, editado por Edicións Xerais de Galicia.
Un mosquito de nome Henri, de Raúl Dans, X Premio Barriga Verde de textos para teatro de monicreques (modalidade infantil) 2012, editado por Baía Edicións, e
O refugallo, de Paula Carballeira, VI Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil 2011, editado por Edicións Xerais de Galicia.
No acto participan Jacobo Sutil, Manuel Bragado, Belén López, Gustavo Pernas Cora e Marcos Abalde Covelo.

Cuestionario Proust: Manuel Bragado

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Manuel Bragado.

“1.– Principal trazo do seu carácter?
– A paciencia, aínda que tamén a perdo.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A vontade e a tenrura.
3.– Que agarda das súas amizades?
– A sinceridade e a lealdade.
4.– A súa principal eiva?
– A dispersión, quizais por pretender facer máis do que o tempo permite.
5.– A súa ocupación favorita?
– Ler e escribir.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Viaxar polo mundo coa miña muller e a miña filla.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Perdelas.
8.– Que lle gustaría ser?
– Síntome un privilexiado por realizar o traballo de editor.
9.– En que país desexaría vivir?
– No que teño a fortuna de vivir.
10.– A súa cor favorita?
– Azul celeste.
11.– A flor que máis lle gusta?
– A camelia.
12.– O paxaro que prefire?
– A andoriña.
13.– A súa devoción na prosa?
-Ademais dos narradores e narradoras que edito, Rafael Dieste, Carlos Casares, Anxo Rei Ballesteros, Nélida Piñón, Bernardo Atxaga, Julio Cortázar, Ian McEwan, Margaret Atwood, Tabucchi, Jean Echenoz, Thomas Bernhard, Enrique Vila-Matas, Eduardo Mendoza, Isaac Rosa, Rafael Chirbes e moitos e moitas máis…
14.– E na poesía?
– Federico García Lorca, Ramiro Fonte, Antonio Gamoneda, José Ángel Valente…
15.- Un libro?
– Nunca hai un só libro. Marcáronme moito algúns dos que lin na adolescencia e que sei non revisitarei. Ao longo da vida cada lector percorre un camiño de lecturas único e irrepetible. O último libro que me entusiasmou foi O livro das horas de Nélida Piñon.
16.– Un heroe de ficción?
– Un dos moitos detectives literarios que admirei.
17.– Unha heroína?
– Hélène Jans, a protagonista de Herba moura de Teresa Moure.
18.– A súa música favorita?
– Gosto da MPB, conta con xenios como Paulinho da Viola ou Antònio Carlos Jobim.
19.– Na pintura?
– Aposto pola plástica galega, Colmeiro, Antón Pulido, Menchu Lamas, Antón Patiño, Antón Sobral, Guillermo Monroy, Xosé Freixanes, Fino Lorenzo …
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Os heroes anónimos, como o persoal educativo e sanitario ou todas as persoas que se ocupan dos coidados persoais a outros seres humanos.
21.– O seu nome favorito?
– María.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– Respecto os hábitos doutras persoas, aínda que non soporto os comportamentos que supoñan abuso.
23.– O que máis odia?
– Incomódame a intransixencia e o fanatismo.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– A de todos os ditadores.
25.– Un feito militar que admire?
– Creo que ningún.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– O don de linguas, do que carezo.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Consciente e acompañado polas persoas que me queren.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Esperanzado.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Esa vaidade “tan humana”.
30.– Un lema na súa vida?
– “Aposta pola hipótese máis favorable en cada momento”.”

Marín: presentación de Pontevedra nos anos do medo, de Xosé Álvarez Castro

O venres 29 de novembro, ás 20:00 horas, no Salón de Actos da Biblioteca Municipal de Marín (Avenida de Ourense, 6), preséntase Pontevedra nos anos do medo. Golpe militar e represión (1936-1939), de Xosé Álvarez Castro, publicado por Xerais. No acto, coorganizado pola Asociación de Memoria Histórica de Marín e a editra, participan, xunto ao autor, José Luis Pallín Justo e Manuel Bragado.

Compostela: presentación de Vento e chuvia, de Manuel Gago e Manel Cráneo

O venres 22 de novembro, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Compostela, preséntase o libro Vento e chuvia. Mitoloxía da Antiga Gallaecia, de Manuel Gago e ilustrado por Manel Cráneo, publicado en Xerais. No mesmo acto, os autores, acompañados por Manuel Bragado, contarán o making of do proxecto e Sole Felloza contará unha das historias.

Compostela: presentación de Ámote Leo A. Destino Xalundes, de Rosa Aneiros

O mércores 20 de novembro, ás 12:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase Ámote Leo A. Destino Xalundes, de Rosa Aneiros, publicado en Xerais. No acto participan, xunto á autora, Manuel Bragado e a colaboración especial de alumnos e alumnas do IES Eduardo Pondal de Santiago, acompañados pola profesora Mercedes Espiño.

Santiago: presentación de A memoria da choiva, de Pedro Feijoo

O venres 15 de novembro, ás 16:30 horas, no pub Modus Vivendi (Praza Feixoo, 1) de Santiago de Compostela, terá lugar unha roda de prensa de presentación da novela A memoria da choiva, de Pedro Feijoo, publicada en Xerais. No acto, xunto ao autor, participa Manuel Bragado.

Santiago: presentación de As palabras do silencio, de Ánxela Gracián

O xoves 14 de novembro, ás 20:00 horas, na Libraría Lila de Lilith (Rúa Travesa, 7) de Santiago de Compostela, preséntase As palabras do silencio, de Ánxela Gracián, publicado en Xerais. No acto participan, xunto á autora, os chineses Ye Wang e Lu Xu, quen farán unha dramatización da lenda orixinal do Qu Xi en chinés e galego, e Manuel Bragado. Durante os catro xoves seguintes (21 e 28 de novembro e 5 e 12 de decembro) terá lugar de 17:30 a 19:00 horas o obradoiro literario infantil Primeiro fun cartón agora son dragón impartido pola autora do álbum, dirixido a nen@s entre 4 e 8 anos.

Vigo: presentación de Historia de Galicia, de Anselmo López Carreira

O venres 8 de novembro, ás 20:00 horas, na Libraría Andel (Avenida das Camelias, 102) de Vigo, preséntase Historia de Galicia, de Anselmo López Carreira, publicado en Xerais. No acto, xunto ao autor, participa Manuel Bragado.