“Tivemos que facer presión para que a docencia fose sempre en galego”

Desde Sermos Galiza:
“Fanse corenta anos da primeira promoción de Filoloxía Galego-Portuguesa. Vinte e cinco persoas que a finais dos 70 apostaron contra vento e maré nunha carreira recén nada, conscientes de que,como eles propios nos explica, “o futuro era unha incógnita” e motivados en boa medida polo “compromiso con Galiza”.
A pouta da ditadura non esvaecera de todo e os 40 anos de represión e esmagamento da lingua e cultura galega estaban ben nídios. A década dos 70 preparábase para pasar o relevo á dos 80 e saía a primeira promoción de Filoloxía Galego-Portuguesa, unha colleita do 1978. Vinte e cinco persoas. Entre elas, Manuel Castelao, Vitoria Ogando, Anxa González Refoxo, Tareixa Roca, Ramona Giraldez, Anxo González Guerra, que achegan aquí reflexións e lembranzas sobre aquela carreira e aqueles anos.
Corenta anos despois, reflexionan sobre aquel paso: “É difícil na actualidade comprender o que era o alumnado universitario da altura e, particularmente, o vivísimo compromiso coa Galiza que caracterizaba un amplo sector do estudantado. No noso caso, a decisión de seguir os estudos de Filoloxía Galego-Portuguesa era indisociábel dese galeguismo apaixonado, vivido e reflexionado”.
Lembran unha carreira presidida por “un ambiente de grande cordialidade entre os colegas e mesmo cos das outras especialidades”, onde “as descubertas de cada un eran transmitidas e partilladas entre todos nun proceso de convivencia constante e de realimentación recíproca”. (…)”

Ditames do XVIII Certame de ensaio e narrativa Carvalho Calero

O xurado do XVIII Certame Literario e Lingüístico Carvalho Calero, presidido por Mercedes Carbajales, e con Ángeles González como secretaria, e integrado por Xabier P. Docampo, Rosa Aneiros, Carlos Pazos, Carlos Garrido e Victoria Salgado, deu a coñecer o seu fallo, anunciando que o catedrático e filólogo coruñés Manuel Castelao Mexuto resultou gañador no apartado de ensaio pola súa obra Elucidacións na sombra. Análise e interpretación de dúas pezas teatrais de Carvalho Calero. Na categoría de narrativa o premio quedou deserto por segundo ano consecutivo, xa que os traballos presentados non alcanzaron a calidade requerida nun certame que, recentemente, se decidía consolidar como bianual, co que a próxima convocatoria terá lugar no 2013. A entrega do premio celebrarase a finais de mes e destacaron a importancia da data, xa que neste ano se cumpre o centenario do nacemento de Ricardo Carvalho Calero, ilustre filólogo e escritor, membro numerario da Real Academia Galega e primeiro catedrático de Lingüística e Literatura Galega da Universidade de Santiago de Compostela. O gañador, Manuel Castelao Mexuto, verá editada a súa obra e recibirá un premio en metálico de 3.700 euros, destacando o xurado o traballo interpretativo e reflexivo, así como o gran esforzo didáctico do autor, ampliando así o seu público potencial. (Concello de Ferrol. Tamén se recolle a nova en Galicia HoxeDiario de Ferrol, Cultura Galega).