Entrevista inédita de Xoán Carlos Garrido a Francisco Fernández del Riego en Nós Diario:
“(…) – Xoán Carlos Garrido Couceiro (XCGC): Detéñeno en 1955 xunto con Manuel García Barros (Kenkeirades) a raíz dunhas cartas interceptadas a este último. Préndeno pola súa relación cos exiliados.
– Francisco Fernández del Riego (FFR): Eu estiven 24 horas nunha cela da comisaría. E despois, na Peregrina, interrogáronme tres policías. Un deles escribía e os outros golpeábanme. Dicíanme: “Vostede colabora coa prensa dos exiliados…”. Eu alegaba que eran artigos publicados en Galiza que reproducían eles, sen que eu lles enviase nada. Tamén lles comentei que neles saían artigos de Moure Mariño. E eles entón dixéronme “Como sabe vostede que Moure Mariño escribía aí se non recibía esas publicacións?”. Entón tiven que dicirlle que esporadicamente me teñen enviado algún e vin artigos alí del. Pero que barbaridade! Puxéronme os puños na cara… A miña cousa foi máis grave que a de Ken Keirades. A min considerábanme máis responsábel. Estiven con García Barros na prisión da Parda. (…)
– XCGC: Pero se falamos de resistencia cultural ao franquismo, un elemento fundamental foi a celebración do Día das Letras Galegas, e iso foi iniciativa da Academia.
– FFR: Foi iniciativa miña. Eu díxenlle a dous académicos: así como hai un día do libro español e se busca como efeméride o pasamento de Cervantes, podemos facer en Galiza unha cousa semellante. E dixéronme: iso non conduce a nada. E entón eu estiven buscando unha data simbólica e batín con Cantares Gallegos. O 17 de maio de 1863. Entón fixen un escrito. Os dous primeiros cos que falei non quixeron asinar, pero deillo a asinar a Gómez Román e a Ferro Couselo. Reuniuse a Academia, alí falouse do asunto e propúxose. Ao final foi aprobado por unanimidade. Non se atreveron a dicir nada en contra nin a votar non. E de aí arrincou todo. Critícase que debe ser todo o ano letras galegas, pero todo o ano non podemos facer unha declaración dunha institución. Iso teno que facer a xente, non a institución.
– XCGC: Cóntanos que a represión contra a nosa lingua e a cultura foi continua durante o franquismo de diferentes modos, pero en canto a sufrir cadea por isto, entendo que vostede non tivo máis detencións que a do ano 55, non?
– FFR: Tiven outra antes. Sometido a Consello de Guerra Sumarísimo. E estiven 15 días incomunicado. Houbo unha organización que se chamaba o UIL (Unión de Intelectuais Libres) e veu un coronel comunista, o Coronel Chacama, e veu aquí pórse en contacto cos intelectuais galegos para que formásemos parte da UIL. Nós vimos a manobra e negámonos. Ao cabo dun ano, un confidente, ou quen fose, dixo que eu fora nomeado presidente. De Vigo era Darío Álvarez Blázquez, Roberto González Pastoriza, un médico e eu. En Santiago era Ramón Baltar, Villanueva, catedrático da Universidade, e Otero.
Detivéronnos e metéronnos en celas individuais incomunicados. Constituíuse un Tribunal Militar e dixemos a verdade, que non eramos da UIL. E o coronel Chacama, que lle deron uns golpes que lle romperon as pernas a culatazos, dixo tamén a verdade de que non eramos da UIL. E como Ramón Baltar operara a muller do almirante xefe do Departamento Marítimo, pois sobreséronnos. Estivemos un mes máis ou así. Pero xa cos presos comúns.”
Arquivos da etiqueta: Manuel García Barros
A Estrada: presentación de Dos meus recordos e Enredos, de Manuel García Barros
Roteiros Literarios pola provincia de Pontevedra 2022
Os Roteiros Literarios pola provincia de Pontevedra 2022 son unha iniciativa da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega desenvolvida coa colaboración e patrocinio do Servizo de Cultura da Deputación de Pontevedra, co obxectivo de dar a coñecer as cidades e vilas do país da man das nosas autoras e autores, que exercen de guías tomando como base obras literarias propias ou alleas ambientadas nos diversos espazos da provincia de Pontevedra.
Todos os percorridos faranse a pé, a partir das 11:30 horas.
Hai 25 prazas para cada un deles. As inscricións (máximo de 2 roteiros por persoa que se inscriba) poden realizarse no formulario dispoñíbel aquí.
Os roteiros son os seguintes:
– Vigo. 29 de maio. Ana Abad de Larriva. Roteiro polo Vigo teatral a través do tempo. De 11:30 a 13:00. Partida: Porta do Sol.
– A Estrada. 5 de xuño. Xoán Carlos Garrido Couceiro. Manuel García Barros, o escenario da súa pluma insubmisa. De 11:30 a 13:00. Partida: Casa do Concello.
– Pontevedra. 19 de xuño. Elena Gallego Abad. CITA na Pontevedra de tinta e pedra. De 11:30 a 13:00. Partida: Centro de Interpretación das Torres Arcebispais (CITA).
– Cuntis. 26 de xuño. Héitor Picallo: O Baño (Cuntis), unha vila de augas e de letras. De 11:30 a 13:00. Partida: Praza das Árbores.
– Bueu. 3 de xullo. Míriam Ferradáns. Darse en auga. Os versos do azul. De 11:30 a 13:00. Partida: Biblioteca Torrente Ballester.
A Estrada: presentación de Sonoridade das auras. Poesía reunida, de Manuel García Barros
Crónica fotográfica do Roteiro Literario pola provincia de Pontevedra con Xoán Carlos Garrido Couceiro
Estas son algunhas das fotografías do Roteiro Manuel García Barros, o escenario da súa pluma insubmisa, na Estrada, no marco dos Roteiros Literarios pola provincia de Pontevedra 2022, que guiou Xoán Carlos Garrido Couceiro o domingo 5 de xuño. A crónica fotográfica completa pode verse aquí.
A Estrada: presentación de Manuel García Barros. Vida, obra e pensamento, de Carlos Loureiro Rodríguez, e Contiños da Terra, de Manuel García Barros
A Estrada: presentación de Aventuras de Alberte Quiñoi e Estampas desde o val, de Manuel García Barros
A Estrada: presentación de A pluma insubmisa. Ensaios inéditos, de Manuel García Barros
A Estrada: presentación da correspondencia entre Ben Cho Shey e Manuel García Barros
Santiago: xornada de celebración do XXV aniversario do Premio de Novela Manuel García Barros
O sábado 16 de novembro, ás 12:00 horas, na Cidade da Cultura (Centro de Emprendemento Creativo-Sala Camiño de Santiago), celébrase unha xornada de conmemoración do XXV aniversario do Premio de Novela Manuel García Barros. O programa é o seguinte:
– 12:00 h. Recepción de autoridades e invitados. Fotocall. Apertura con pezas musicais a cargo de Javier Otero.
– 12:10 h. Presentación do evento.
– 12:15 h. Proxección dun vídeo elaborado cos alumnos do IES Manuel García Barros da Estrada.
– 12:20 h. Intervención do alcalde da Estrada.
– 12:30 h. Nova peza musical (Javier Otero).
– 12:35 h. Breve semblanza de Manuel García Barros a cargo de Carlos Loureiro.
– 12:45 h. Intervención de Víctor F. Freixanes, director xeral da Editorial Galaxia.
– 12:55 h. Intervención do presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero.
– 13:05 h. Intervención dun representante dos gañadores.
– 13:15 h. Nova peza musical (Javier Otero).
– 13:20 h. Peche a cargo do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria (ao comezo, entrega dunha placa conmemorativa aos familiares de Manuel García Barros e, ao remate, entrega de agasallo conmemorativo aos 25 autores gañadores).
– 13:35 h. Peche musical (Javier Otero).
– 13:40 h. Foto de familia.
– 13:50 h. Cocktail de despedida na cafetaría da Cidade da Cultura.