Arquivos da etiqueta: Manuel Lueiro Rey
Entrevista a Ramón Nicolás sobre Manuel Lueiro Rey
Desde
o Diario Cultural da Radio Galega:
“”Lueiro quería deixar un testemuño vital a través da literatura do que viviu”. Ramón Nicolás é un dos organizadores da programación do Centenario Manuel Lueiro Rey. A entrevista pode escoitarse aquí.”
Pontevedra: presentación da reedición de Non debían medrar, de Manuel Lueiro Rey
Pontevedra: Camiño aberto. 100 anos do nacemento de Manuel Lueiro Rey 1916-2016
O Grove: 100 anos Manuel Lueiro Rey 1916-2016
O
venres 6 de maio, ás 19:00 horas, na Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey, no Grove, terá lugar o acto 100 anos Lueiro Rey 1916-2016, co seguinte programa:
– Proxección do proxecto audiovisual Lueiro Rey. 100 anos, realizado polos alumnos e alumnas do CEIP Doutor Suárez de Fornelos de Montes.
– Conferencia a cargo de Ramón Nicolás (biógrafo de Manuel Lueiro Rey) “Memoria de Lueiro Rey no seu centenario”.
– Actuación musical de Rosa Leiro (voz) e Juan Carlos Cambas (piano): obras musicadas de Manuel Lueiro Rey e outros autores galegos.
Durante o acto comezarase a recollida de sinaturas para solicitarlle á Real Academia Galega a concesión do Día das Letras Galegas a Manuel Lueiro Rey.
O que vén no 2016 (algunhas efemérides literarias e socio-culturais), por Ramón Nicolás
Desde
Caderno da crítica, de Ramón Nicolás:
“Quedan aínda algúns días para concluír o ano pero, nesta ocasión, adianto un chisco este apuntamento que, sen afán de exhaustividade, pretende achegarse ás liñas esenciais do que, se cadra, ha ocupar unha parte substancial da atención literaria ou socio-cultural ao longo do ano 2016. É evidente que salientará, en primeiro lugar, a figura de Manuel María, a quen se lle renderá homenaxe este vindeiro ano por mor da súa designación para o Día das Letras, converténdose por dereito propio nunha referencia ineludible, como tamén cumpriría que o fose a celebración tanto do centenario da creación das Irmandades da Fala na cidade da Coruña, sen esquecer a fundación do seu voceiro A Nosa Terra, como o asasinato de catro labregas e un labrego no lugar de Cans (Nebra, Porto do Son), que se negaron a pagar un imposto especial. Agardemos, pois, pasos adiante en todas estas conmemoracións.
Non debería ser menos, a meu entender, a atención que se lle debería prestar a un conxunto de voces do ámbito literario unidas por se celebrar o centenario do seu nacemento. Penso en Manuel Lueiro Rey, Miguel González Garcés, Xosé Velo, Raimundo García González “Borobó“, Lorenzo Varela e a xornalista e tradutora Amparo Alvajar; grupo ao que me permito unir o de Roald Dahl, moi presente no catálogo de diversas editoriais galegas.
No que se refire ao cincuenta aniversario hai un acontecemento sobre o que xa se traballa e que se cinguirá á relevancia do chamado “banquete de despedida” de Celso Emilio Ferreiro, celebrado no Hotel Roma de Ourense en maio de 1966, antes de que o celanovés collese camiño cara a Caracas: o acto, que foi unha das primeiras manifestacións públicas críticas co réxime franquista, ben merece ser lembrado. Por outro lado, tamén neste 2016 van cumprirse os cincuenta anos do falecemento do poeta Victoriano Taibo, do astrónomo Ramón María Aller, do sociólogo Victoriano G. Martí, do dramaturgo Xesús San Luís Romero e da escritora Herminia Fariña Cobián.
Por último, no que atinxe aos sesquicentenarios cómpre lembrar o que se corresponde ao nacemento do narrador ourensán Heraclio Pérez Placer e o do falecemento de Fontán, personaxe que recupera Marcos Calveiro para a súa recente novela homónima. No que di respecto de libros relevantes que se publicaron no 1966 é imprescindible citar O espello no serán, de Otero Pedrayo; o histórico Galicia hoy, de Ruedo Ibérico; o Elexías do Courel e outros poemas, logo reeditado baixo o título de Tempo de elexía (1991), de Uxío Novoneyra e, en América, os aínda hoxe imprescindibles volumes de Alberto Vilanova sobre os galegos na Arxentina e mais Decrúa, poemas de Gonzalo López Abente.
De certo que haberá máis conmemoracións e efemérides pero suxerir a celebración dalgunhas destas paréceme de xustiza.”
Casas literarias: Manuel Lueiro Rey
Desde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“9 de abril de 1916. Velaí a data precisa na que, hai case cen anos, viña ao mundo Manuel Lueiro Rey en Fornelos de Montes. Fillo do mestre Albino Lueiro Soto e mais de Adelaida Rey Couto, foi un neno feliz nas terras das abas do Suído a canda os dez irmáns. A casa, a súa casa de Fornelos, era casa grande e abastada, sita no centro mesmo da vila, ben preto do Concello e da Igrexa de San Lourenzo.
En Fornelos transcorreu a infancia de Lueiro Rey ata que tivo sete anos. A partir dese momento pasou a residir no Grove, a súa outra matria terrea, a onde marchou por mor dun novo destino docente de seu pai.
Secasí, Fornelos seguiu sendo o epicentro da ledicia, a badía acolledora na que recalar nos días gaios do San Lourenzo, festa maior que chega ao Oitavén. Foi tamén o espazo no que soerguer a bandeira da revolución progresista para cambiar o mundo da man das Xuventudes Comunistas Unificadas e con mitins por toda parte nas últimas eleccións republicanas.
E cando viñeron mal dadas, Fornelos foi o acubillo a onde fuxir, pois alí se agochou no lar dunhas tías carnais entre setembro do 36 e maio de 1937. E, des que acabou o conflito, foron aqueles eidos os que o abeiraron entre 1939 e 1941. A partir dese intre, Fornelos converteuse no lugar para as visitas familiares, as celebracións, os reencontros e, sobre todo, para a memoria da raíz das cousas, para a lembranza escrita, para os soños do poeta.
A casa dos Lueiro en Fornelos resiste, lánguida, o pasar implacable do tempo. Seica un conflito de herdades a mantén intocable, pois cónstame que as autoridades municipais e parte da descendencia do autor farían por ela de boa gana. Non son xurista, así que non sei dicir se, para estes casos, existe un modo de proceder e lograr que un ben cultural de valor simbólico non acabe por esmorecer definitivamente. Fago votos para que exista unha solución, para que os responsables públicos se acollan a ela e que os familiares que honran a memoria de Lueiro Rey nos dean a todos a alegría de que un día, non afastado, poida constituírse na sede dunha fundación que leve o seu nome.”
Manuel Lueiro Rey xa navega pola rede
Desde
o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Supón para min redactar este apuntamento unha auténtica regalía. Desde hai algún tempo percibía que Manuel Lueiro Rey debería gozar dunha maior visibilidade como escritor e que este proceso cumpría que se vehiculizase -aínda que non só- na rede. Nada mellor, pois, que idear unha web de carácter divulgativo que, a carón da información básica sobre o autor, recollese a actualidade que o autor, vinte e cinco anos desde o seu pasamento, aínda xera a día de hoxe Por outro lado, talvez, ninguén mellor que Carmen Carreiro para materializar esta idea, pois alén do seu traballo fundamental e da paixón que sempre depositou no labor de popularización de Lueiro, soubo acompañarse de persoas como Daniel Ferreiro -que realizou un magnífico traballo no que ao deseño e cuestión técnicas da web se refire- e, ao que sei, contou tamén coa colaboración da familia do escritor, que forneceu numeroso material gráfico, audiovisual e documental para este proxecto.
O resultado final, ao meu ver, merece todas as gabanzas. Convido, pois, a coñecer esta web premendo aquí, que incorpora numerosos e completos contidos de carácter biográfico e literario, bibliografía, noticias sobre os Premios Lueiro, un suxestivo arquivo audiovisual e un marabilloso álbum fotográfico, completándose tamén cunha sección de actualidade arredor do autor que, para os que acreditamos na “causa Lueiro“, será de consulta obrigada. (…)”
Fornelos de Montes: presentación de Manuel Lueiro Rey (1916-1990). A liberdade ferida
O
venres 9 de agosto, ás 12:00 horas, no Salón de Plenos do Concello de Fornelos de Montes (Casa do Concello, Praza da Igrexa, 1), preséntase Manuel Lueiro Rey (1916-1990). A liberdade ferida, publicado en Xerais. No acto, coorganizado polo Concello, a Asociación de Veciños O Cruceiro da Laxe e Edicións Xerais, participan Ramón Nicolás, Xesús Alonso Montero, Emiliano Lage Rodríguez, Carme Carreiro, Modesto Hermida e Manuel Bragado.
Nove poemas de liberdade. Lectura de poesías de Manuel Lueiro Rey
Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Un amigo advertiume da existencia deste vídeo que abaixo reproduzo e realizado no Colexio Público de Educación Infantil e Primaria «CEIP Doutor Suárez» de Fornelos de Montes, vila natal de Lueiro Rey. A gravación artellouse co gallo da entrega do I Premio de Poesía Manuel Lueiro Rey celebrada o 13 de abril deste ano.
Neste proxecto cada aula recita unha poesía do autor, que reparou con recorrencia e en toda a súa obra na infancia como motivo literario. Os meus parabéns por esta iniciativa.”



