
Entrevista de Manuel Xestoso a Marta Dacosta e Marga do Val en Nós Diario:
“(…) “En moitas ocasións denígrase a vocación política como motor da literatura, nunha contradición manifesta coa vontade das autoras. Sucedeu por exemplo, con Luísa Villalta, sobre a que se elaboraron moitos discursos que puñan o foco naqueles aspectos menos controvertidos da súa obra. Non queremos que suceda isto con Begoña Caamaño, quen declarou por activa e por pasiva que a súa militancia feminista e a prol da lingua galega facía parte indisolúbel da súa obra literaria”.
A escritora Marta Dacosta falaba así con Nós Diario sobre a autora de Morgana en Esmelle pouco antes da súa intervención na palestra Feminismo e literatura. O compromiso na escrita feminina. O exemplo de Begoña Caamaño, que tivo lugar onte no Centro Sociocultural das Fontiñas, en Compostela e na que interviron Marga Do Val e a propia Dacosta. O acto, segundo esta última, tiña vontade divulgativa, “queremos dar a coñecer a figura de Caamaño en todas as súas moitas facetas. Ela sempre se declarou feminista e aplicou esa definición tanto ao seu traballo de activista como a toda a súa obra literaria”.
Caamaño foi unha das promotoras da Asociación de Mulleres Galegas na Comunicación (MUGACOM), e militou en Mulheres Nacionalistas Galegas (MNG) e na Marcha Mundial das Mulleres -organizadora do acto de onte-, polo que salientar esta faceta da súa figura resulta fundamental para comprender a globalidade do seu traballo creativo.
As dúas novelas polas que é máis coñecida Caamaño inciden nesa necesidade de ter presente o seu compromiso á hora de avaliar a súa obra. Marga Do Val explica que “Circe ou o pracer do azul revisa a mitoloxía grega desde un punto de vista feminista; Morgana en Esmelle enlaza a materia de Bretaña co mundo de Cunqueiro, desde unha mirada feminina que opón os roles de Morgana e de Viviana aos propósitos e intencións de Merlín”.
Do Val inscribe ese proxecto de “reescribir” os mitos desde a óptica feminina nunha corrente que remonta á novela de Christine Brückner Se tiveses falado, Desdémona, ou a algunhas obras de María Xosé Queizán ou de Xohana Torres, en cuxos versos se apoia Caamaño. (…)”
Arquivos da etiqueta: Marcha Mundial das Mulleres
A Coruña: presentación da guía Recoñecer, actuar e restaurar, con Carme Adán
A Coruña: proxección do documental sobre Luz Fandiño A poeta analfabeta, de Sonia Méndez
Ferrol: Carga de dignidade. Acción artística popular, o domingo 2 de xuño
Trae a túa peza de roupa para pendurar na reixa de Navantia e participa nesta acción artística popular.
A crise é a escusa perfecta. A construción naval sábeo ben, foi a primeira asoballada. Pero agora veñen contra todos, sector por sector, empresa a empresa, veñen casa por casa. A crise económica é a gran burla negra contra toda a cidadanía. E en Ferrol hai ben tempo que se sabe, que se sufre, que se engule a negra sombra. Abonda!
Artistas e creadores agrupados en Radio Buguina chamamos a toda a poboación de Galicia a unha acción artística popular en Ferrol. Chamamos a seguir o exemplo daqueles traballadores e traballadoras do sector naval que nun arrouto de dignidade penduraron os seus buzos de traballo na reixa da factoría de Navantia. Chamamos a continuar este monumento á dignidade, cada quen coa súa peza de roupa, batas da sanidade, batas da limpeza, batas de laboratorio ou batas de casa, xerseis, pantalóns, togas, camisolas, fundas, buzos, saias, vestidos, camisas, blusas, uniformes, chaquetas, cazadoras, traxes, mesmo a roupa das nosas crianzas, todo aquelo ao fín que pola súa forma e colorido é digno de ser pendurado, todo o que tivo un eco, unha voz, un runxido por leve que fose, con tal que chegue a conmovernos.
Chamamos a construír un monumento, pero tamén a vivir un acontecemento, con músicas, palabras e radio ao vivo. Homes e mulleres equipados con escadas e bridas van axudar a cinxir, espetar ou pendurar as vosas pezas de roupa. Será unha obra efémera, pero durante un tempo mostrará a reixa de Navantia cargada coa roupade toda a xente, cargada de dignidade!
Domingo 2 de xuño, das 11:00 ás 14:00 horas, na Porta do Estaleiro, no barrio de Esteiro de Ferrol.
Para difundir, vexa aquí o cartel e o panfleto.
Unha acción de Radio Buguina organizada por:
Comités de Empresa de Navantia e delegados/as da Industria Auxiliar.
Sindicatos: Comisións Obreiras (CC.OO), Confederación Intersindical Galega (CIG), Unión Sindical de Traballadores de Galicia (USTG), Unión Xeral de Traballadores de Galicia (UXT-UGT).
Partidos políticos: ANOVA, Bloque Nacionalista Galego (BNG), Compromiso por Galicia (CxG), eQuo, Espazo Ecosocialista Galego (EcoSoGal), Esquerda Unida (EU-IU), Partido dos Socialistas de Galicia (PSdeG-PSOE).
Colectivos sindicais e movementos políticos: Asociación Unificada de Militares Españois (AUME), Mocidade Nacionalista Galega (MNG), Sindicato de Estudantes, Sindicato de Traballadores do Ensino de Galiza (STEG).
Asociacións e colectivos: A. C. Fuco Buxán, A. C. Lefre de Caldereta, A. C. Lendo Poesía, Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), Asociación Galega de Vitimas do Amianto (AGAVIDA), Asociación Memoria Histórica Democrática, Ateneo Ferrolán, Colectivo Acción Directa de Recuperación de Espazos Públicos, Colectivo Ártabra 21, Colectivo Sociocultural A Revolta de Trasancos, Marcha Mundial das Mulleres, Plataforma pola Defensa da Sanidade Pública Ferrol, Federación Veciñal de Ferrol (Roi Xordo).


