Arquivos da etiqueta: Mario Regueira
Santiago: actividades destacadas do 1 e 2 de maio na Feira do Libro
Continúa
a Feira do Libro de Santiago (no Paseo Central da Alameda) con horarios de 12:00 a 14:30 h. e de 17:30 a 21:00 h.
As actividades máis destacadas do martes 1 e mércores 2 de maio son as seguintes:
* Martes 1:
– 20:00 h. Mesa redonda: Segredos da novela histórica, coa participación de Marcos Calveiro, Pere Tobaruela e Fran Zabaleta. Ao final do acto, os autores asinarán exemplares dos seus libros.
* Mércores 2:
– 18:30 h. Presentación do libro Por un común denominador. A esquerda da nación, de Martiño Noriega, publicado por 2.0 Editora. Participan no acto Martiño Noriega e Manuel M. Barreiro.
– 19:00 h. Presentación do libro O silencio, de Mario Regueira, publicado por Xerais. Xunto co autor, participarán no acto Arturo Casas e Manuel Bragado.
– 20:00 h. Presentación de Dark butterfly de Rexina Vega. Intervirán: Armando Requeixo, Rosa Enríquez, Manuel Bragado e a autora
Ferrol: presentación de Outono aquí, de Mario Regueira, na Feira do Libro
O
sábado 21 de abril continúa a Feira do Libro de Ferrol (no Cantón de Molíns), onde, a partir das 19:00 horas, Mario Regueira falará sobre a súa novela Outono aquí, publicada en Sotelo Blanco, gañadora do último premio Lueiro Rei. No acto estará acompañado por Verónica Martínez Delgado.
Mario Regueira: “A cultura galega ten un grave problema de dimensión pública internacional”
Entrevista
a Mario Regueira en Letra en Obras:
“(…) – Letra en Obras (LO): “A sorpresa do lector non diminúe malia a dosificación da traxedia, o que fala moi a favor das boas artes do autor”, afirma unha crítica asinada por Inma Otero. Era a novela curta [Outono aquí] o mellor xeito de manter a tensión narrativa ao longo de toda a obra?
– Mario Regueira (MR): O termo “novela curta” é moi útil a nivel informativo pero non deixa de ser bastante relativo, como case sempre que falamos de xéneros ou subxéneros literarios. Esta novela anda preto en dimensións da anterior, que nunca foi cualificada de curta, e algunha amiga fíxome notar que con dous capítulos máis podería competir sen problemas nun premio de novela longa. Nese sentido, non diría que foi pensada á mantenta como curta, e aínda que é certo que cada dimensión narrativa esixe a súa propia arquitectura, non creo que a tensión narrativa sexa máis doada de conseguir nos percorridos curtos, só que as técnicas para lograla son diferentes. (…)
– LO: A miúdo debátese sobre a necesidade de internacionalizar a nosa literatura. Aínda que houbo algúns casos puntuais, os intentos por entrar nos mercados máis próximos (mesmo no Estado Español ou Portugal) apenas deron resultados. Que é o que falla á hora de darnos a coñecer fóra?
– MR: Fai falta existir. Hoxe por hoxe a cultura galega ten un grave problema de dimensión pública internacional, que ningunha das iniciativas pasadas conseguiu aminorar. Fóra do noso país non somos practicamente coñecidos e así é moi difícil suscitar algún tipo de interese, e moito máis cando o que queremos poñer nos mercados son as nosas historias. Non serei o primeiro galego que, ao ver que non escribía en castelán, lle preguntaron no estranxeiro se era vasco ou catalán e tivo que explicar durante un bo anaco que non era ningunha das dúas cousas. Anécdotas coma esta, que se repiten nos países máis variados, deberan facernos pensar que vascos e cataláns existen, e nós estamos, para a maioría da xente, fóra da ecuación. E iso aínda en contextos, como o portugués, que deberan sernos naturalmente favorábeis. (…)
– LO: Outro dos debates candentes é a irrupción de novos formatos (libros dixitais), fálase moito sobre unha realidade que está aquí pero á vez semella que o sector (editores, autores, mesmo lectores) está como agardando acontecementos.
– MR: É moi frustrante a posición da maior parte dos axentes culturais galegos sobre este tema, especialmente porque o noso contexto cultural nunca se caracterizou por ser conservador nin temeroso ante os cambios. Porén, é como se a transición do libro obxecto ao libro dixital espertase fantasmas agochados e paralizase á maior parte das persoas que teñen que protagonizar o cambio. Guste ou non, os formatos dixitais acabarán tendo un papel moi importante no futuro, un papel que aínda se está definindo pero do que a cultura galega non pode quedar fóra. O estatismo, cautela, ou temor de moitos destes axentes o único que fará é que queden fóra dun cambio que se producirá de todas formas, mesmo pasando por riba deles. (…)”
Vigo: presentación de Outono aquí, de Mario Regueira
O
xoves 12 de abril, ás 20:00 horas, na Libraría Librouro (Rúa Eduardo Iglesias, 12) de Vigo, preséntase a novela Outono aquí, de Mario Regueira, publicada en Sotelo Blanco, gañadora do Premio Manuel Lueiro Rei de novela curta no 2011. No acto, acompañando ao autor, participará María Lado.
Santiago: presentación de Outono aquí, de Mario Regueira
O
venres 23 de marzo, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase a novela Outono aquí, de Mario Regueira, publicada en Sotelo Blanco, gañadora do Premio Manuel Lueiro Rei de novela curta no 2011. No acto, acompañando ao autor, participan Marilar Aleixandre e Ánxela Gracián.
Dolores Vilavedra: De memoria e memorias
Artigo
de Dolores Vilavedra en El País:
“(…) Mario Regueira ensaia en Outono aquí ese xénero escorregadío que é a novela curta. Mais tanto ten neste caso: a densidade da escrita tece moitos vimbios nun cesto de aparencia enganosamente modesta mais de contido ricaz. Temas aparentemente abstractos como a memoria ou a loita por atopar a propia identidade vertébranse de xeito fluído cunha trama ben enxebre, que mestura herdanzas, liortas veciñais e violencia; no trasfondo, a alienación por mor da desvertebración das formas tradicionais de vida, rurais ou urbanas. Personaxes anódinos, que pelexan por seren eles mesmos e que atopan, sobrevivindo no cotián, a súa grandeza. O comezo da novela, fortemente climático, sementa a inquedanza e permite xa intuír a potencia narrativa que o texto agocha. (…)
Volta Rexina Vega, demostrando aos escépticos que quere ser algo máis ca unha escritora ocasional. En Dark butterfly aposta por un rexistro ben distinto, aínda que seguimos a identificar a mesma vontade literaria, parello afán de atopar voz propia e singular no actual concerto narrativo. Vega asómase agora ao mundo da esquizofrenia, ensaia a escritura como terapia, como áncora de salvación, como botella ao mar. Optando polo collage de modelos discursivos como fórmula semiotizadora para a alienación da protagonista, Vega convídanos a unha viaxe cuxa fin podemos adiviñar mais non por iso menos impactante. Descenso aos infernos pautado por alustres de esperanza, con algunha concesión ao tópico (a absenta, o ambiente da escola de Artes e Oficios), o conxunto resulta desoladamente convincente. (…)”
O Grove: entrega do Premio Manuel Lueiro Rey a Mario Regueira
O
sábado 28 de xaneiro o Concello do Grove entrega o premio da XVIII edición do concurso Manuel Lueiro Rey de novela curta, que este ano será para Mario Regueira pola súa obra Outono aquí. O premio entregarase nun acto literario que comezará ás 10:30 horas no salón de plenos da Casa do Concello. Iniciarase coa lectura de pasaxes do libro Manso, de Manuel Lueiro Rey, a cargo dos alumnos da ESO dos IES As Bizocas e Monte da Vila, e de todas aquelas persoas que decidan achegarse ata o lugar para participaren no evento. A entrega do premio terá lugar ás 12:00 horas.
Santiago: recital poético Picaversos, con Paco Macías, Iago Martínez e Mario Regueira
O
martes 20 de decembro, a partir das 21:00 horas, no Modus Vivendi (Praza de Feixoo) de Santiago de Compostela, chega outra edición do ciclo de lecturas poéticas Picaversos, en homenaxe a Lois Pereiro. Paco Macías, Iago Martínez e Mario Regueira lerán textos do poeta monfortino, co que o público asistente poderá escoitalo na voz deles e gozar, tamén, dalgunha das súas lecturas e músicas favoritas.
Pontevedra: actos literarios no Culturgal para o domingo 4 de decembro
A
Feira das Industrias Culturais, Culturgal 2011, remata este domingo 4 de decembro no Pazo da Cultura de Pontevedra, con horarios de 11:00 a 14:30 h. e de 16:30 a 21:30 h., e entrada libre até completar capacidade. Deixamos aquí o programa: Culturgal 2011, dentro dos que destacamos os seguintes actos literarios para este día:
Domingo 4:
– 11:30 h. Presentación de Guía didáctica de instrumentos musicais, publicada en Ouvirmos. No Salón.
– 12:00 h. Conversa de Xesús Fraga con Mario Regueira e Jacobo Fernández Serrano. No Salón.
– 12:00 h. Mamá Cabra: Xa me tardan eses magos, publicado en Galaxia. No Auditorio do Pazo.
– 12:30 h. Conversa de Xesús Fraga con Antón Riveiro Coello. No Salón.
– 13:00 h. Conversa de Xesús Fraga con María Xosé Queizán. No Salón.
– 14:00 h. Pere Tobaruela: presentación de Poñente, publicado en Xerais. A relación novelada de Galicia e Cataluña. No Salón.
– 16:30 h. Café con: María Xosé Queizán.
– 16:30 h. Fran Alonso: presentación de Ninguén, publicado en Xerais. A tecnoloxía e as relacións persoais. No Salón.
– 17:00 h. Presentación de A praza é nosa, publicado en Editora 2.0, unha ollada sobre o 15-M coordinada por Marcos Pérez Pena. No Salón.
– 18:00 h. Conversa de Teresa Cuíñas con Emilio Alonso e Víctor de las Heras sobre os seus libros (Vigo a 80 revolucións por minuto, e Vigo, a explosión dos 80, respectivamente) sobre a movida viguesa dos anos 80. No Salón.
– 18:30 h. Fran Alonso e Xurxo Souto: O meu gato é un poeta. No Cuarto dos Nenos.
– 19:00 h. Conversa de Teresa Cuíñas con Carlos Callón. No Salón.
