O cuarto de… Mercedes Queixas

Desde A Sega:
“Eu non nacín cun cuarto propio. Tiven que o inventar na primeira casa. Ás veces era a cama, antes de durmir, algo ás agachadas semiescuras; outras, era a mesa do comedor entre cadernos de deberes escolares e libros de texto. Aínda outras tiña que ser a mesa da cociña, fuxindo doutros labores e responsabilidades da casa, como filla primoxénita, propios do xénero, e acompañando coas mans a escrita e a lectura entre texturas e aromas dunha pota que puntualmente douraba rixóns para a economía familar.
O meu cuarto propio naceu canda todos os demais metros cadrados da casa de meu. Tiven que o pintar na segunda casa na que continuei a medrar até o de agora coas tres voces compañeiras que me amplifican todos os mundos. Puiden soñalo nos marcos do papel para a vida. Expoñer necesidades e reparto do espazo para o traballo profesional, para a escrita e a lectura. Valorar a entrada de luz natural para aproveitar a súa oportunidade. Ollar directamente a porta para vixiar idas e vindas das crianzas. E calcular a mesa curva para aproveitar ben o espazo de traballo.
Nos últimos vinte anos fóronme acompañando continuos saúdos e recepcións a novas lecturas que me rodean neste espazo compartido entre lembranzas fotográficas persoais, familiares e profesionais. Rosalía de Castro, Alexandre Bóveda, Manuel María, Lois Pereiro, Agustín Fernández Paz, Mª do Carme Kruckenberg, Begoña Caamaño van compoñendo, cara a cara, o mural iconográfico de pousos literarios. E, ás veces, no reparto equilibrado da mesa de cerdeira, retello columnas de folios e cadernos do meu alumnado xunto ás partituras da miña violínista preferida que me acompaña en ensaios descuberta.
A vista do traballo diario coas palabras, de tempos irregulares e condicionados, bate de fronte cun pequeno andel que, onda a chave da luz do cuarto, recolle os volumes propios que naceron, ao longo dos últimos vinte anos, para a lectura de ollos alleos e tactos prestados xenerosamente.
Porque, aos poucos, eu nacín ao meu cuarto propio.”

Roteiro literario: En feminino, con Mercedes Queixas, o 5 de maio

Desde o Concello da Coruña:
“Tipo de actividade: Visitas guiadas.
Tipo de público: Adultos, Xuvenil
Destinatarios: persoas maiores de 14 anos.
Cando: 05/05/2017
Inscricións: Dende o 28/04/2017 ata o 05/05/2017
Require inscrición
Horario: De 18:30 a 20:00 horas.
Contacto: binfantil@coruna.es. 981184388

Roteiro literario En feminino coa escritora Mercedes Queixas.
Se queres gozar dun paseo literario pola cidade de man da escritora Mercedes Queixas, esta é a túa oportunidade!
Faremos un percorrido por diferentes rúas da Coruña que levan nome de muller, co obxectivo de visibilizar o peso delas na historia da Coruña e dar a coñecer o seu traballo.
O roteiro constará dunha serie de paradas e iniciarase na rúa María J. Wonenburguer, na zona do parque do Vioño, e remataremos na Biblioteca Municipal Infantil e Xuvenil. No percorrido, teremos ocasión de achegarnos a diversas mulleres coma Mariana Pineda, Sofía Casanova, Emilia Pardo Bazán ou Modesta Goicouría, entre outras.”

Rosalía Fernández Rial e Mercedes Queixas entre as persoas nominadas para os premios Carballés do ano e Bergantiñán do ano

O Padroado Fogar de Bergantiños fixo públicas as persoas e entidades nominadas para os premios Carballés, Bergantiñán e Galego do ano. Na categoría de Carballés, foi nominada Rosalía Fernández Rial, e na de Bergantiñán, Mercedes Queixas.

Crónica videográfica do acto central do Día de Rosalía no Panteón de Galegos Ilustres (II)

O acto central do Día de Rosalía 2017, organizado pola AELG, co apoio de CEDRO, tivo lugar o domingo 19 de febreiro no Panteón de Galegos Ilustres, en Santiago de Compostela.

Aquí pode verse a crónica videográfica completa, da que destacamos hoxe estas intervencións:

Coral da Asociación cultural e musical Solfa: Negra Sombra.

Lectura de poemas rosalianos, con Larraitz Urruzola (Asociación de Actores e Actrices de Galicia – AAAG), César Goldi (AAAG), Federico Pérez (AAAG), Josi Lage (AAAG), Ricardo de Barreiro (AAAG), Andrea Dunia (AAAG) e Mercedes Queixas.

Coral da Asociación cultural e musical Solfa: Has de cantar.

Ofrenda floral e interpretación do himno.

Crónica fotográfica do Día de Rosalía de Castro na Coruña e Friol

Estas son algunas das fotografías dos actos promovidos pola AELG polo Día de Rosalía de Castro na Coruña e en Friol, o venres 24 de febreiro. A crónica fotográfica completa pode verse aquí.

A CORUÑA

FRIOL