Un día para min, de Xabier P. DoCampo

Desde o blog de Xabier P. DoCampo:
“Todas as persoas amigas que algunha vez pasades por este lugar, xa sabedes de que a AELG dedicoume este ano a súa homenaxe O escritor na súa terra. Letra E, así que aforro descricións e explicacións sobre do asunto e aproveito tempo e espazo para agradecer o que foi, para min, un dia de felicidade.
O evento levoume aos lugares dos meus primeiros acordos: Castro de Ribeiras de Lea (Castro de Rei – Lugo), alí xuntáronse xente da miña larga e cumprida familia, primeiro goce do día velos a todos e todas. Pero acudiron tamén as amigas e amigos máis queridos, que máis podo pedir que estar no medio deles?
Só agradecemento debo a AELG que quero facer público nos nomes de Cesáreo Sánchez Iglesias e de Mercedes Queixas Zas, respectivos presidente e secretaria da asociación. Pero tamén no dos outros membros da directiva: Marta Dacosta, Carlos Negro, Antonio Reigosa, Isidro Novo… E, como non, Ernesto e Ana, que, cheos de amor e xenerosidade, fixeron ese traballo de cada día e de cada intre que fai que todo funcione como debe.
E agradecemento debo tamén ao concello de Castro de Rei, que fago público no nome do seu alcalde Francisco Javier Balado, afectuoso e amábel, que fixo posíbel que Castro de Ribeiras de Lea garde agora a lembranza de min nunha pedra que contén as miñas palabras, nunha cerdeira que medrará para ser vida de min e dunha avenida que gardará o meu nome.
En fin, non é posíbel facer unha crónica axustada do día, porque habería ser posíbel facela das emocións, e estas escorren por entre as palabras e non se deixan fixar no papel, mais gárdanse na quentura da alma.
Outra emoción foron as bonitas palabras que me dedicaron: Cesáreo Sánchez Iglesias, no momento de descubrir o monólito e no acto da entrega da Letra E, palabras de poeta. As que dixo Mercedes Queixas ao ler a acta da concesión desta honra por parte da asemblea da AELG e cuxa cariñosa redacción translucía a autoría desta boa amiga. As que lle escoitei con emoción ao meu irmao Agustín Fernández Paz, que fixo unha laudatio á que o cariño lle poñía esaxeración, pero que era ben bonita de escoitar. Ao final falei eu para agradecer e para contar algo de min, do meu paso por Castro e polo mundo.
Grazas, amigas e amigos que organizastes este día para min. Obrigado fico coa miña familia que non faltou no medio doutras obrigas que chamaban por eles noutros lugares ou vinde ben lonxe só para me agasallar. Beizóns amigas e amigos de cada hora que o sábado estivestes comigo, para todos gardarei sempre un recanto ao quente no meu corazón (Verae amicitiae sempiternae sunt).
Para todas as persoas que asistiron ao xantar quixen eu tamén ter un agasallo especial e editei unha plaquette de 250 exemplares numerados e asinados por min, titulada Pedra e Tempo que contén o texto inscrito no monólito e cinco contos encadeados, penso que representativos dunha boa parte do meu xeito de escribir os relatos curtos. Para esa persoas, mais dedicado a todos os creadores e creadoras da patria da Lingua. Leva, non pode ser menos, na capa unha ilustración do meu irmao Xosé Cobas.
E grazas tamén a todas as persoas que me felicitaron por medio das redes sociais e con chamadas ou mensaxes telefónicas, imposíbel responder a todas, aínda que ben o merecían. Obrigado.
Como agasallo recibín unha fermosísima escultura de Silverio Rivas que representa unha letra E do século III, que me enche de orgullo ter na miña casa. Grazas tamén ao grande artista.”

A cerdeira de Xabier P. DoCampo xa medra na Chaira

Desde Sermos Galiza (foto dese mesmo medio), tamén en Praza:
“Con só sete meses Xabier P. DoCampo, nado en Rábade, foi vivir a Castro de Ribeiras de Lea de onde se sitúan as súas lembranzas da infancia, o tempo de máis importancia vital para o escritor. En Castro de Ribeiras de Lea, na Terra Chá, orixínase tamén a súa traxectoria literaria, nos relatos escoitados a seu pai e nos versos e contos que a nai transmitía á pé da súa máquina de coser, onde o cativo Xabier pasaba un feixe de horas. A ese espazo é onde Xabier P. DoCampo escolleu ir para recibir a homenaxe O escritor na súa Terra que este sábado día 21 lle tributou a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega. “O acto de amor máis sublime que coñezo é contar unha historia”, dixo o escritor, referíndose tamén á herdanza recibida dos seus pais en forma de literatura oral.
En Castro plantou Xabier P. DoCampo unha cerdeira, a súa árbore preferida, en especial, no seu tempo florido e tamén a árbore que lembra da infancia, cando soñaba poñerse debaixo das súas ponlas a apañar as primeiras cereixas. En Castro inaugurou tamén unha avenida que leva xa o nome do escritor e recibiu a letra E, na forma de escultura de Silverio Rivas. Na Casa da Cultura recibiu o escritor o agarimo dos seus, dos compañeiros e compañeiras das letras que partillaron a memoria de infancia de Xabier P. DoCampo e, en especial, do presidente da AELG, Cesáreo Sánchez, e do escritor e amigo Agustín Fernández Paz, encargado da laudatio da homenaxe.
En dez mandamentos resumiu Fernández Paz o labor de Xabier P. DoCampo que vai desde unha traxectoria literaria recoñecida até un papel fundamental nos movementos de renovación pedagóxica e de moito compromiso en multitude de iniciativas e plataformas creadas para promover a normalización lingüística. Ademais, bo cociñeiro e excelente amigo co que compartiu, entre outras cousas, moitas películas vistas ao tempo, afección que tamén os une. Compañeiro da que Xabier P. DoCampo definiu como a xeración que volveu a “soñar o país”, Agustín Fernández Paz utilizou o plural para lamentar que agora lles tocara “ver que doado é derrubar todo o que levou tantos anos erguer”.
Malia ese pesimismo compartido, a intervención de Xabier P. DoCampo transmitiu a súa vontade vital de revolta da que tanto saben quen o coñecen e quen sigue a súa traxectoria pública de compromiso permanente co país, a lingua e a cultura. “Ningún esforzo é inútil na defensa da nosa lingua”, dixo, nun discurso que comezou referíndose a súa infancia, evocada pola Chaira como territorio literario creado por Manuel María -segundo defende- e como territorio vital que remite aos seus primeiros anos, ao tempo do neno da escola rural que se ía facer escritor empurrado pola lingua e as historias que escoitou naquela terra. O amor á lingua, á nación e a vida presidiron a emocionante intervención do escritor que volveu e levou canda el á República das Letras a Castro de Ribeiras de Sil onde xa medra unha cerdeira que formará parte da paisaxe da Chaira.
Acompañaron no acto a Xabier P. DoCampo entre outros e outras Cesáreo Sánchez Iglesias, Xosé Miranda, Manuel Bragado, Álvarez Torneiro, Marta Dacosta, Saleta Goi, David Otero, Xoán Costa, Paco Martín, Celia Torres, Mini e Mero, Carlos Negro, Marica Campo, Carme Pérez Sanjulián, Antón Cortizas ou Mercedes Queixas. Do mundo da política asistiron tamén o responsábel de cultura da Deputación de Lugo, Mario Outeiro e as deputadas do BNG Ana Pontón e Carme Adán ademais dos alcaldes de Rábade, onde naceu o escritor, e o de Castro de Rei que desexou que da cerdeira naceran tantas cereixas como libros escribiu e escribirá Xabier P. DoCampo. O escritor desexou que foran os merlos os que se aproveitaran do gorentoso froito.”

O escritor na súa terra: Xabier DoCampo. Castro Ribeiras de Lea, 2014, o sábado 21 de xuño

A Homenaxe O Escritor na súa Terra, impulsada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), chega este ano á súa XX edición recaendo, por decisión unánime da súa Asemblea de Socios e Socias, na figura de Xabier P. DoCampo, que será homenaxeado en Castro de Ribeiras de Lea, terra onde se criou.
Esta iniciativa anual conforma xa unha tradición na traxectoria da Asociación, e tense constituído ao longo de dúas décadas como unha celebración na que a terra de orixe do homenaxeado cobra un protagonismo fundamental. É vontade da AELG honrar escritores/as procurando o contacto directo co autor/a e a súa implicación persoal na xornada de homenaxe.
Unha celebración múltiple e popular na que se vén recoñecendo a entidade literaria de insignes figuras das nosas letras, a través dunha serie de eventos como a entrega do galardón Letra E de escritor/a (unha peza escultórica de Silverio Rivas), a plantación dunha árbore simbólica (unha cerdeira elixida polo propio autor), a colocación dun monólito conmemorativo e a atribución do nome do homenaxeado a un espazo público, neste caso á avenida da Casa da Cultura de Castro Ribeiras de Lea e o Mercado de gando.
A AELG conta coa colaboración da Área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo, da Consellaría de Cultura, do Centro Español de Derechos Reprográficos (CEDRO) e do Concello de Castro de Rei.

PROGRAMA DE ACTOS

11:30 h. Casa da Cultura de Castro Ribeiras de Lea (Avenida da Terra Cha, 17).
Descubrimento do Monólito conmemorativo e plantación da cerdeira (árbore simbólica do escritor).
Interveñen:
Cesáreo Sánchez, Presidente da AELG.
•Mario Outeiro, Deputado delegado de Cultura da Deputación Provincial de Lugo
•Francisco Xosé Fernández Montes, Alcalde de Rábade.
•Francisco Javier Balado Teijeiro, Alcalde de Castro de Rei.
Xabier P. DoCampo.

Descubrimento da placa que atribúe o nome do homenaxeado á avenida (Avda. Xabier P. DoCampo).

Acto de entrega da “Letra E” (Casa da Cultura de Castro Ribeiras de Lea).
Interveñen:
•Francisco Javier Balado Teijeiro, Alcalde de Castro de Rei.
Mercedes Queixas Zas, Secretaria Xeral da AELG.
Cesáreo Sánchez Iglesias, Presidente da AELG.
Agustín Fernández Paz: Laudatio.
Entrega da peza escultórica do artista Silverio Rivas.
•Intervención do homenaxeado: Resposta á laudatio por parte de Xabier P. DoCampo.

14:00 h. Xantar de confraternidade. Restaurante Río Lea (Avenida da Terra Cha, 54).

Aberto aos/ás socios/as da AELG, á veciñanza de Castro de Rei e demais persoas interesadas. É preciso confirmar asistencia, até o 17 de xuño –inclusive–, en oficina@aelg.org ou 981 133 233, de luns a venres, de 09:00 a 14:30 h. As prazas no restaurante son limitadas: agradecemos que faga a súa reserva canto antes.

Vexa aquí o programa en pdf e mais o cartel.

Eli Ríos gaña o XVIII Certame Francisco Añón de poesía

Onte, onde o mundo se chama Bernardo Atxaga, por Ramón Nicolás

Desde o blogue Caderno da crítica, de Ramón Nicolás:
“Declarouse onte Bernardo Atxaga un siareiro absoluto do título do famoso libro de Celso Emilio Ferreiro, confesando que mesmo chegou a empregalo, con modificacións, nun limiar para unha edición estranxeira dalgunha obra súa e de aí o título deste apuntamento. Con todo, debo comezar por sinalar que supuxo unha fortuna onte poder acompañar a Anxos Rial, concelleira de Cultura de Pontevedra, Mercedes Queixas, secretaria da AELG, e ao escritor vasco, no Pazo de Mugartegui con ocasión dunha conferencia que ditou baixo o título de Reaccións ante unha pedra riscada.
Por veces todo aquilo que atesoura unha obra literaria ou, cando menos parte dela, pode ser revelado nun discurso de pouco máis de media hora. Iso foi o que aconteceu onte cun discurso que contrapuxo, ou confrontou, as interpretacións dos trazos peculiares dunha pedra que se derivarían dunha lectura materialista-científica ou doutra que se derivaría de aplicar unha clave imaxinativa. Polo medio circularon os asombros, os medos, as maxias, os bosques, as pantasmas, as paisaxes da conciencia e a subxectividade para chegar a Rousseau, cando na literatura comeza a rastrexarse algo íntimo e persoal, e concluír nas orixes da escritura, no pranto contido no Gilgamesh onde, por certo, se atravesaba un río que se chamaba Ulla. Velaí, finalmente, como a explicación máis subxectiva dos riscos distintivos que posuía aquela pedra, o que no fondo hai na literatura,  pode ser unha lectura tan válida, ou máis, para enfrontarse á vida como a outra.
Para min, que lera aquela Obaba fascinante en castelán, hai xa vinte e cinco anos, onte supuxo un verdadeiro día de festa. Eskerrik asko, Atxaga. Grazas tamén a Paz Castro polas fotografías: arriba, de dereita a esquerda, Marta Dacosta, Cesáreo Sánchez Iglesias, Bernardo Atxaga, Mercedes Queixas e Antía Otero).”

Eli Ríos recolle en Fornelos o premio Lueiro Rey nun acto de homenaxe ao escritor

Desde Sermos Galiza:
“A Asociación de Veciños O Cruceiro da Laxe e o Concello de Fornelos de Montes organizan o acto de entrega da segunda edición do Premio de Poesía Lueiro Rey no que será unha nova homenaxe ao escritor no concello no que naceu. A poeta Eli Ríos recitará algunhas das composicións de Anamnese, o título polo que recibirá o segundo premio Lueiro Rey de poesía. Canda ela, Silvia Penas, anterior gañadora e Elvira Riveiro, participarán no acto literario no que tamén intervirán Mercedes Queixas, voceira do xurado e secretaria da AELG, ademais de Ramón Nicolás, coordinador do volume colectivo sobre o escritor e o presidente da RAG e amigo de Lueiro, Xesús Alonso Montero.
A xornada comezará o domingo día 27 ás 11:30 h. coa inauguración da rúa Lueiro Rey no seu concello natal, nun acto especial xa que é a primeira ocasión na que en Fornelos se lle pon o nome do escritor a un espazo público.”

De contos polas tabernas de Carballo

Desde Sermos Galiza:
“A iniciativa Contos de taberna petou á porta de catorce estabelecementos da vila e dunha equipa de creadores ligados a Carballo (tanto do mundo da escrita coma das artes plásticas) para proporlles o seguinte: que cada autor, que cada autora, escribira un texto inspirado en cada un dos locais, que sería ilustrado por unha ou un artista plástico. Os resultados poderán coñecerse entre o 23 de abril, Día do Libro, e o 17 de maio, Día das Letras. A quen acuda aos locais participantes e faga un gasto mínimo nunhas consumicións estabelecidas, seralle entregado o conto ficcionado sobre ese estabelecemento. Ás persoas que os reúnan todos, o Concello regalaralle unha caixiña especial onde poder gardalos.
Esta é unha das iniciativas do programa Quedamos en Carballo, que ao longo deste ano, e da man da Concellería de Promoción Económica carballesa, está a levar a cabo diversas accións que botan man da cultura para promocionar o comercio local e a economía da zona. (…)
Os textos están escritos por un grupo amplo de creadoras e creadores vinculados a Carballo, algún deles ben coñecido como Xurxo Borrazás. Participan coa súa escrita Ignacio Silva, Santi Garrido, Xurxo Borrazás, Ramón Vilar Landeira, Fernando Cabeza Quiles, Cristina Abelleira, Mercedes Queixas, Henrique Mariño, Alberto Varela Ferreiro, Xosé Antón Andrade, Paco Souto, María Canosa, Rosalía Fernández Rial e Beatriz Fraga.
Os textos serán ilustrados por varias e varios artistas vinculados á zona, ben por teren nacido aquí, ben por teren participado en iniciativas, como Derrubando muros con pintura, ligadas á capital bergantiñá. Participan na iniciativa cos seus debuxos Roberta Venanzi, Mon Lendoiro, Eva Facal, Paula Fraile, Antonio Taracido, Emi de las Heras, Cristina Castro, Antonio Reino, Santi Picos, Alberto Varela Ferreiro, Milagros Cotelo, Pedro Tasende, Lidia Cambón e O´Mighelo.”