Desde
Sermos Galiza:
“O Incio é o concello escollido pola propia Marica Campo para que os seus compañeiros e compañeiras das letras lle rendan homenaxe outorgándolle a letra E que vencella a quen recebe o tributo coa súa terra. Alí naceu Marica Campo e alí volvía nos inesquecíabeis veráns no Val do Mao que a escritora lembra como “un espazo para a liberdade e as aventuras infantís. Dese tempo, son as “mil e unha trasnadas” protagonizadas polas sete irmáns máis o irmán e un curmán que compartían xogos de verán.
Naceron alí tamén os primeiros escritos dunha autora que conta xa cunha ampla e recoñecida bibliografía na que visita diversos xéneros, da poesía á narrativa, pasando polo xornalismo ou o ensaio. “Eu, xa de moi nena, escondíame nun pombal que había no fondo da horta para escribir historias que me inspiraban as cancións que escoitaba na radio ou no gramófono ao que lle había que dar manivela”, lembra no seu relato autobiográfico recollido na propia páxina da AELG da escritora que é tamén autora de numerosas letras de cancións.
Humoristas Bos e Xenerosos
Xosé Lois, “O Carrabouxo”, Pepe Carreiro, Xaquin Marín, Siro López e Gogue son, para a AELG, os Bos e Xenerosos desta edición do 2013, cinco humoristas gráficos que recollerán de forma colectiva o galardón anual das persoas protagonistas da literatura. En canto ás institucións, o galardón da entidade presidida por Cesáreo Sánchez Iglesias decidiu recoñecer o traballo das asociacións culturais nacidas nos anos setenta e oitenta. O Galo de Compostela, O Facho e Alexandre Bóveda da Coruña, Auriense de Ourense, Lumieira de Carballo, Medulio de Ferrol e Francisco Lanza de Ribadeo son as agrupacións que naceron con vontade de difundir e apoiar a cultura galega e que despois de máis de catro décadas continúan en activo.
Confirmouse tamén o Premio AELG 2013 á Escritora Galega Universal para a portuguesa Lídia Jorge e sumou un novo galardón, o de Mestres/as da Memoria que premiará a informantes da literatura de tradición oral que contribuíran de maneira decisiva a recuperar o noso patrimonio.
Galeusca en Pontevedra
A AELG será desta volta a anfitriona do convívio entre as literaturas catalá, vasca e galega que cada anos ten lugar nunha das tres nacións. Á asociación galega decidiu que esta trixésima edición que lle toca organizar terá lugar na cidade de Pontevedra no mes de novembro e estará dedicada á literatura infantil e xuvenil.
Finalmente, a asemblea da AELG aprobou renovar o anterior Consello Directivo incorporando ás escritoras Rexina Vega e Alicia Fernández.”
Arquivos da etiqueta: Mestres/as da memoria
Nova gravación para a sección Mestres/as da Memoria do portal da AELG
A
Sección de Literatura de Tradición Oral da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega dá continuidade ao proxecto Mestres/as da memoria, iniciado en 2010.
Este proxecto deriva das Polafías, organizadas pola Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG, que se veñen celebrando desde 2007 e que, coa vindeira en Monte Alto, chegaremos ás 22.
Mestres/as da memoria intégrase na web da citada sección no portal da AELG, e consiste na gravación persoal de informantes valiosos/as en literatura de tradición oral identificados nas polafías, auténticas minas de coñecemento.
En xullo de 2010 abrimos este capítulo con Elba Requeijo, que participou nas polafías de Outes e Mondoñedo e que é un portento de memoria, recitado ou narrativa.
Dentro dunha comunidade, as persoas que tiñan mellores técnicas de comunicación asumían o papel de transmisores/as do coñecemento, a propia comunidade llelo cedía. Un valor que hoxe en día está menosprezado, e que esta iniciativa intenta recuperar .
O sábado, 5 de novembro, gravaremos a Ángel Rivas Veiga en Orxas, Pastoriza; e en Santaballa, Vilalba, a Josefa Arias.