O Carballiño: presentación de Un dente sen cadáver, de Miguel Anxo Fernández

O Miguel Anxo Fernándezxoves 11 de agosto, ás 20:30 horas, na Praza Maior do Carballiño, Miguel Anxo Fernández presenta Un dente sen cadáver, publicado en Galaxia. No acto, xunto ao autor, participan Paco Fumega, Xosé Prada e Luís González Tosar.

Feira do Libro da Coruña: actividades literarias destacadas do sábado 6 e domingo 7

OFeira do Libro da Coruña 2016 cartaz domingo 7 de agosto continúa a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, s/n.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:30 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para estes días:

Sábado 6
19:00 h. Xosé Duncan asinará exemplares de Negruña, publicado por Urco Editora, na caseta de Berbiriana.
20:00 h. Concha Blanco asina exemplares da súa obra na caseta de Edicións Embora.

Domingo 7
13:00 h. Contacontos a cargo de Miguel Ángel Alonso Diz, organizada por Nova Galicia Edicións.
20:30 h. Presentación de Un dente sen cadáver, de Miguel Anxo Fernández, publicado en Galaxia. Intervirán o autor e o editor Carlos Lema.

Taboleiro do libro galego XLV (xuño e xullo de 2016), por Ramón Nicolás

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Neste primeiro día de agosto o Caderno da crítica incorpora a referencia das novidades editoriais publicadas en lingua galega máis demandadas ao longo dos meses de xuño e xullo deste ano que andamos. Nesta ocasión, a información subministrárona amablemente un total de doce librarías ás que se lles agradece a cortesía nestas datas complicadas para estes requirimentos: Biblos, de Betanzos; Andel, Cartabón, Libros para Soñar e Librouro, de Vigo; Moito Conto e Suévia, da Coruña; Cronopios de Santiago de Compostela e Pontevedra; Lila de Lilith, de Santiago de Compostela; Trama, de Lugo; Airas das Letras, de Allariz e Miranda, de Bueu. (…)

NARRATIVA
1º-. Ramón Nicolás, O espello do mundo, Xerais.
2º-. Inma López Silva, Aqueles días en que eramos malas, Galaxia.
3º-. Manuel Gago, O anxo negro, Xerais.
4º-. María Reimóndez, A dúbida, Xerais.
5º-. María Solar, As horas roubadas, Xerais.
6º-. Diego Giráldez, Galería de saldos, Xerais.
7º-. Francisco Castro, Amor é unha palabra coma outra calquera, Galaxia.
8º-. Manuel Rivas, O último día de Terranova, Xerais.
9º-. Xosé Monteagudo, Todo canto fomos, Galaxia.
10º-. Miguel Anxo Murado, Libro de horas, Galaxia.
11º-. Miguel Anxo Fernández, Un dente sen cadáver, Galaxia.
12º-. VV.AA., Contos do Sacaúntos. Romasanta, o criminal, Urco.
13º-. Xabier Quiroga, Izan, o da saca, Xerais.
14º-. Fran P. Lorenzo, Cabalos e lobos, Xerais.

POESÍA
1º-. María do Cebreiro, O Deserto, Apiario.
2º-. Carlos Negro, Masculino singular, Xerais.
3º-. VV.AA., 6 poemas 6. Homenaxe a Federico García Lorca, Biblos.
4º-. Gonzalo Hermo, Celebración, Apiario.
5º-. VV.AA., Dez anos na Porta, A porta verde do sétimo andar.

ENSAIO-TEATRO
1º-. Isidro Dubert (ed.), Historia das historias de Galicia, Xerais.
2º-. Esther F. Carrodeguas, Voaxa e Carmín, Difusora.
3º-. VV.AA., Atlas arqueolóxico da paisaxe galega, Xerais.
4º-. Xosé Manuel Beiras, O proxecto común da nación galega, Laiovento.
5º-. Uxío-Breogán Diéguez Cequiel (coord.), As Irmandades da Fala (1916-1931), Laiovento.
6º-. VV.AA., Poesía hexágono, Apiario.

XUVENIL
1º-. Ledicia Costas, Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta, Xerais.
2º-. Fran Alonso (ilustrador Dani Padrón), Contos nerviosos, Embora.
3º-. Antonio G. Teijeiro, Raiolas de sol, Galaxia.
4º-. Manuel Sánchez Gálvez, Maelström, Maelström, Galaxia.
5º-. Celia Díaz Núñez, A boca do monte, Galaxia.

INFANTIL
1º-. Ledicia Costas – Víctor Rivas, Esmeraldina, a pequena defunta, Xerais.
2º-. Ledicia Costas – Víctor Rivas, Escarlatina, a cociñeira defunta, Xerais.
3º-. Justin Richardson e Peter Parnell, Con Tango son tres, Kalandraka.
4º-. Federico Fernández e Germán González, Balea, Kalandraka.
5º-. El Hematocrítico, Feliz Feroz, Xerais.
6º-. Manuel Rivas, Bala perdida, Xerais.
7º-. Gracia Iglesias e Rosa Osuna (ilustración), O fío, Kalandraka.
8º-. Eli Ríos, Marta e a píntega, Galaxia.

LIBROS CD-DVD
1º-. Paco Nogueiras e David Pintor,  Brinca vai!,  Kalandraka.
2º-. Sérgio Tannus e Luís Barbolla (ilustracións), Alegría!, Galaxia.
3º-. Paulo Nogueira e Magoia Bodega (ilustracións de Mariona Cabassa), Non hai berce coma o colo, Kalandraka.
4º-. Uxía e Magín Blanco, Canta o cuco, Galaxia.
5º-. Gelria, Cantos de poeta, Gelria.

BANDA DESEÑADA
1º-. Miguelanxo Prado, Presas fáciles, El Patito Editorial.
2º-. Luís Davila, O bichero VI, Edición do autor.
3º-. Xosé Tomás, Manual de escola, AS-PG.”

VARIOS
1º-. Benigno Campos, Peixes e mariscos, Galaxia.
2º-. VV.AA., Luzes de Galiza, nº 32.

Miguel Anxo Fernández: “Polas veas de Frank Soutelo flúe a retranca galega”

EntrevistaMiguel Anxo Fernández de Xesús Fraga a Miguel Anxo Fernández en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Nesta novela [Un dente sen cadáver] conflúen na trama dende a especulación urbanística á explotación de mulleres…
– Miguel Anxo Fernández (MAF): A actualidade soe marcar as tramas na procura da complicidade dos lectores, aínda que tamén evito a retórica. Intento ofrecer lecturas parellas de temas que ao tempo asoman o lado escuro da condición humana. Por desgraza a especulación mantense viva, como a violencia contra as mulleres e a súa explotación.
– LVG: A novela negra pode ser pura, paródica, para recrear un personaxe ou esculcar nos males da sociedade. ¿Cal destes factores ou outros pesan máis na serie?
– MAF: Teño moi claro que fuxo de poñer a Frank Soutelo nun púlpito para arengar ao lector con simplezas. Quédome co que teña de puro un fulano que arremete contra o peor da sociedade pero á súa maneira, mesmo saltándose as normas e ás veces entre certa confusión moral. Pero tampouco renuncio ao humor. Polas veas de Soutelo flúe retranca galega e procuro rodealo de tipos que dean un certo xogo divertido, caso do funerario de Los Ángeles, Sugar Jones, e o propio Poncio, taberneiro en Muros.
– LVG: Tres casos en Estados Unidos e outros tres en Galicia. ¿Soutelo é o que agora se denomina un emigrante transnacional?
– MAF: O seu pai foi garda de asalto na República e houbo de fuxir para rematar en Nova York, pero era amigo do gaiteiro de Soutelo, Avelino Cachafeiro; era un tipo comprometido coa cultura propia. Iso pasoullo a Frank, non así á súa irmá? Os seus casos norteamericanos teñen un ton máis de xénero, máis apegado ao cine: alí vai de tipo solitario co único apoio da súa secretaria, Pat Pérez, neta dun fragueiro lugués forrado en Oklahoma. Pero aquí atópase con amigos cos que intima, ten familia que o acolle, e iso cambia a súa perspectiva. Gusta de Galicia e viaxa moito por ela, aínda que por veces cústalle entendela. Temos menos habitantes que Los Ángeles; non chegamos ao 10 % da extensión de California. Outro tanto coa paisaxe, coa xente, e mesmo coa criminalidade. Hai un toque diferencial a salientar. (…)”

Entrevista a Miguel Anxo Fernández na revista Palavra Comum

EntrevistaMiguel Anxo Fernández a Miguel Anxo Fernández en Palavra Comum:
“(…) – Palavra Comum (P): Que supõe para ti a literatura?
– Miguel Anxo Fernández (MAF): Non son quen de procurar respostas transcendentes nin vagar polos recantos da retórica para esta cuestión, pode que pola miña condición de historiador vinculado ao audiovisual, que entende máis de imaxes que de palabras… Entendo a literatura como unha variante da comunicación pola vía da expresión escrita. A necesidade de contar historias porque na outra banda hai alguén disposto a aprecialas e a poñer o seu goce nelas. Se non existe ese elo, escritor-lector, entendo que non é literatura, é simplemente onanismo, á marxe de que uses de ferramentas de estilo que poderán ser máis ou menos sofisticadas, ou mesmo de estruturas narrativas audaces. Todo iso podo entendelo, pero nunca en contra da comunicación no sentido máis fondo da expresión, como sinónimo de empatía. E, naturalmente, o compromiso da literatura co entorno social e histórico no que vive, a súa condición de voceira da realidade.
– P: Como entendes o processo de criação literária?
– MAF: No meu caso laborioso, pero ao tempo dando prioridade á historia que vou contar. Quero dicir, procurando que leve un aquel de orixinalidade que sorprenda ao lector. Para contar o mesmo, xa o fixeron outros. Despois está a variante estrutural e de estilo. Iso tamén require consideración, sobre todo ao lector. Fuxir da idea de que o lector, como é soberano, está na obriga de asumir as ocorrencias, os experimentos e os xogos literarios en nome de non sei que patrón ou cousa… Por iso me mete medo cando escoito a verba “experimental”. É tan feble a liña que separa iso da arroutada, que me poño moi á defensiva. No cinema, os clásicos dicían que só aspiraban a “contar historias”. Cando escribo teño iso por única aspiración. Iso non implica rexeitar o agarimo coa lingua e porse de costas aos tempos que corren. (…)
– P: Que caminhos (estéticos, de comunicação das obras com a sociedade, etc.) estimas interessantes para a criação literária hoje -e para a cultura galega, em particular-?
– MAF: Carezo de recursos para darche unha resposta lúcida porque ademais fuxo da transcendencia, pero entendo que o camiño literario do país, como ocorre co audiovisual, deberá ir pola diferenza, na procura de trazos que a afasten do mainstream, da tendencia global. Que a novela negra teña moito predicamento en todo o mundo, non pode levarnos a imitar a Mankell, a Márkaris, a Vargas ou a Camilleri, pero si a procurar trazos singulares que nos vendan como distintos desde o noso país. Só así, desde o distingo, poderemos reafirmarnos. O uso da lingua propia xa vai nesa dirección, pero non basta se non conseguimos saír a outros lectores, e polo tanto a outras linguas. Penso que o sistema literario galego ten aí un problema moi serio, algo que, regresando ao audiovisual, xa está a corrixir, ou cando menos a intentalo. Facer filmes na lingua propia que a través das lendas poidan ser disfrutados pola comunidade global. É que, do contrario, converterémonos nun gueto literario, se non o somos xa…. Xa che advertín de que son moi simple no meu argumentario… (…)”

Entrevista con Miguel Anxo Fernández arredor de O espido de Gina

EntrevistaMiguel Anxo Fernández a Miguel Anxo Fernández en Fervenzas Literarias:
“(…) – Fervenzas Literarias (FL): Tras o éxito dos libros protagonizados polo seu detective Frank Soutelo rompe agora, con O espido de Gina, esa liña de novela negra para propoñer aos lectores unha historia sobre o mundo do cinema. Un mundo, por outra banda, moi vencellado ao seu labor profesional.
– Miguel Anxo Fernández (MAF): É evidente que hai unha procura de querer descolgarte un pouco do que é o personaxe de Frank, protagonista dos meus últimos libros; pero tamén é certo que levo escribindo e reescribindo O espido de Gina dende hai xa dez anos. A orixe desta novela atopámola nun relato longo escrito para o libro Capitol, última sesión. Carlos Lema, o meu editor, convidoume a deixar ese relato fora de Capitol e publicalo como unha novela curta. Polo medio cruzáronse os libros de Frank Soutelo mentres que O espido de Gina foi medrando aos poucos.
Co paso destes anos teño para min que Lema acertou ao me indicar que vía nesta historia unha novela. (…)
– FL: A conexión entre a súa literatura co mundo do cinema. Velaí están capítulos xeralmente curtos, conectados uns cos outros como se fosen secuencias cinematográficas e que permiten ao lector engancharse á historia dun xeito rápido.
– MAF: Á hora de narrar eu reflicto o que vivín e o que vivo. O meu obxectivo, cando escribo, é comunicarme cos demais. Se non o consigo para min é un fracaso. Esta afirmación pode causar controversia, e alguén pode vir e dicirme: “Ti escribes o que a xente quere ler”. Non. Eu como narrador quero acadar e plasmar as claves necesarias para que o lector se enganche á miña historia, sexa logo esta a historia que sexa.
Se eu escollo para O espido de Gina o mundo do cinema é porque levo vendo filmes dende os cinco anos. Iso, dun xeito máis ou menos consciente, condiciona o teu pensamento e a túa forma de contar. Eu sei que internamente, cando escribo, o que fago é narrar e montar; outras veces -isto dun xeito case que inconsciente- cando falo dalgunha novela miña, falo dos capítulos como se fosen secuencias. Todo iso ven influenciado por ese mundo do cinema ao que estou tan exposto. (…)”