A Coruña: presentación de A vida fóra, de Miguel Sande

O martes 22 de novembro, ás 19:30 horas, no Kiosko Alfonso da Coruña, preséntase a novela de Miguel Sande A vida fóra, publicada na Editorial Galaxia. No acto, en que participan, xunto ao autor, Cesáreo Sánchez Iglesias, Xosé Luís Vilela e Carlos Lema, actuará un grupo de violinos e canto do Conservatorio Profesional de Música de Viveiro e outras sorpresas. Crónica posterior en Galaxia.

Entrevista a Miguel Sande sobre a súa última obra, A vida fóra

Entrevista a Miguel Sande en Fervenzas Literarias:
“- Fervenzas Literarias (FL): A construción dun edificio diante da fiestra dende onde María, vella e enferma, observa a vida pasar postrada nunha cadeira de rodas vaille servir a vostede de escusa para xogar co título desta novela: A vida fóra. Recrearase esa vida fora da xanela e vai sacar esa vida fóra da vella María través das diferentes lembranzas.
– Miguel Sande (MS): A vella María pasa os días nunha cadeira de rodas ollando pola ventá. Un día, e outro, e outro… ata que constrúen un edificio diante da súa vivenda. Entón á vella sácanlle o único que a une co exterior: a vista. Vai ser a partires diso cando non vai ter outra que imaxinar a vida fora desa construción. Velaí o porque do título. Esa expresión obrigada da vella María de imaxinar a vida fora é o que a min me interesaba que fose a cerna e a orixinalidade desta novela. A vella vai facer gala dunha imaxinación desbordante, chegando en ocasións ao disparate. A vida fóra é unha novela dura, pero o que nos chega a través da imaxinación da vella dálle unha chispa á historia, esa vida necesaria para que o lector poida ler este libro cun sorriso. Doutro xeito sería unha novela moi simple: unha vella nunha cadeira de rodas mirando pola ventá. A historia chega a nós coas palabras dela. Sobre o de sacar a vida fora a través das súas lembranzas en parte tamén é certo. A vella María saca retallos da súa propia vida. Esta novela, como dicía Carlos Nuevo cando a presentamos en Viveiro, ten cortes etnográficos, elementos do pasado. A través deses retallos -aínda que non sexan coordinados por mor da memoria rota de María- vamos coñecendo a súa historia: a posguerra, a lembranza da mestra republicana a quen lle queimaron a casa… pero tamén o seu presente. Son cousas que non se relatan explicitamente pero xorden a través dos recordos da vella María. Hai quen ve iso como un defecto, pero eu pretendín contar as cousas doutro xeito.
– FL: Aínda que poesía e teatro abranguen a meirande parte da súa obra, retorna de novo á novela tras aquel Se algún día esta muller morta (Galaxia), I Premio de Narrativa Breve Repsol YPF 2006. Nesta A vida fora, sendo unha novela, sitúa ao lector nun cruce de camiños onde conflúen tanto a prosa, como o teatro e un pouso da poesía.
– MS: Eu levo vinte e cinco anos escribindo e sempre digo que veño dos barrios marxinais, que serían a poesía e o teatro. Agora estoume achegando ao que sería o barrio rico: a novela. Noutra das presentacións que fixemos este verán, en Barreiros, o dramaturgo Manuel Lourenzo comentou que se trataba dun monólogo teatral. Aínda que concorde con Manolo, eu tamén creo que se podería ler como un poema longo. Pero sobre todo é unha novela, unha novela curta. Na contracapa do libro Galaxia indicou que se trata dunha novela que está nos límites da narrativa. Coido que non hai fronteiras. Podería dicirche que hai poesía, que hai teatro, pero é novela. Os diferentes matices ten que atopalos o lector. (…)”.

Carballo: actividades do domingo 28 de agosto na Praza dos Libros

Dentro da Praza dos Libros, Feira Literaria organizada polo Concello de Carballo, que se desenvolve até este domingo 28 de agosto no Xardín Municipal, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 17:30 a 21:30 horas, terán lugar as seguintes actividades literarias o no seu último día, domingo 28 de agosto:

12:30 h. Presentación de A ciencia no punto de Mira, de Jorge Mira, publicado por Auga Editora. No acto participan, acompañando ao autor, Santi Garrido e José María de la Viña.
19:30 h. Presentación da nova serie infantil A familia Caravana, de Pepe Carreiro, publicada en Edicións do Cumio. No acto participan, xunto ao autor, Milagros Lantes e Francisco Villegas.
20:00 h. Miguel Sande asinará exemplares do seu libro A vida fóra, publicado en Galaxia.

O programa completo pódese descargar aquí: Praza dos Libros Carballo 2011.

Viveiro: actividade máis destacada do martes 16 na Feira do Libro

Remata a 15º Feira do Libro de Viveiro, que se celebra nos Xardíns Noriega Varela até o martes 16 de agosto, con horarios de 12:00 a 14:00 h. polas mañás e de 18:00 a 22:00 h. polas tardes.

A actividade máis destacada deste último día é a seguinte:
20:30 h. Presentación do libro A vida fóra, de Miguel Sande, publicado en Galaxia. Xunto ao autor participa no acto Carlos Nuevo.

A Coruña: actividades do xoves 4 na Feira do Libro

Estas son as actividades máis destacadas previstas para o xoves 4 de agosto dentro da 40º edición da Feira do Libro da Coruña, ubicada, como cada ano, nos Xardíns de Méndez Núñez, e que permanecerá aberta até o 10 de agosto, con horarios de 11:00 a 14:00 h., e de 18:00 a 22:00 horas:

18:30 h. Presentación da obra gañadora no Premio Barriga Verde 2010, para textos dirixidos para monicreques (modalidade infantil), titulada Fábula galénica, obra de Inacio, escritor, director e fundador da compañía de monicreques Fantoches Baj, que, ao tempo, fará unha lectura narrada da súa obra para os máis pequenos.
19:00 h. Carlos Vázquez Padín asinará exemplares do seu libro Galeguismo e liberdade. Propostas para o século XXI, publicado por 2.0 Editora, na colección Supertextos.
19:30 h. Presentación da novela Noah Barleywater escapa da casa, de John Boyne, publicada por Faktoría K. Participará no acto o tradutor do libro, Carlos Acevedo, e un representante da editorial.
20:30 h. Galaxia presenta o libro Cociñando ao pé da letra. Participarán no acto Yolanda Castaño, Andrea Costas, coordinadoras do mesmo, Víctor F. Freixanes, en representación da editorial, e dous escritores que cociñan no libro: Xabier P. DoCampo e Lucía Aldao.
21:00 h. Miguel Sande asinará exemplares do seu libro A vida fóra, publicado en Galaxia.