Arquivos da etiqueta: Ministerio de Cultura
Marilar Aleixandre gaña o Premio Nacional de Narrativa 2022 por As malas mulleres
Desde Nós Diario:
“A escritora Marilar Aleixandre converteuse na gañadora do Premio Nacional de Narrativa 2022, concedido polo Ministerio de Cultura e Deporte. A obra pola que foi galardoada é As malas mulleres (2020), pola que tamén obtivo o Premio Blanco Amor 2020.
O xurado do certame destacou da obra a súa “orixinal estrutura híbrida”, que a converte nunha “singular novela histórica sobre a situación carceraria das mulleres no século XIX”.
Por outra parte, tamén salientou que As malas mulleres “recupera a memoria dunha forma brillante en diálogo coa tradición literaria. Un coro de voces femininas de diversas clases sociais introduce elementos da poesía popular e a cultura oral”.
Finalmente, o xurado puxo en valor que “a autora incide nas desigualdades e á vez ofrece unha ollada esperanzadora”.”
Ismael Ramos gaña o Premio de Poesía Miguel Hernández
Desde Nós Diario:
“Ismael Ramos vén de ser galardoado co Premio Nacional de Poesía Nova Miguel Hernández, correspondente ao ano 2022, pola súa obra Lixeiro, (Xerais), a proposta do xurado. O premio, concedido polo Ministerio de Cultura e Deporte, está dotado con 20.000 euros.
O xurado destacou a súa obra “pola potencia da súa imaxinación poética, capaz de emprender un canto xeracional entoado desde un desencanto reconciliado que conxuga ironía e nostalxia”.
Aliás, o xurado sinalou que, como “bo coñecedor da tradición poética contemporánea, Ismael Ramos ofrece unha proposta desprovista de afectación e moi depurada lingüisticamente que conforma unha sorte de épica vivencial de ton á vez transcendente e lixeiro”.
Ismael Ramos, nado en Mazaricos en 1994, é autor dos poemarios Os fillos da fame (XVII Premio Johán Carballeira de Poesía; Xerais, 2016), Lumes (Apiario, 2017) e posteriormente Lixeiro (Xerais, 2021).
En 2019 publica en La Bella Varsovia a primeira tradución ao castelán da súa obra Lumes, pola que recibiu en 2020 o Premio Javier Morote de ‘As Librarías Recomendan’.
Os seus poemas foron versionados tamén ao catalán, finés, francés, húngaro, inglés e portugués, e incluídos en numerosas revistas e antoloxías.”
Seguir Creando demanda a xestión colectiva obrigatoria dos dereitos dos/as autores/as na transposición da Directiva Europea 2019/790
“A plataforma “Seguir Creando en Dixital”, da que forma parte da AELG, e que reúne a máis de 45 asociacións de autores/as de todo o estado, entre xornalistas, fotógrafos/as, escritores/as, guionistas, tradutores/as, compositores/as, artistas intérpretes ou executantes, informou ao ministro de Cultura e Deporte, Miquel Iceta, que pedirá a todos os grupos parlamentarios do Congreso o voto en contra da transposición da Directiva sobre dereitos de autoría no Mercado Único Dixital (DAMUD) se persiste na súa idea de imposibilitar o recoñecemento efectivo dos dereitos deste colectivo.
Desde o inicio deste proceso, os/as autores/as pedimos ao ministro a xestión colectiva obrigatoria dos nosos dereitos no ámbito dixital para evitar que as multinacionais tecnolóxicas nolos usurpen.
Este modelo de xestión de dereitos é a única fórmula que permite unha negociación equilibrada entre as partes, transparencia no sistema e contratos, e unha remuneración xusta polo uso que fan das nosas obras nos seus buscadores e agregadores de noticias, como Google.
Pensar que este pagamento de dereitos pode asumirse nas nóminas dos/as que publican na prensa podería supor a morte do dereito do/a creador/a, tanto para os/as autores/as contratados/as como para os/as colaboradores/as.
O pasado 20 de maio remitimos ao ministerio un borrador de redacción das prescricións correspondentes ao artigo 15 da Directiva 2019/790 a traspor propondo a xestión colectiva obrigatoria, mais comprobamos, polas últimas declaracións de Iceta, que a postura do ministerio camiña en sentido contrario.
En paralelo con este comunicado, enviamos unha carta ao ministro na que lle pedimos unha entrevista para informalo sobre a nosa posición, no entendemento de que para chegar a unha solución xusta, equilibrada e plural é imprescindíbel coñecer a fondo as formulacións de todas as partes afectadas.
Tamén reiteramos a petición das entidades asociativas autorais, exposta de maneira directa ao ministro e asumida por el, de facilitar aos seus representantes un borrador da transposición para que estas poidan presentar suxestións, emendas e, no seu caso, modificacións que respondan aos seus intereses como creadores/as.
“Seguir creando en dixital” pon de manifesto que hai modelos de transposición da DAMUD que tiveron en conta aos/ás autores/as e son casos de éxito, como o de Alemaña.
Polas últimas intervencións de Iceta, todo apunta a que o seu modelo de referencia é o francés, que demostrou ser un claro fracaso posto que está xudicializado por problemas de competencia e por non ter en conta os dereitos de escritores/as, xornalistas e outros/as creadores/as.
De aplicarse o modelo francés instauraríase unha práctica baseada en acordos opacos, sen transparencia algunha, entre plataformas e empresas, de tal xeito que acabaría por instalarse a lei da selva na rede imposibilitando que (citamos textualmente a Directiva) “os/as autores/as das obras incorporadas a unha publicación de prensa reciban unha parte adecuada dos ingresos que as editoriais de prensa perciban polo uso das súas publicacións de prensa por parte de prestadores/as de servizos da sociedade da información”.
Confiamos en que o goberno presidido por Pedro Sánchez e do que é ministro de Cultura, Miquel Iceta, non sexa lembrado por acabar cos dereitos dos/as autores/as no ámbito dixital asumindo como xustas as pretensións das plataformas tecnolóxicas, cuxos intereses pouco teñen que ver cos da inmensa maioría dos/as autores/as, xornalistas e outros/as creadores/as de contidos, que serían as vítimas dunha decisión de consecuencias imprevisíbeis para o futuro da propiedade intelectual e os dereitos de autoría.
Ademais, nun momento no que se pretende avanzar na concreción do Estatuto do/a Artista, esta nova supón unha grave contradición co papel que nese documento desempeñan os/as autores/as de todas as disciplinas e coa importancia decisiva que nel se recoñece aos dereitos de autoría e á remuneración axeitada polos contidos que achegan e que son fonte de negocio para editores/as e plataformas.
29 de outubro de 2021″
X Obradoiro Internacional de Tradución Poética Con barqueira e remador
A Coruña: encontro poético Afinidades electivas, con Xavier Seoane e Antonio Colinas
O 21 de outubro, ás 19:30 horas, na Librería Lume (Rúa Fernando Macías, 3, baixo), na Coruña, terá lugar un encontro poético entre Xavier Seoane e Antonio Colinas, dentro do programa Afinidades electivas, promovido polo Ministerio de Cultura. As persoas interesadas deberán reservar previamente no correo electrónico librerialume@mundo-r.com
No marco deste acto, preséntase o libro Catorce retratos de muller, de Antonio Colinas, traducido ao galego por Luciano Rodríguez, con portada de Isabel Pintado, publicado por Medulia.
Xesús Fraga gaña o Premio Nacional de Narrativa 2021 con Virtudes (e misterios)
Desde Galaxia:
“Xesús Fraga vén de gañar o Premio Nacional de Narrativa 2021 pola súa obra Virtudes (e misterios). Unha gran noticia e un galardón máis que se suma ao libro gañador do Premio Blanco Amor 2019.
Este premio, concedido polo Ministerio de Cultura e Deporte, está dotado con 20.000 euros. O xurado escolleu esta obra “por amosar cunha prosa moi coidade, no fondo e na forma, a historia de dúas xeracións de mulleres valentes dunha familia en tempos hostís, e adentrarnos nun relato sobre a emigración galega en Inglaterra e América”.
Ademais, o xurado sinala: “Con esta novela contemplamos a inmigración, cos seus claros e escuros, desde as súas dúas beiras, a dos que marchan e a dos que quedan e tamén desde o punto de vista dos que viven a cabalo entre dous mundos”.
Xesús Fraga constrúe en Virtudes (e misterios) unha historia que se centra nas vicisitudes dunha familia das Mariñas coruñesas marcada pola emigración, historia que tamén é a da segunda metade do século XX, e que vai medrando coma quen vai pintando un lenzo a base de sensacións, recordos, fotografías, o diario dunha nai e a voz das testemuñas que poden contar. Unha obra que ten moitas lecturas e moitos vieiros, polos que o autor nos leva coma se fosen as liñas do metro de Londres, a cidade ao redor da que gravitan os personaxes da novela. É, tamén, a historia dun neto asombrado e dunha avoa poderosa. A historia dos que marchan e que, cando regresan, nin eles son os mesmos nin a terra que deixaron é a mesma.”
Publicada a Orde de axudas á Creación Literaria 2021, do Ministerio de Cultura e Deporte
Foi publicada a Orde de axudas á Creación Literaria 2021, do Ministerio de Cultura e Deporte.
As axudas teñen como obxectivo fomentar a creación literaria nas modalidades de poesía, narrativa, ensaio, literatura infantil e xuvenil, teatro, cómic e novela gráfica de obras orixinais e de ilustración de obras clásicas ou contemporáneas e tradución de obras de dominio público nas linguas oficiais do Estado.
O prazo de presentación de solicitudes finaliza o 14 de xuño, ás 14:00 horas.
Pode descargarse a orde de axudas aquí, e obter máis información nesta ligazón.
Visita institucional do presidente da AELG ao Deputado do BNG no Congreso sobre o status profesional das escritoras e escritores en lingua galega
O presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias, foi recibido polo Deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, nunha visita institucional onde lle solicitou o apoio á reivindicación da AELG para que as escritoras e escritores en lingua galega sexan incluídas na Mesa do Libro do Ministerio de Cultura, que ten caracter executivo e con orzamento. Nesta Mesa achéganse solucións a temas nos que é responsabilidade do estado o status profesional das escritoras e escritores.
Agradecemos a receptividade ás nosas propostas e a intención de darlles cumprida solución a través da acción parlamentaria no Congreso, demandando do Goberno do Estado a súa resolución.
Alba Cid, Premio Nacional de Poesía Miguel Hernández 2020
Desde Nós Diario:
“A poeta galega Alba Cid foi galardoada co Premio Nacional de Poesía Joven Miguel Hernández 2020 pola súa obra Atlas, segundo informou o Ministerio de Cultura e Deporte, que concede este galardón, dotado con 20.000 euros.
O xurado elixiu esta obra “por constituír unha reflexión sobre como a literatura elabora mapas da realidade e sobre o valor moral que pode ter a literatura como problematización do mundo”.
“É poesía tanto do coñecemento como da emoción, e presenta unha nova cartografía na que se funden o mapa do corpo co do planeta, a memoria e o enigma”, sinala o xurado que destacou que é unha obra “escrita coa lóxica do asombro e chea de referencias culturais que se contemplan desde unha mirada excéntrica que fermenta en rebeldía”.
Alba Cid (Ourense, 1989) é poeta e investigadora en poesía contemporánea. Participou en volumes como Poética da casa (2006) e na antoloxía de Apiario No seu despregar (2016).
Os seus poemas foron traducidos ao castelán, grego, inglés e portugués.”