Alejandro Mínguez, micólogo: “Na Galiza hai máis de 3.000 especies de cogomelos”

Entrevista de Eva Cid Rivas a Alejandro Mínguez en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Asevera que o mundo dos cogomelos é un reino de virtudes descoñecidas. Cales son?
– Alejandro Mínguez (AM): Os cogomelos teñen poderes curativos. Moitos deles poden axudar en tratamentos anticanceríxenos ou para atrasar o alzheimer. Aínda que de forma xenérica podemos dicir que os cogomelos medicinais o que fan é fortalecer o sistema inmunolóxico. Fan que sexamos máis fortes. Se incluímos os cogomelos na nosa dieta habitual, seremos máis resistentes aos catarros, gripes e pequenas doenzas. Ademais, tamén temos cogomelos que son fantásticos para ir ao baño, que estimulan o colon e o tránsito intestinal.
– ND: Na Galiza os cogomelos eran rexeitados, debido en gran parte á influencia da Igrexa, e non eran case usados na gastronomía. En Portugal pasou o mesmo?
– AM: En Portugal están nunha situación incluso un chisquiño peor ca nós. Alí a relixión sempre estivo tamén moi presente e polo tanto os cogomelos tampouco estaban na súa sociedade nin na súa cociña como pasaba na Galiza. De feito, levan un pouco máis de atraso ca nós na divulgación e, en consecuencia, hai unha ausencia importante de material bibliográfico. Na Galiza xa levamos 40 anos con moitos títulos publicados, é dicir, xa temos unha produción importante.
Por outro lado, Portugal carece de normativa micolóxica e na Galiza si que a temos. Eles poden consumir cogomelos que para nós están prohibidos, xa que na Galiza hai un decreto específico para a recollida de cogomelos e hai que cumprilo. (…)”

Carme Fernández: “Pilar García Negro interpreta Rosalía desde o compromiso coa nación e coas mulleres”

Entrevista de Laura Veiga e Carme Fernández Pérez-Sanjulián en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): En que medida os estudos recollidos de Pilar García Negro contribuíron a mudar a imaxe que se tiña de Rosalía de Castro?
– Carme Fernández Pérez-Sanjulián (CF): A idea de recompilar algúns traballos de Pilar García Negro xurdiu para pór de relevo até que punto é importante a súa contribución sobre Rosalía, tanto por extenso como por ser mantido no tempo, mais, sobre todo, polo seu nivel de divulgación e análise. Ás veces o seu perfil público como política parece que opaca o seu labor como investigadora. No libro recollemos traballos publicados desde hai 40 anos até a actualidade. A imaxe que se tiña de Rosalía daquela era moi diferente da que temos hoxe.
Nos primeiros traballos de Pilar García Negro, así como nos de outras persoas da Galiza, había unha vontade de dar a coñecer a obra de Rosalía, de explicala e interpretala desde parámetros que non eran os tradicionalmente impostos: o trauma de Rosalía, o peso da sombra do pai, a imaxe tan conservadora da santiña e saudosa… Estes prexuízos chegaron até min cando eu estudaba e aínda hoxe perduran, sobre todo en textos enfocados desde o punto de vista da literatura española. No libro reúnense textos de carácter académico con outros que seguen mantendo un ton máis reivindicativo e pode apreciarse unha evolución ao longo do tempo.
– ND: Alén da mirada española, os prexuízos que recaen sobre Rosalía dependen dunha cuestión de clase e de xénero, non si?
– CF: Desde logo. Os prexuízos están máis presentes do que parece a día de hoxe. Eu dou clase no mestrado de secundaria dunha materia onde teño alumnado de estudos hispánicos e de estudos galego-portugueses. A imaxe que traen construída de Rosalía non ten nada que ver. Por suposto que houbo olladas masculinas especialmente patriarcais, mais tamén lecturas como a de Marina Mayoral, que aínda que introduce elementos de interese tamén consolidou unha imaxe moi diferente da que poden reivindicar persoas como Pilar García Negro, Francisco Rodríguez, Carmen Blanco ou a propia Kathleen March.
March insiste moito en até que punto as lecturas de Pilar García Negro foron produtivas e útiles para ela para construír o seu propio discurso e confrontar academicamente a súa propia imaxe. (…)”

Andrea Maceiras: “A calma non sempre é a emoción necesaria, precisamos todas as outras para ter vida plena”

Entrevista de Laura Veiga a Andrea Maceiras en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Como encaixan os extraterrestres nunha historia que xira arredor da educación emocional?
– Andrea Maceiras (AM): Quería facer unha historia que falase das emocións, porque considero que é algo interesante e que se cadra non ten a importancia que debería ter. Con todo, quería falar do tema desde unha perspectiva moi desenfadada, con sentido do humor e con fantasía. Creo que o feito de introducir un personaxe así na historia, ademais de ser un elemento humorístico polos estragos que vai creando, permite observar as emocións desde unha perspectiva un pouco máis distante ou obxectiva.
No seu planeta todo está gobernado pola lei da perfecta calma porque se supón que é a emoción ideal. A medida que se vai desenvolvendo a historia tamén se vai desbotando esta idea e imos asumindo que todas as emocións forman parte de nós e que son igualmente importantes e perfectas.
Interesábame reflexionar sobre isto porque moitas veces temos a sensación de que estar en calma é o mellor, é o primeiro que nos piden cando estamos tristes ou enfadadas. As crianzas escoitan moito o de que teñen que calmarse. E non sempre é a emoción necesaria, precisamos de todas as outras para poder vivir unha vida plena. Están aí por algo.
– ND: Como actúa o personaxe para chegar a estas conclusións?
– AM: Fai unha especie de burbullas que permiten transitar as emocións. Son paisaxes metafóricas que permiten transitar esas emocións e permiten introducirse na parte máis profunda delas para tamén aprender a comprendelas e a xestionalas dalgunha maneira. A través destas burbullas, que son simulacións, as persoas poden acceder ao cerne das emocións e asumilas como parte do que somos. (…)”

Antón Costa: “Os obxectivos da Nova Educación continúan a ser retos académicos na actualidade”

Entrevista de Laura Veiga a Antón Costa Risco en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Eses obxectivos marcados pola Nova Educación están cumpridos hoxe en día?
– Antón Costa Rico (AR): Hai algunhas cousas que son contraditorias con esas orientacións. Cada época e momento innova desde si tamén, desde o seu presente, mais non todo obedece ao momento actual nin moito menos. Ás veces hai aspectos que atopan chaves profundas nun patrimonio xa acadado no pasado. Non é que esteamos observando como se estiveramos nun miradoiro. Estes obxectivos continúan a ser retos hoxe en día.
Tamén hai que ser conscientes de que a Nova Educación é un movemento moi rico e parcialmente diverso tamén desde o punto de vista ideolóxico. Polo tanto, as autoras e os autores máis relevantes traen consigo a defensa dunha autonomía crítica, de prácticas e condutas democráticas, dunha formación ética e moral, da riqueza e a diversidade das capacidades expresivas das persoas, da coeducación, do coñecemento e o respecto da natureza. Todo isto estaba xa presente, e poderíamos seguir debullando ideas que son fundamentais no conxunto das orientacións construídas pola Nova Educación e que seguen a ser retos na actualidade.
– ND: Precisamente, tamén se percibe toda unha evolución no propio movemento.
– AC: Claro. Tal e como reflectimos no documento que acompaña a exposición, o movemento comeza a través de dúas experiencias que pasan a coordinarse a partir de 1899, mais é grazas á creación da Liga Internacional da Educación Nova (LIEN) en 1921 cando pasa a ter unha mellor escala de organización. Neste momento foi cando se estabeleceron os seis primeiros principios da Nova Educación, ao que se lle engade un sétimo nun dos congresos realizados en 1932, polo que hai unha incorporación rica do que é a construción social democrática.
Como dicía ao comezo, a exposición pretende servir para facerse consciente deste impacto. En concreto, na sala correspondente á innovación pódese apreciar que xa se falaba de escolas cooperativas ou do traballo por proxectos. Fundamentalmente trátase de botar unha ollada atrás e percibir que efectivamente algunhas formas novas corresponden a 2023, mais que contan con elementos de fondo que son moi ricos e que comezaron a deseñarse ou a construírse hai cen anos. (…)”

Luiz Ruffato: “Existem duas grandes comunidades galegas antigas no Brasil, Salvador e Rio de Janeiro”

Entrevista de Iago Suárez a Luiz Ruffato en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): São já várias as vezes que o senhor visita a Galiza. O que tem aprendido destas viagens?
– Luiz Ruffato (LR): Exatamente, são já várias vezes que estive aquí na Galiza e acho que já tenho um certo conhecimento de como funcionam as coisas aquí. Para mim o mais interesante é tentar aprender mais sobre a cultura galega quando visito a Galiza e tentar trazer alguma coisa da cultura brasileira aqui porque nem a uma nem a outra são bem conhecidas. Quando se pensa no Brasil existem uma série de imagens pré-fabricadas que colocam o Brasil dentro de certos lugares quando o meu país é muito mais complexo, então acho que estas viagens são uma maneira de fazer uma troca de informações entre as duas culturas.
– ND: Acha que os galegos conhecem bem o Brasil?
– LR: Não porque inclusive nem nós conhecemos bem o Brasil. Eu sempre lembro que existem duas grandes comunidades galegas antigas no Brasil que são Salvador e Rio de Janeiro e acho que no Brasil as pessoas pensam que os galegos que estão lá são simplesmente espanhóis e isso não é bem assim. Muitos brasileiros não compreendem isso e consomem essa comunidade galega que existe no Brasil como espanhola e não como galega.
Mas também é dificil que os galegos conheçam bem o Brasil porque é um país com muitas diferenças dentro de si. Não se pode tentar entender como uma cultura lusófona, mas como uma cultura multifacetada, eu próprio sou de origem italiana e isso faz com que eu fale a língua portuguesa mas não tenha a cultura portuguesa.
A minha cultura é completamente diferente e tenho uma visão do mundo distinta por causa disso.
No caso da Galiza, embora seja um país pequeno, tem uma diversidade intercultural muito interesante, cada cidade e vila tem a sua própia autonomia cultural. Gosto muito desta parte do mundo e foi uma honra ganhar o prémio de Escritor Galego Universal. Conheço bastante bem a Galiza e en verdade sinto como se estivesse em casa quando estou aquí.
– ND: O senhor tem formaçao em jornalismo e há uns anos dizia que não há nenhum tipo de relação entre a sua literatura e o jornalismo. Tem mudado isso com o tempo?
– LR: Não mudou e até tenho mais convição disso. É uma posição muito pessoal mas quando eu trabalhava como jornalista percebi que nessa profissão o importante é o imediatismo e dar informações que sejan claras e não deixem dúvidas. Pelo outro lado, a grande característica da literatura é o oposto.
O escritor dá uma informação, mas é a pessoa leitora quem deve usar a imaginação para construir as ideias. A literatura exige ser duvidosa, algo que o jornalismo realmente não pode ter embora hoje o que mais tenhamos sejam as ‘fake news’ que estão mais próximas da ideia da literatura do que propriamente da ideia do jornalismo.
– ND: E o futuro do jornalismo?
– LR: Acerca da situação do jornalismo atual, acho que é um problema evidente a falta de contrastação de muitas informações mas não podemos ser ingénuos e pensar que enquanto não existiam os meios comunicaçõ digitais isso não existia porque realmente sim existia e a falácia da objectividade jornalística é mentira, nunca existiu. Mas agora chegamos a um ponto em que qualquer pessoa anónima pode construir uma fantasia e essa fantasia ser consumida por milhões de pessoas sem qualquer possibilidade de confrontar essa informação e isso é um desastre completo.
Devemos lutar para que exista uma regulação disto porque hoje não existe e mesmo temos governos que fazem disso uma área de interese. A única forma de combater isto seria por meio da educação para as crianças saberem a importância de contrastar as informações que nos chegam e poder pensar de uma maneira crítica.”

Os Premios Barbantia da Cultura recoñecen Carlos Callón, Xosé Luís Veiras Manteiga e o Centro Arqueolóxico do Barbanza

Desde Nós Diario:
“A Asociación Cultural Barbantia fixo públicos sábado os nomes das persoas e entidades que serán recoñecidos cos Premios Barbantia, que alcanzan a súa décimo sétima edición.
Nesta ocasión, a entidade outorgará Carlos Callón o Premio Barbantia da Cultura Galega, mentres que Xosé Luís Veiras Manteiga recibirá o Premio Barbantia á Traxectoria Cultural no Barbanza.
Con respecto ao Premio Barbantia á Iniciativa Cultural no Barbanza, este recaerá no Centro Arqueolóxico do Barbanza.
Os gañadores recibirán as súas distincións nunha gala que se desenvolverá na Casa da Cultura do Concello de Lousame o próximo sábado, 16 de decembro, a partir das 12.30 horas da tarde.
Ese mesmo día tamén se presentará o décimo noveno volume do Anuario de Estudos do Barbanza que edita Barbantia.
Todos estes actos poderán seguirse, como é habitual, a través da canle oficial de Youtube da Asociación Cultural Barbantia.
Ademais, tamén se levará a cabo a tradicional comida no restaurante Trapeiro de Lousame, para a cal, lembran desde a A. C. Barbantia, é preciso realizar a inscrición previa antes do 15 de decembro a través do correo electrónico da asociación.”

Branca Trigo: “A poesía aseméllase á forma de expresión das redes sociais, chegando a máis públicos”

Entrevista de Laura Veiga a Branca Trigo en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Agora que Malafera conta con máis dun ano de vida, como ve a poesía desde a perspectiva editorial?
– Branca Trigo (BT): No noso caso creo que é un pouco diferente porque ao final a edición poética non é unha grande industria. É un lugar bastante amábel para desenvolverse, porque non é como se intentas editar narrativa e chegar á altura de Xerais. Neste tempo fomos facendo un círculo de xente á que lle gusta o que facemos, tanto á hora de publicar como á hora de mercar libros, e tamén desenvolvemos unha relación bastante boa con outras editoriais independentes. Alén dos libros, nós quixemos introducirnos no mundo do fanzine, polo que tamén desfrutamos de ter boas relacións con outras iniciativas de banda deseñada ou ilustración.
– ND: Cal cre que son as dificultades que debe enfrontar a poesía galega actual?
– BT: Sempre están os prexuízos, como con calquera xénero supoño. Mais é común escoitar que a poesía é unha arte elevada, algo que forma parte da academia, e no caso do noso país en concreto, que as poetas galegas sempre escriben sobre o rural e cousas así. Intentamos loitas contra este tipo de pensamento e por iso tamén intentamos abrir a poesía que editamos cara a outros xéneros ou formatos. Nesta liña, por exemplo, fixemos poesía de terror e de ciencia ficción.
Creo que é unha boa maneira de loitar contra os prexuízos. Non obstante, tamén creo que a poesía agora mesmo pode ter moito tirón. Estamos acostumadas ás redes sociais, á brevidade da mensaxe, e isto é algo que a poesía xa ten gañado fronte a outros xéneros, polo que pode ser unha forma de chegar a máis públicos. Por exemplo, a poesía aseméllase máis á forma de expresarnos que temos nas redes sociais que unha novela. (…)”

Falece ‘Hematocrítico’, escritor, docente e coñecido tuiteiro coruñés

Desde Nós Diario (foto do autor desde Xerais):
“Esta segunda feira faleceu a causa dun infarto o coruñés Miguel López, moi coñecido nas redes sociais polos seus chíos como ‘Hematocrítico’, segundo anunciaron fontes da súa contorna e confirmou a través das redes sociais súa parella, a escritora Ledicia Costas. López, que tiña 47 anos, era escritor de libros infantís e xuvenís e profesor. Ademais, o coruñés tamén colaboraba en programas de radio e televisión, así como con diversas revistas.
Xerais lamentou o pasamento de López, que publicou nesta editorial libros como Feliz feroz. O lobiño riquiño (2016), Axente Riciños (2016) e O lobo con botas (2018), ilustrados por Alberto Vázquez; Rapunzel con piollos (2019), Alcaldesa vermella (2020), Vaia cabuxiño! (2021), Axente Riciños. Misión Princesa (2022) e Morto de fame (2023), ilustrados por Mar Villar; e A media hora dos recreos (2020) e Campións do mundo (2020), ilustrados por Albert Monteys.
En 2021 nace en Xerais a serie ‘Os Hematiños’, ilustrada por Alberto Vázquez, que leva cinco títulos publicados: Un can (2021), O meu irmono (2021), Gaivota gourmet (2022), Oso banda (2022) e Unha unicornia (2023). Na colección ‘Sopa de Libros’ é autor da novela Dona problemas (2023).
“O equipo de Xerais lamenta profundamente o pasamento de Hematocrítico e quere trasladar o seu agarimo á súa familia e seres queridos. Recordarémoste sempre cun sorriso. Grazas, Hemato”, escribiu a editorial na súa conta de X.
A de Xerais é unha das múltiples condolencias que están inzando no serán da segunda feira as redes sociais, con palabras de cariño e agradecemento ao docente, cuxos libros gozan de grande acollida entre a rapazada.”