Cuestionario Proust: Paco Souto

DesdePaco Souto o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Paco Souto:

«1.– Principal trazo do seu carácter?
– Adaptabilidade.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A sinceridade.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Que non teñan un coitelo afiado nas costas.
4.– A súa principal eiva?
– A dispersión.
5.– A súa ocupación favorita?
– A pesca.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Traballar para que ninguén pase fame, tamén de xustiza.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Morrer? Game over.
8.– Que lle gustaría ser?
– Ser humano.
9.– En que país desexaría vivir?
– Na Galiza.
10.– A súa cor favorita?
– Azul, azul cobalto que diria Estevo Creus.
11.– A flor que máis lle gusta?
– A da laranxeira.
12.– O paxaro que prefire?
– Un arao.
13.– A súa devoción na prosa?
– Esa chica… Sara Mago. Tamén Galeano e Sampedro.
14.– E na poesía?
– O Lorca de Poeta en Nueva York. Avilés.
15.– Un libro?
– Tres que son cinco: Poeta en Nueva York. Cantos Caucanos. Memoria del fuego.
16.– Un heroe de ficción?
– Ulises.
17.– Unha heroína?
– Maria Balteira.
18.– A súa música favorita?
– O jazz. Morro por un trio de piano, contrabaixo e bateria. Sobre todo se está ao piano Bill Evans ou Monk. Claro que tampouco me disgusta o piano solo do Köln Koncert de Jarret ou o sexteto que gravou o Kind of blue de Miles.
19.– Na pintura?
– Tantos! Goya, Klimt, Munch, Pollock, Kandinski. Fiquei fascinado da expo de Ana Mendieta no CGAC. Tamén lembro como se fora hoxe cando de novo entrei nas covas de Altamira…
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Sampedro pola coherencia. A xente do común que traballou arreo e non aparece como resposta de ningún cuestionario Proust. Meus pais.
21.– O seu nome favorito?
– Alba.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A hipocrisía.
23.– O que máis odia?
– A impunidade.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Ese bo e xeneroso… Manuel Fraga. Por estar próximo que a historia é moi grande e hai moito onde sachar.
25.– Un feito militar que admire?
– A música militar nunca me soubo levantar… se acaso a revolución dos cravos, claro, que se pegaron poucos tiros. As loitas pola independencia: Cuba, India.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– O da ubicuidade… estamos en camiño.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Suicidado. Digoo por aquelo de sermos donos do destino até as últimas consecuencias.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– O optimismo comedido.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– O despiste. Pero non o do que che pasa por riba porque non mira máis que para o seu cu.
30.– Un lema na súa vida?
– Pola boca morre o peixe.”

Compostela: presentación de Transfusión oceánica, de Xosé Iglesias

O venres 19 de setembro, ás 20:30 horas, en Vide Vide (Rúa da Fonte de Santo Amaro, 10, baixo) de Santiago de Compostela,, preséntase o poemario Transfusión oceánica, de Xosé Iglesias, publicado pola A. C. Caldeirón. No acto intervirán, ademais do autor, Paco Souto, Bieito Lobeira e Miguel Alonso. (A foto do autor é de François Davo).

A Coruña: presentación de Transfusión oceánica, de Xosé Iglesias

O venres 11 de xullo, ás 20:00 horas, en Portas Ártabras (Rúa Sinagoga, 22, baixo) da Coruña, preséntase o poemario Transfusión oceánica, de Xosé Iglesias, publicado pola A. C. Caldeirón. No acto intervirán, ademais do autor, Xurxo Souto, Serafín Mourelle, Luís Dopico, o ilustrador do libro, Roberto Castro e Paco Souto. (A foto do autor é de François Davo).

Arteixo: presentación de Transfusión oceánica, de Xosé Iglesias

O venres 27 de xuño, ás 20:00 horas, na Libraría Á lus do candil (Rúa Historiador Vedía, 3, baixo) de Arteixo, preséntase o poemario Transfusión oceánica, de Xosé Iglesias, publicado pola A. C. Caldeirón. No acto intervirán, ademais do autor, Xurxo Souto, Serafín Mourelle, Luís Dopico, o ilustrador do libro, Roberto Castro e Paco Souto. (A foto do autor é de François Davo).

Vigo: presentación de Chamádeme Eva, de Mercedes Leobalde

O sábado 14 de xuño, ás 20:30 horas, na Asociación Cultural Bou Eva de Vigo (Rúa Terzo de Afora, 11), preséntase Chamádeme Eva, de Mercedes Leobalde, publicada pola A. C. Caldeirón, e que obtivo o VII Certame de poesía erótica Illas Sisargas. No acto participa, xunto á autora, Paco Souto e María José Pérez Carreira.

Boca do Río, Carnota: IV Enarborar o bosque, o 7 de xuño

Debido aos fortes ventos na praia de Boca do Río, e por motivos de seguridade, trasládase o evento e a carpa ao entorno do Polideportivo de Pedrafigueira.

Este ano terá lugar o IV Enarborar o bosque que, como sabedes, organizamos o colectivo artístico Arteu e Factoría Delideas. Trátase dunha convocatoria artística para defender o noso medio natural, durante unha xornada, o 7 de xuño na praia da Boca do río en Carnota.
Este ano a loita será contra o lume nos nosos bosques, que cada ano destrúen a nosa paisaxe.
Cada artista leva os seus materiais para crear ao aire libre e o seu xantar, nunha xornada na que tamén haberá música e poesía. A convocatoria está aberta ademáis ao público xeral, todas e todos son benvidos, rapazada e adultos.
Gustaríanos contar contigo. Podes ver información sobre este e os eventos anteriores no noso blogue tamén o evento que temos creado no Facebook.

Carballo: actividades de Contos de taberna

Continúa en Carballo a actividade, organizada polo Concello, dos Contos de taberna, co seguinte programa para esta semana:
– Martes 13 ás 20:00 horas, na Pedra, Paco Souto e Emi de las Heras.
– Mércores 14 ás 20:30 horas, na Bombonera, Xosé Antonio Andrade.
– Xoves 15, ás 20:30 horas, no Bodegón O Pescador, María Canosa e O’Mighelo no Bodegón o Pescador (xoves 15).
Até o 17 de maio, Día das Letras Galegas, as persoas que acoden a un dos 14 bares participantes no proxecto e fan un gasto mínimo de 15 euros -ou completar un vale de tres almorzos no caso das cafetarías-, levan de agasallo o texto e a ilustración propia dese bar (cada un dos bares ten o seu relato, e a súa ilustración, personalizados).