O venres 16 de outubro, ás 20:00 horas, na Libraría Andel (Avenida das Camelias, 102) de Vigo, preséntase Morena, perigosa e románica, de Pedro Feijoo, publicado en Xerais. No acto, xunto ao autor, participan Jacobo Buceta e Manuel Bragado.
Arquivos da etiqueta: Pedro Feijoo
A Coruña: Paseos pola Coruña Literaria 2015, con Dores Tembrás, Pedro Feijoo e Felipe Senén
Paseos pola Coruña literaria é
unha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio da Concellaría de Cultura do Concello da Coruña, na que terán lugar novos paseos pola nosa cidade coas propias escritoras e escritores que escribiron obras ambientadas na Coruña.
17 de outubro
A Coruña, unha cidade ao descuberto, con Dores Tembrás.
Saída: Xardíns dos Cantóns.
A cidade que se abre nunha cartografía infantil, unha urbe que se pon ao descuberto por medio das historias dos avós pero tamén dos referentes literarios coñecidos na adolescencia. Unha pequena deriva pespuntada palabra a palabra:
e as pegas rebuldás
cubriron as rúas
o asfalto nevado de noces
e todos
cos zapatos de Dorothy
en compaña do lobo
choutando nelas.
31 de outubro
A Coruña de Rosalía e Murguía: tras o vento da negra sombra, Pedro Feijoo.
Saída: Praza do Humor.
Teñen todas as cidades unha outra vida que, por veces, non se ve. Ou si, se se observa cos ollos adecuados… Unha vida feita da textura das letras, de sangue de tinta, e alma vestida nas historias. Nas que foron e nas que non foron… Desta volta, eu propóñovos un paseo por esoutra cidade, A Coruña de Rosalía e Murguía. Un paseo após as pantasmas daqueles nomes, de Gala, de Alejandra, de Anxo Aian e de Aurelio Aguirre, desde as miserias de rúa Tabernas, axustando as contas da Real Academia Galega, até as sombras do cemiterio de San Amaro e as súas tebras, a escuridade na que, moitas veces, vive a luz verdadeira. Se é que tal cousa existe, claro está. E todo, por suposto, sen deixar de lado o humor, que por algo hai na cidade unha praza a el adicada. Ou acaso non vos parece suficientemente gracioso que veña un de Vigo a ensinarvos a cidade? ;) Espero que sexa do voso maior agrado!
14 de novembro
De conversa co “Genius loci” dunha cidade vella, con Felipe Senén
Saída: Porta do Xardín de San Carlos.
Adentrarémonos na Prehistoria e na Historia desa croa ou croio de pedra rosa que é a Coruña. Dende o baluarte Vello ou Xardín de S. Carlos, ás 12 do mediodía dese sábado 14 de Novembro, cando aínda celebramos por Galiza adiante aos dous santos homonimos das Panoias, aos San Martiños de Tours e mais ao de Dume, cando aínda arrecenden na memoria as lumeiradas e as castañas asadas dos Magostos. Encetaremos unha pequena xeira arredor das luces e das sombras, na busca da conversa co “genius loci” dese couto ou “locus amoenus”, entre as pantasmas de Xerión, de Moore e de lady Sther Stanhope, de Porlier… polas paisaxes e as paisanaxes inspiradoras de Aguirre, Pondal, Rosalia, o Murguía dos Precursores, Francisca Herrera… sen librarnos da Condesa. Escudos, campas, epígrafes, lendas, mitos e ritos que se perden e que lembraremos baixo o Arco do Arquivo do Reino de Galiza… a carón do templo dos Domine-Cane, das fratellas de San Francisco e a carón dunha imaxe que foi Venus, feita Virxe da Estrela para os nautas do Mar dos Ártabros…Porto de Compostela.
A Coruña é cidade serea, ben o sabía Lugrís, da María das Batallas, de Ines de Ben, de Xoana de Vega, de Concepción Arenal, de Rosalía, Carolina Herrera, María Barbeito, Luisa Villalta que facía música coa palabra. Aqueloutra Coruña que cheiraba a tabaco e chicolate e un raparigo abríase ó mundo entre o amor e a morte, Pabliño Picasso. Marineda atlántica, de castros, altares, torres e muiños a beilar movidos por un vento toleirón… A Cidade amada de Garcés, de ida e volta de Manuel María, de atlántidas… Unha conversa en alto para coñecer, querer e defender realidades fronte a virtualidades, a orixe, a orixinalidade fronte á macdonalización´.
Escola de Escritores-as: Obradoiro de creación literaria LiteraTela (Literatura de Compostela)
Suso de Toro impartirá o Obradoiro de creación literaria LiteraTela (Literatura de Compostela), da Escola de Escritoras-es da AELG, que constará de 10 sesións (nunha delas participará como escritor convidado Pedro Feijoo).
A actividade terá lugar entre o 26 de setembro e o 12 de decembro de 2015, contando co patrocinio da Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Santiago de Compostela.
Contidos
– Formación do escritor e técnicas narrativas.
– Delimitación do campo da poesía e da ficción narrativa.
– A construción do/a autor/a.
– Redacción de textos.
– Público destinatario: adulto.
– Prazas: 25.
– Lugar: Centro Sociocultural da Trisca (Corredoira das Fraguas, 92), en Santiago de Compostela.
– Duración: dez sesións de dúas horas cada unha.
– Horario e calendario: de 11:30 a 13:30 horas os sábados 26 de setembro, 3, 10, 17 e 24 de outubro, 7, 14, 21 e 28 de novembro e 12 de decembro.
– Preinscrición e admisión: a preinscrición farase enviando un correo electrónico ao Departamento de Lingua Galega do Concello (dlg@santiagodecompostela.org) ata o 12 de agosto incluído. Cómpre indicar o nome completo o número de identidade un teléfono de contacto. Rematado o prazo de preinscrición, elaborarase unha listaxe por orde de entrada das solicitudes, que se comunicará a todas as persoas inscritas para que aquelas que obtiveran a praza (as 25 primeiras) formalicen a matrícula. En caso de que non o fagan dentro do prazo sinalado, avisarase por orde ás persoas que quedaran na listaxe de agarda para que a formalicen.
– Matrícula: entre o 7 e o 15 de setembro. A folla de pagamento deberá recollerse no Centro Sociocultural das Fontiñas (rúa de Berlín, 13, tel.: 981-528750) e volver entregala dentro deste prazo unha vez realizado o pagamento nunha entidade bancaria.
– Prezo: 34 euros.
Pedro Feijoo gaña por segunda vez o Premio San Clemente
Desde Sermos Galiza:
“A memoria da choiva, de Pedro Feijoo, é a obra gañadora na modalidade de literatura en lingua galega dos Premios San Clemente que chegan a súa XX edición. Por vez primeira na historia do premio repítese gañador e, ademais, neste caso dáse a circunstancia de que o autor resulta gañador coas dúas primeiras novelas do escritor. De novo Pedro Feijoo é o escritor escollido polo xurado de alumnos e alumnas de ensino medio que cada ano escollen a mellor novela do ano en lingua galega, española e estranxeira. Esta edición era a primeira na que os autores finalistas podían ser xa gañadores de anteriores edicións.
Desta volta o xurado formado por alumnado de catro institutos galegos, un por provincia, sumáronse alumnas e alumnos doutros centros de Europa, un inglés, un portugués, un alemán e outro francés. Canda a obra de Pedro Feijoo resultou gañadora El impostor, de Javier Cercas (Ed. Random House) en lingua española e O testamento de María, de Colm Toibin en lingua estranxeira.”
Galería de fotos do Paseo polo Vigo Literario do 9 de maio, con Pedro Feijoo
Deixamos aquí parte das fotos do Paseo polo Vigo Literario con Pedro Feijoo, que tivo lugar o pasado 9 de maio. A Galería de Fotos completa pódese ver aquí.
Vigo: Paseos polo Vigo literario
Paseos polo Vigo literario é unha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio da Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Vigo.
Todos os paseos con saída ás 11:30 horas.
Para se inscribir deben enviar os seus datos (nome completo e teléfono) ao correo electrónico actividades.snl@vigo.org (deben indicar a cal/es paseo/s irán).
Inscrición por orde de chegada do correo. Prazas limitadas: 50.
Sábado, 9 de maio: Pedro Feijoo
Saída: A Oliveira.
No Paseo de Afonso XII, no número 2, ten o seu estudio o inefable Simón Varela, desde onde podemos baixar até a Porta do Sol, perdéndonos polo caso vello da cidade, tras os pasos de Daniel e León Beiroa. Desde a Porta do Sol e o teatro García Barbón até o calexo dos Caños, onde a Simón e a Mariña case lle parten os fociños os secuaces de herr Wessler, para descubrir a historia da vella rede de túneles esquecidos da cidade. A continuación baixariamos até a Alameda e desde aí ao Náutico, para, na compaña do mesmísimo Verne, botar un ollo ao noso redor, á procura da cidade case desaparecida…
Unha cidade chea de historia aínda visible para uns ollos atentos…
Sábado, 16 de maio: María Reimóndez
Saída: Praza de Independencia – Parada de taxis de Álvaro Cunqueiro.
Fronte ao desenraizamento, ela escolleu transplantarse, botar raíces aéreas e traer canda a si a montaña ao mar. Gaia, a protagonista de En vías de extinción percorre diferentes espazos mais a súa vida aséntase xa de forma definitiva na cidade ampla que acolle, de brazos abertos, o indómito e biodiverso. Vigo é tamén o espazo de intersección entre o ficcional e o vital para María Reimóndez quen neste percorrido nos levará polos espazos desta obra e compartirá tamén en exclusiva fragmentos da súa próxima novela A música dos seres vivos. (Prégase traer calzado cómodo. Cans benvidos).
Sábado, 23 de maio: Francisco Castro
Saída: Praza da Constitución.
Desde a Praza da Constitución desprazarémonos ata a Porta do Sol, ao edificio onde estaba ubicado El Pueblo Gallego, que serviu de inspiración para recrear o Eco de Vigo, o xornal onde traballa o pai do protagonista. Baixaremos cara o Teatro García Barbón, para parar na antiga sede da churrería ‘Bonilla’ de camiño cara á rúa Luis Taboada, rúa que albergaba a enigmática imprenta da novela Tes ata as 10. A Praza de Compostela-Alameda e o Porto Deportivo encamiñarannos cara á estatua de Xulio Verne, protagonista da cidade e da novela Tes ata as 10.
Álex Alonso gaña o XVII Certame de Narración Curta Ánxel Fole con Tempos de bebidas isotónicas e fast-food
A Coruña, Teixeiro, Curtis, Oleiros: visitas de Pedro Feijoo a varios centros educativos
O escritor Pedro Feijoo, autor das novelas Os fillos do mar e A memoria da choiva, visitará varios centros educativos. Esta é a axenda de actos:
– Mércores, 18 de marzo:
10:30-12:00 h. Centro de Educación para Adultos do Cárcere de Teixeiro (Curtis). Encontro co alumnado do club de lectura do centro.
13:15-14:15 h. IES David Buján de Cambre. Encontro co alumnado dos clubs de lectura.
16:15-18:00 h. IES Fernando Wirtz da Coruña. Encontro co alumnado de 1º de Bacharelato.
– Xoves, 19 de marzo:
10:00-12:00 h. IES Monte das Moas de Coruña. Encontro co alumnado do centro e dos clubs de lectura do IES Ramón Menéndez Pidal e IES Agra do Orzán.
12:30-14:10 h. IES Miraflores (Oleiros, A Coruña) Encontro co alumnado de 1º de Bacherelato.
Coñécense as obras finalistas do Premio San Clemente
Desde Galaxia e Cultura Galega:
“Este xoves 12 de febreiro, no Instituto de Educación Secundaria de Santiago, foron presentadas as novelas finalistas da XXI edición do premio literario Arcebispo Juan de San Clemente. En lingua galega, as obras finalistas son: A lúa da colleita, de Anxos Sumai; Somnámbulos, de Suso de Toro; e A memoria da choiva, de Pedro Feijoo.
Nesta nova edición houbo novidades importantes tanto na selección dos escritores finalistas como dos centros que formarán parte do Xurado. Concretamente, os escritores finalistas son autores xa premiados en anteriores edicións que teñen obra recente. Os institutos gallegos que formarán parte do xurado serán o Xelmirez I de Santiago, o Lucus Augusti de Lugo, o Pintor Colmeiro de Silleda e o Ferro Couselo de Ourense. Ademais, por primeira vez, tres institutos de países da Unión Europea, un inglés, Hockerill College de Londres, un francés, Saint Français Xavier de Vannes na Bretaña francesa, e un alemán, Grimmelshausen de Frankfurt, formarán parte do Xurado.”
Pontevedra: Escola de Escritores-as: Obradoiro de creación literaria A escrita é un ovo que rompe, con Ledicia Costas (cubertas as prazas ofertadas polo éxito da iniciativa)
A Escola de Escritoras-es da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega promove este Obradoiro de creación literaria A escrita é un ovo que rompe, a cargo de Ledicia Costas, e unha clase maxistral de Pedro Feijoo.
Esta iniciativa conta coa colaboración do Pazo da Cultura e o patrocinio do Concello de Pontevedra.
Debido ao éxito desta iniciativa xa están cubertas as prazas do obradoiro, estando xa varias persoas en listaxe de espera, polo que xa non hai espazo para máis inscricións. Queremos manifestar a nosa satisfacción pola resposta da sociedade a este tipo de iniciativas.