A Coruña: Lúas de outono. Homenaxe a Manuel María

O martescartaz manuel maria 7 de setembro no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, a partir das 20:30 h., celébrase unha cálida homenaxe á figura de Manuel María, LÚAS DE OUTONO, que quere ser a rememoración dunha vida e dunha obra e a reivindicación da súa vixencia, comemorando o sexto aniversario do pasamento do poeta. Nesta gala de homenaxe Uxía cantará poemas do autor chairego, acompañando un recital no que participan Pilar Pallarés, Luz Pozo Garza, Cesáreo Sánchez Iglesias e Miguel Anxo Fernán Vello. O acto está organizado pola Fundación Manuel María e a Concellaría de Cultura do Concello da Coruña.

Baldo Ramos gaña o IX Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño

Sarria, 14 de marzo de 2009

Reunidos na casa do Concello de Sarria os membros do xurado do IX Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño acordamos conceder o premio ao libro presentado baixo o lema: *Palabras para un baleiro*.

Neste libro atopamos unha reflexión profunda sobre o sentido da poesía como canle para entender a vida, para interpretar vivencias inefables. Un achegamento existencialista, case filosófico, na procura dunha expresión alén da propia poesía. Unha poesía esencializada con moito sentido do ritmo.

Aberta a plica da obra seleccionada, en acto público celebrado ás 13:30 horas, resultou ser o seu autor Baldo Ramos.

Xosé Antón Neira Cruz, Lucía Aldao, Pilar Pallarés, Xermán Arias (Presidente), María Casar (secretaria).

A Coruña: recital do Grupo Ouriol na galería Moret Art

A galería Moret Art Espacio acollerá mañá nas súas instalacións un espectáculo poético–musical do Grupo Ouriol que acompañará á exposición Las hijas de Lilith da artista Cristina Moroño. O Grupo Ouriol está formado por Eva Veiga (recitado), Bernardo Martínez (clarinete e percusións) e Fito Ares (flauta traveseira). No recital leranse poemas de Anna Ajmátova, Marina Tsveitáieva, Sylvia Plath, Alejandra Pizarnik, Luísa Villalta, Isla Correyero, Pilar Pallarés e Wislava Szymborska. Será o xoves 12 de marzo ás 20:00 horas en Moret Art Espacio (rúa Olmos, 12-14 1ºB, A Coruña).

Xurado do Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño

Máis de 80 orixinais chegaron para concursar na novena edición do Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño, que está organizado pola Agrupación Cultural Ergueitos e a Concellaría de Cultura de Sarria e cuxo prazo de presentación rematou o pasado 31 de xaneiro. Acaba de coñecerse a composición do xurado, que estará formado polo Concelleiro de Cultura, Xermán Arias, a Presidenta da A.C. Ergueitos, María Casar, e polos poetas Xosé Antón Neira Cruz, Lucía Aldao e Pilar Pallarés. O ditame do xurado será dado a coñecer antes do remate do 1º trimestre do ano 2009, como figura nas bases do premio, nun acto público que será anunciado con antelación.

Actividades da A. C. Alexandre Bóveda

A Asociación Cultural Alexandre Bóveda informa das próximas actividades previstas:

ABRIL
Martes 10: Presentación do libro de poesía Hoxe que vén o vento do sur, de Miguel Sande, coa participación do autor, de Pilar Pallarés e do editor Miguel Anxo Fernán-Vello, ás 20:30 h., no salón de actos da Asociación.

Luns 16: Curso de Recursos informáticos en galego, que se desenvolverá os días 16, 18, 23, 25 de abril e 2 de maio, de 20:30 a 22:30 hs., coa colaboración de “Net Informática”. Aberto prazo de inscrición.

Martes 17: Curso de Recursos informáticos en galego, que se desenvolverá os días 17, 19, 24, 26 de abril e 3 de maio, de 20:30 a 22:30 hs., coa colaboración de “Net Informática”. Aberto prazo de inscrición.

Martes 24: Conferencia con motivo do Día das Letras Galegas sobre a figura de María Mariño, a cargo de María Pilar García Negro, ás 20:30 hs., no local da asociación.

Mércores 25: Mesa redonda Enerxías renovábeis e desenvolvemento sustentábel, con Anxo Calvo (Director Xeral de Industria), Alexandre García (representante de ADEGA) e Xosé Antonio Diéguez (representante da Asociación de propietarios de terreos VENTONOSO), ás 20:00 h. na Aula de cultura de Caixa Galiza, situada na rúa Médico Rodríguez.

Domingo 29: Excursión para participar na Iª xuntanza de sendeirismo As Mariñas-Culleredo 2007. A ruta partirá dende Orro e inclúe xantar en común co resto de grupos participantes e un percorrido de 15 Km. O prezo é de 10 €. Aberta a inscripción.

AVANCE DO MES DE MAIO

Martes 8 e xoves 10: Curso intensivo de galego, intitulado “Por un modelo digno de lingua”, das 20:00 h. até ás 22:00 hs., no salón de actos da asociación, a cargo dos profesores Xosé Ramón Freixeiro Mato e Xosé Manuel Sánchez Rei. Inscrición gratuíta.

Martes 22: Conferencia a cargo do escritor portugués José Braga-Amaral, que falará sobre a “A Visión da Galiza na literatura dos escritores do Douro: Miguel Torga, Camilo Castelo Branco e João Araujo-Correia”, ás 20:30 h., no salón de actos da Asociación.

Venres 25: Concerto do grupo Na virada, a presentar o seu último traballo, “Solaina”, ás 21:00 hs., no Fórum Metropolitano do Parque Europa.