Estevo Creus, galardoado na XXX edición do Premio Eusebio Lorenzo Baleirón

Desde Caderno da crítica, de Ramón Nicolás:
“Resultou moi grato para min asistir, como membro do xurado xunto con Xabier Castro, Blanca Ana Roig, Míriam Ferradáns e Daniel Costas Currás, ás deliberacións que outorgaron a XXX edición do Premio Eusebio Lorenzo Baleirón ao libro O lugar que non hai que, aberta a plica, resultou ser da autoría de Estevo Creus Andrade, que xa resultara galardoado neste mesmo certame en 1998 con Teoría do lugar. Un libro, o desta ocasión e tal e como se sinala na acta do xurado, pragado de imaxes escintilantes e que esculca con brillantez e ironía, desde as instancias da dúbida permenente, nos territorios da outredade, da confusión, do desdobramento e do propio eu poético.
Non podo deixar de referirme á ofrenda floral previa que se lle tributou a Eusebio Lorenzo, no cemiterio de San Xián de Laíño, xunto cos escritores Manuel Lorenzo Baleirón, Paulino Vázquez e David Pérez Iglesias, á que tamén asistiron Valentín Alfonsín e Adriana Sóñora. Un acto sinxelo onde soou a palabra de Rilke nunha tradución de Lois Tobío e semelloume que todo o que Rilke escribira un día fora pensado para aquel momento. Particularmente, malia as proximidades xeracionais, non coñecín ao poeta de Dodro, pero si admirei e admiro a súa obra e, sobre todo, foi para min unha satisfacción constatar como o lugar en que el naceu segue a traballar, desde hai tantos anos, por manter viva coa poesía a súa memoria. Que así siga por moitos anos.”

Bases do XXX Premio de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón, 2017

BASES XXX PREMIO DE POESÍA EUSEBIO LORENZO BALEIRÓN 2017

1. O Concello de Dodro, para honrar a memoria do seu ilustre poeta e contribuír á promoción da poesía galega, manifestación sobranceira da nosa literatura, convoca a XXX edición do PREMIO EUSEBIO LORENZO BALEIRÓN.
2. Poderán presentarse a este concurso os/as poetas de calquera nacionalidade, sempre e cando os traballos presentados estean escritos en lingua galega e se axusten aos parámetros normativos do xénero narrativo que se convoca.
3. Os traballos presentados deberán ser orixinais e inéditos, non comprometidos con editorial algunha e non premiados nin presentados a outro concurso pendente de fallo no momento de enviar os orixinais a este certame, o cal se acreditará xuntando aos documentos unha declaración xurada, debendo ter unha extensión mínima de 500 versos e máxima de 800.
4. Os exemplares presentaranse, inescusablemente, por cuadriplicado, mecanografados, en papel tamaño DIN A-4, a dous espazos, soamente polo anverso, debidamente encadernados ao seguinte enderezo:
“XXX Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón”
Concello de Dodro
Tallós, 32
15981 Dodro – A Coruña
5. Os traballos entregaranse sen identificar co nome do autor, e asinados cun pseudónimo e un lema. Nun sobre pechado detallarase o nome, apelidos, dni, declaración xurada da autoría e orixinalidade da obra, breve currículo, dirección e teléfono do autor. No exterior do sobre indicarase o título do traballo e o lema. Así mesmo, remitirase no mesmo sobre un pendrive ou cd con copia orixinal.
6. O período de admisión quedará aberto dende o día seguinte á publicación do extracto desta convocatoria no Boletín Oficial da Provincia da Coruña, e pecharase ás vinte e catro horas do día 9 de novembro de 2017.
7. O Concello de Dodro designará un xurado de varios membros de recoñecida obxectividade e competencia no xénero da poesía, así como na crítica literaria, presidido polo alcalde e sendo secretario/a, actuando con voz e sen voto, un membro da corporación municipal. O Concello de Dodro nomeará un coordinador responsable do adecuado funcionamento do certame.
8. Leranse todos os traballos presentados que reúnan os requisitos formais establecidos nesta convocatoria, polo que poderá declararse deserto o premio.
9. A participación no concurso implica a aceptación e conformidade destas bases e, no non previsto nas mesmas, estarase suxeito ao que ditamine o xurado.
10. O fallo do xurado darase a coñecer nun acto que terá lugar na Casa da Cultura do Concello de Dodro o día 2 de decembro de 2017. A entrega do premio realizarase o día 16 do mencionado mes. As obras non premiadas serán devoltas aos autores/autoras que así o soliciten no prazo dun mes a contar dende o día do fallo, e para o caso que non se realice dita solicitude, serán destruídas tanto en formato papel como os arquivos electrónicos. O autor/autora comprométese a estar presente no acto de entrega e presentación da obra premiada, na data sinalada, así como en todos os actos promocionais que se acorden.
11. A dotación do premio ascende a 2.300 €, importe sobre o que se efectuará a correspondente retención fiscal. O dito importe terá á súa vez o carácter de anticipo de dereitos de autor pola primeira edición da obra. O autor/autora recibirá gratuitamente 25 exemplares da mesma.
12. O Concello de Dodro comprométese a publicar a obra gañadora, dentro do ano 2018, cunha editorial de recoñecido prestixio.
13. Para os efectos de cumprir co previsto no artigo 17.3.b da Lei xeral de subvencións, a presente convocatoria publicarase no Boletín Oficial da Provincia da Coruña.

Dodro, 17 de xullo de 2017.
O alcalde
Valentín Alfonsín Somoza”

Dodro: entrega do XXIX Premio Eusebio Lorenzo Baleirón a Ramón Blanco e presentación de Fornelos&Fornelos. Segunda fundación, de Xerardo Quintiá

Dodro: entrega do XXVIII Premio de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón a Xerardo Quintiá e presentación de Zonas de tránsito, de Ramón Neto

O sábado 19 de decembro, ás 17:30 horas, no CPI Eusebio Lorenzo Baleirón de Dodro, terá lugar a entrega do XXVIII Premio de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón, gañado por Xerardo Quintiá. No mesmo acto preséntase Zonas de tránsito, de Ramón Neto, obra gañadora da pasada edición do premio.

1934181_947792458591802_3158847627239909214_n

Xerardo Quintiá gaña o XXVIII Premio de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón con Fornelos&Fornelos. Segunda Fundación

DesdeXerardo Quintiá o Concello de Dodro:
“O sábado 12 de decembro produciuse na Casa da Cultura de Dodro o fallo do xurado da XXVIII Edición do Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón, na que resultou como gañador Xerardo Quintiá Pérez coa súa obra Fornelos&Fornelos. Segunda Fundación. A obra do poeta, narrador e autor de literatura infantil e xuvenil, forma parte de Fornelos&Fornelos, cuxa primeira parte, Fornelos&Fornelos. Primeira Fundación, foi premiada co Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño na súa XI Edición.
O xurado destacou o elevado nivel de todas as obras que se presentaron ao Premio, decantándose pola de Quintiá debido ao seu estilo sobrio e limpo, que vai ao esencial mantendo un ritmo constante que alterna poemas con moita musicalidade con outros máis próximos á prosa ou á lingua falada dándolle riqueza tonal. O poemario é unha constante reflexión do que somos, facendo unha intersección entre pasado e presente, con referencias culturalistas da literatura universal que enriquecen o texto e lle dan un novo sentido.
Grazas aos membros do xurado pola súa colaboración, e tamén grazas a Manuel Lorenzo, irmán do noso autor, e aos seus dous amigos, Paulino Vázquez e David Pérez Iglesias, sempre presentes para lembrar a Eusebio.
A cerimonia de entrega será o próximo día 19 de decembro ás 17:30 horas no CPI Eusebio Lorenzo Baleirón, onde vos agardamos a todos e todas para honrar novamente ao noso poeta.”

Ramón Neto gaña o XXVII Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón coa obra Zonas de tránsito

DesdeRamón Neto 2013-06-11 Prague o Concello de Dodro e no blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
Ramón Neto, arousán do ano 1975, é o gañador da XXVII edición do Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón que convoca o Concello de Dodro. Así o decidiu por maioría o xurado, reunido esta mañá na Casa de Cultura, tras valorar “a boa estructuración e a eficaz progresión temática, que bebe de lecturas de tradición xermana como Paul Celan e Hölderlin”
O gañador, que se presentou ao certame cun poemario titulado Zonas de tránsito, reside en Bruselas e ten obra literaria publicada Agora, como gañador do Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón recibirá 2.300 euros e a edición da obra.
Coordinado nesta edición por Xabier Castro Martínez, director do Centro PEN Galicia, o xurado estivo composto por Berta Dávila, Armando Requeixo, Román Raña, Gonzalo Hermo e a concelleira de Cultura, Voluntariado e Asociacionismo de Dodro, Cristina Codesido Fernández que actuou como secretaria sen voto.
Previo ao fallo, os membros do xurado, acompañados polo alcalde de Dodro, Valentín Alfonsín Somoza, Manuel Lorenzo Baleirón, irmán de Eusebio e do poeta Paulino Vázquez, rendiron un tributo poético ademáis dunha ofrenda floral no cemiterio de San Xián de Laíño, onde repousan os restos de Eusebio Lorenzo Baleirón.”