Francisco Valeiras, Quico, gaña o XXXIII Premio de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón

Xunta corta a colaboración co premio de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón

Desde Nós Diario:
“O Eusebio Lorenzo Baleirón é un dos premios de poesía máis prestixioso da Galiza. Convócase desde 1988, organizado polo Concello de Dodro, e ademais de promover e incentivar a poesía en galego ten como finalidade lembrar e homenaxear o poeta de Laíño Eusebio Lorenzo Baleirón, morto prematuramente en 1986. (…)
O Concello de Dodro vén de anunciar que a Xunta deixa de colaborar con este premio argumentando desde a Dirección Xeral de Políticas Culturais que na publicación do libro premiado en 2019 (Voz do Arqueiro, de Antón Blanco) non figuraba o logo da Administración galega.
Un argumento que sorprende no Concello de Dodro, que a través dunha carta remitida á Xunta por rexistro xeral e correo electrónico lémbralle que o logo da Administración galega non figuraba en ningunha obra premiada en anteriores edicións. “Se hai que facelo a partir deste ano, estamos dispostos”, acrecentan.
Porén, indican desde o Goberno local, non obtiveron resposta malia que xa pasaron dous meses. Subliñan, ademais, que a Concellería de Cultura e Patrimonio está “firmemente disposta” a continuar con este premio de poesía “aínda que a Xunta non colabore”.”

Antón Blanco gaña o Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón

Desde Fervenzas Literarias:
“Antón Blanco Casás é o gañador da XXXII edición do Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón que convoca o Concello de Dodro, polo seu poemario Voz do arqueiro. Así o decidiu por unanimidade o xurado, reunido o sábado da semana pasada na Casa de Cultura, tras valorar “a construción e a sintaxe e xunto cunha escolla léxica moi coidada. Voz do arqueiro posúe unha arquitectura interna coherente”.
Coordinado nesta edición por Xabier Castro Martínez, director do Centro PEN Galicia, o xurado estivo composto por Alicia Fernández Rodríguez, Estevo Creus Andrade, Elvira Ribeiro Tobío, Xabier Xil Xardón, e presidido Ramón Abuín Gómez, tenente de alcalde do Concello de Dodro. Actuou como secretario Xoán Xosé Vicente Franco, concelleiro de Cultura e Patrimonio.
Previo ao fallo, os membros do xurado, acompañados polo alcalde de Dodro, Xabier Castro, Manuel Lorenzo Baleirón, irmán de Eusebio e os poetas Paulino Vázquez, Anxo Angueira e David Pérez Iglesias rendiron un tributo poético cos poemas de Alba Cid e Hilde Domin ademáis dunha ofrenda floral no cemiterio de San Xián de Laíño, onde repousan os restos de Eusebio Lorenzo Baleirón.
O premio será entregado o próximo sábado ás 17:30 h. nun acto no CPI Eusebio Lorenzo Baleirón.”

Carlos Penela gaña o XXXI Premio de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón

“O 15 de decembro fallouse na Casa da Cultura de Dodro o XXXI Premio de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón, do que resultou gañador Carlos Penela Martín, quen xa fora gañador deste mesmo galardón no ano 2000.
O xurado, composto por Luís Valle, Mario Regueira, Elvira Ribeiro e Branca Vilela, destaca a voz literaria consolidada da obra, que atravesa moitos valores da poesía de calquera tradición. Síntese, depuración ascensional e unha contida e selecta escolma de imaxes e metáforas, artellan un poemario merecente desta XXXI Edición.
O premio entregarase o vindeiro sábado as 17:30 h no CPI Eusebio Lorenzo Baleirón.”

Estevo Creus gaña o Lorenzo Baleirón cun libro sobre a dimensión fantasmal da realidade

Artigo de Daniel Salgado en Sermos Galiza:
“A práctica poética de Estevo Creus (Cee, 1971) vén delimitando un territorio singular, estrañado. A súa mirada entende a realidade como algo á marxe da percepción común. O mundo revela as súas outras verdades grazas ao poema. O lugar que non hai titúlase o libro co que vén de gañar a 30ª edición do premio Eusebio Lorenzo Baleirón. Nel investiga a dimensión fantasmal do real e os baleiros do idioma.
“A obra fala fundamentalmente sobre lugares que non existen”, explica ao teléfono. A imposibilidade da propia percepción, cómo se constrúe a forma de mirar ou os ocos da linguaxe son eixes polos que discorre a escrita de Creus. Que para esta ocasión, seis anos despois de Balea2, desprégase por páxinas “moi descritivas”. É dicir, a obxectivos en aparencia abstractos chega por vías concretas.
“Intento nomear as cousas coas cousas”, di, “e debuxo paisaxes surrealistas co que hai”. O deambular pola cidade proporciona a materia dun traballo “un pouco filosófico”. Pero son esas “cousas” descritas o que produce “fantasmas, esperpentos”. “A xente nas rúas da cidade, por exemplo, ten unha aparencia fantasmal”, engade. Dalgún xeito, a poesía como mecanismo de desvelamento, aínda que sen invocacións á epifanía.
Por idade e experiencias compartidas, Estevo Creus aparece adoito adscrito á Xeración dos 90. A súa obra, porén, foise afastando de formulacións iniciais –Poemas da cidade oculta (1996), Areados (1997)- e adquirindo forte conciencia da crise da linguaxe. En O lugar que non hai, esta é elemento central. “Hai unha crítica feroz á linguaxe proposicional”, esténdese, “a linguaxe é un cabalo de Troia no ser, a linguaxe impide”. O poeta enfróntase a unha ferramente incerta, “inimiga”, nun libro “bastante contemplativo”.
Os poemas cos que Creus gañou un dos certames literarios máis veteranos de Galiza foron “concibidos para a oralidade”. “Non estaba moi seguro de se funcionarían como texto escrito, por iso o premio foi unha sorpresa”, admite. Que devolve a Estevo Creus ás librarías logo dun demorado silencio. “A razón”, expón divertido, “é que non lle atopaba moito xeito ao que estaba facendo”. O seu método, ademais, contribúe a estes longos períodos sen publicar: “Escribo de cando en vez, e dun tirón. Obedece tamén ao azar”. (…)”