Recital na rede arredor do Premio Victoriano Taibo

En 2020 non se convoca o Premio de poesía Victoriano Taibo

“O Concello de Gondomar e o Instituto de Estudos Miñoráns, entidades que anualmente convocan o Premio de Poesía Victoriano Taibo, ante a situación que estamos pasando polo confinamento e a imposibilidade de celebrar actos públicos, decidiron suspender a convocatoria do premio de poesía deste ano.
Lamentando moito as circunstancias que obrigan a tomar esta decisión, consideran que sería moi difícil poder facer a convocatoria sen ter a seguridade de que se poidan levar a cabo tódalas súas fases, que sempre culminan co acto público de entrega do premio e a presentación pública da obra premiada e a homenaxe a Victoriano Taibo, coa presenza dos seus familiares.
O IEM ante estes feitos está preparando outro tipo de acto que lembre o homenaxeado e manteña viva a súa memoria, agardando que chegado o día a situación social sexa mellor e se poida facer vía dixital unha lembranza cos autores premiados nas XII edicións anteriores.
Os desexos do IEM son de que a nosa veciñanza se recupere deste andazo, que poida gozar da poesía nas súas vidas e recordar as nosas xentes que xa sufriron no pasado etapas dolorosas e souberon saír adiante, como Victoriano Taibo e os seus veciños de Morgadáns.
O IEM seguirá a pedir un día das Letras Galegas para Victoriano Taibo, e organizando, no ano que vén, o premio de poesía que leva o seu nome.

Gondomar, a 27 días do confinado mes de abril de 2020.”

Francisco Javier Fernández Davila gaña o XII Premio Victoriano Taibo con Mover os marcos

Desde o Instituto de Estudos Miñoranos:
“O xurado do XII Premio de Poesía Victoriano Taibo celebrou este mércores a súa deliberación na sede do Instituto de Estudos Miñoranos, en Gondomar. A obra escollida foi Mover os marcos que, unha vez aberta a plica, resultou corresponder á autoría de Francisco Javier Fernández Davila (Vigo, 1974).
O poemario do vigués foi destacado polo xurado entre as outras dúas obras finalistas, Parafilias e Unha muller pola metade.”

Bases do XII Premio de poesía Victoriano Taibo

“O Instituto de Estudos Miñoráns (IEM), en colaboración co Concello de Gondomar, convoca o XII Premio de poesía Victoriano Taibo, dotado con 3000 € e unha escultura conmemorativa de Fino Lorenzo. Rexerase polas seguintes

BASES:

1. Os traballos presentados deberán ser orixinais e inéditos, de temática libre, non poderán ser adaptacións nin ter sido premiados noutro certame no momento da decisión do xurado. Estarán escritos en lingua galega, de acordo coas Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galegoda Real Academia Galega e do Instituto da Lingua Galega (NOMIG, 2003).
2. Cada traballo consistirá nun ou varios textos poéticos, cunha extensión non inferior a 300 versos con unidade temática.
3. Os traballos presentaranse por quintuplicado, mecanografados a dobre espazo, con letra Times New Roman e corpo 12 nun sobre pechado identificado co lema, alcume, pseudónimo ou o título elixido polo autor/a.
Así mesmo, dentro deste sobre, xunto cos traballos incluirase outro sobre pechado identificado co devandito lema, título…, que conterá os datos persoais (nome, apelidos, copia de DNI, teléfono de contacto e enderezo electrónico. O xurado só o abrirá no caso de ser premiado.
Os traballos enviaranse por correo ao seguinte enderezo:
Apartado 30
36380 Gondomar (Pontevedra)
4. O prazo de admisión de orixinais comezará cando se faga pública esta convocatoria e rematará o día 31 de xullo de 2019.
5. Os traballos presentados conservaranse durante un mes a partir da data de publicación da resolución do xurado, período durante o cal poderán recollerse no local do IEM en Gondomar. Transcorrido ese prazo destruiranse os que non fosen solicitados polos seus autores ou autoras.
6. O xurado estará constituído por persoas de recoñecido prestixio no ámbito literario.
7. A obra premiada publicarase polo IEM na Colección Victoriano Taibo e non xerará dereitos de autor durante os primeiros 1500 exemplares editados. A publicación non pode superar o máximo de 250 páxinas.
8. O premio outorgado será único e indivisible. O xurado poderá declaralo deserto se estima que a calidade das obras presentadas así o aconsella.
9. Calquera incidencia non prevista nesta convocatoria será resolta polo xurado.
10. O feito de participar supón a aceptación destas bases.”

Laura Ramos Cuba gaña o XIº Premio de poesía Victoriano Taibo coa obra presentada baixo o título de A situación actual

Desde o Instituto de Estudos Miñoranos:
“O xurado do certame poético Victoriano Taibo que convoca o Concello de Gondomar en colaboración co Instituto de Estudos Miñoráns, integrado polos escritores e escritoras Iria Misa, Gonzalo Navaza, Miguel Anxo Mouriño, Marta Dacosta en nome do IEM e Rafa Vilar, gañador da Xª edición, resolveu que o libro gañador desta XIª edición era o presentado co título de A situación actual que, unha vez aberta a plica, resultou ser da autoría de Laura Ramos Cuba.
O xurado valorou que se trata dunha obra absolutamente contemporánea en que atopamos unha voz intimista moi forte. Unha voz dunha grande radicalidade, capaz de reflectir unha situación límite, unha crise emocional. Destaca a capacidade de poetizar o cotián con sinxeleza e fondura a un tempo. O xurado tamén salientou a unidade do libro, que mantén ao longo da lectura o pulso e o ritmo.
Laura Ramos Cuba é unha moza burelá graduada en xornalismo e comunicación audiovisual pola Universidade de Santiago de Compostela. Este é o seu primeiro premio e, será, o seu primeiro libro publicado, co que o certame Victoriano Taibo ten a satisfacción de permitir que saia á luz esta voz actualísima que nos fala desde as súas propias coordenadas inseridas neste século XXI.
A entrega do premio será o día 17 de novembro nun acto que decorrerá no Auditorio Lois Tobío de Gondomar.”

Bases do XI Premio de poesía Victoriano Taibo

“Ponse en marcha a convocatoria do XI Premio de Poesía Victoriano Taibo por medio da publicación das seguintes bases.

BASES

O IEM, Instituto de Estudos Miñoráns, en colaboración co Concello de Gondomar convoca o XI Premio de Poesía Victoriano Taibo. O premio, dotado con 3000 € e unha escultura conmemorativa de Fino Lorenzo, rexerase polas seguintes bases:
1. Os traballos presentados deberán ser orixinais e inéditos, de temática libre, non poderán ser adaptacións e estarán escritos en lingua galega, de acordo coa normativa aprobada pola Real Academia Galega en 2003.
2. Cada traballo consistirá nun ou varios textos poéticos, cunha extensión non inferior a 300 versos, que constitúan un conxunto.
3. De cada obra presentarase orixinal e catro fotocopias. Os autores ou autoras concursarán polo sistema de plica. Os traballos faranse chegar por correo ao seguinte enderezo: Apartado 30 36 380 Gondomar Pontevedra
4. Os traballos presentados conservaranse durante un mes a partir da data de publicación da resolución do xurado, período durante o cal poderán ser recollidos no local do IEM en Gondomar, trnascorrido ese prazo destruiranse os que non fosen solicitados polos seus autores ou autoras.
5. O prazo de admisión de orixinais comezará cando se faga pública esta convocatoria e rematará o día 31 de xullo de 2018.
6. O xurado estará constituído por persoas de recoñecido prestixio no ámbito literario.
7. A obra premiada será publicada polo IEM na Colección Victoriano Taibo e non xerará dereitos de autor durante os primeiros 1500 exemplares editados.
8. O premio outorgado será único e indivisible. O xurado poderá declaralo deserto se estima que a calidade das obras presentadas así o aconsella.
9. Calquera incidencia non prevista nesta convocatoria será resolta polo xurado.
10. O feito de participar supón a aceptación destas bases. (…)

Gondomar, 9 de abril de 2018″

Rafa Vilar gaña o Victoriano Taibo de poesía cun libro “de amor e vida”

Artigo de Daniel Salgado en Sermos Galiza:
“Foi unha das voces máis prolíficas da xeración de poetas aparecida nos 90. Pero levaba tempo en silencio. Case unha década. O premio Victoriano Taibo recupera para o público a poesía de Rafa Vilar (Cee, 1968), e faino con Erosións, un libro “de amor, de amor e vida para ser máis preciso”. O xurado do certame referiuse á “sinxeleza e intensidade lírica” dunha obra “intimista e apaixonada”.
Un cento de poemas breves e de “linguaxe que intenta ser o máis precisa posíbel e tamén evocadora”, en palabras de Vilar, conforman o seu regreso á escena literaria. Pasaron nove anos desde Migracións (2008). “Non hai ruptura respecto á miña obra”, considera, “pero si unha maior depuración da lingua, que é máis espida”. Esta terza feira penduraba nas redes sociais unha mostra: “un mar tatuado / tras a noite // un silencio / que se embosca // as miñas unllas / sendo terra / en ti // a túa boca / no meu ventre”.
Neste demorado hiato, Vilar si escribiu para cativos –Acuarelas (2009), Patente de corso (2012) ou Animalario estrafalario (2013)- pero, sobre todo, aproveitou “para ler e para vivir”. “Foi un período moi longo”, apunta sobre o seu paro poético, “o que pasa é que ás veces cómpre deterse e que se vaia formando un substrato. Tamén precisaba un pouco de distanciamento”. Desde o seu debut en 1993 con Liques da memoria, Vilar convertérase nun dos rostros máis activos e visíbeis da súa promoción, ao primeiro desde o Batallón Literario da Costa da Morte. Na historia da literatura galega consta o seu arrepoñerse contra o teito de cristal que freaba os poetas novos e que encolerizara o mesmo Uxío Novoneyra.
Xustamente a outros autores e autoras novas menciona Rafa Vilar cando fala de “novas voces moi interesantes”. “Despois da eclosión dos 90 e de inicios de século”, engade, “parecía que non xurdían poetas significativos. Agora si, e estamos convivindo cun conxunto de autoras moi potente”. Ao seu ver, renovan linguaxes, temáticas e “mesmo a forma de se mostrar en público”. “A verdade é que resulta fascinante”, conclúe.”

Erosións, de Rafa Vilar, obtén o Premio de poesía Victoriano Taibo na súa Xª edición

Desde o Instituto de Estudos Miñoráns:
“O xurado do certame poético Victoriano Taibo que convoca o Concello de Gondomar en colaboración co Instituto de Estudos Miñoráns, resolveu que o gañador desta Xª edición era o libro Erosións que, unha vez aberta a plica, resultou ser da autoría do poeta Rafa Vilar.
O xurado valorou nesta obra a súa unidade dentro do dobre plano de lectura que se percibe no propio título do libro. Un libro que combina a paixón e a intimidade cunha exquisita sinxeleza e intensidade lírica, froito dun coidadoso traballo de construción poética en que desaparecen as concrecións de xénero para converter os poemas na expresión total do amor. Mais o amor non pode desprenderse da realidade e, mentres o eu poético constata a erosión do paso do tempo e as feridas da vida, convida a persoa amada a crear un horizonte “a salvo de naufraxios”, a través de cen poemas breves que empregan as palabras imprescindíbeis para construír imaxes intensamente poéticas.
O xurado do certame estivo composto por Iria Misa, Gonzalo Navaza, Xulián Maure, Marta Dacosta e Xosé Iglesias, gañador da pasada edición.
Rafa Vilar é un destacado poeta da denominada promoción dos 90. A súa primeira obra: Liques da memoria, recibiu no ano 92 o premio Fermín Bouza Brey para autores novos. Recibiu tamén, entre outros, o Premio Curuxa de Humor Literario, o Premio Cómaros Verdes do concello de Vilagarcía de Arousa, o Premio de poesía Concello de Carral, o Eusebio Lorenzo Baleirón, o Premio de poesía Cidade de Ourense ou o Premio Arume de poesía para nenos/as por Patente de corso que, xunto con Memoria de Ahab, Migracións, e Animalario estrafalario, son os seus últimos títulos publicados.
É licenciado en Filoloxía galego-portuguesa, escritor comprometido e moi activo socialmente, foi voceiro da plataforma Nunca Máis e parte da directiva da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, membro do Batallón Literario da Costa da Morte e un dos fundadores e impulsores da editora Letras de Cal.
A entrega do premio será o día 18 de novembro nun acto que decorrerá no Auditorio Lois Tobío de Gondomar.
Gondomar, 18 de setembro de 2017″