Coñécense os gañadores do VI Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico

“O xurado da sexta edición do Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico decidiu por unanimidade outorgar o galardón á obra Poema sinestésico para tres voces e un can, escrita por Eva F. Ferreira. O Premio da Audiencia foi para Intercom-baby, de Marián Bañobre e Santiago Cortegoso. O xurado subliñou da obra premiada a “utilización de materiais non convencionais no narrativo, a intensidade dramática de obra a súa intención de levar a quen escoita a unha paisaxe sonora pouco habitual nunha peza radiofónica”. Destaca tamén “o discurso provocador no fondo e na forma, o risco na procura de novos camiños da creación para a radio, a intención lúdica do texto que suscita a curiosidade e o xogo emocional co oínte e o formato da obra cunha feitura que engasta a xeito de collage as diferentes linguaxes artísticas. Poema Sinestésico para tres voces e un can indaga na actitude de quen escoita, e lonxe de asentarse no previsible provoca unha emoción inesperada”. Os integrantes do xurado foron Evaristo Calvo, actor e director de teatro; Xosé Manuel Pacho Blanco, escritor, gañador da V edición; Camilo Franco, xornalista e crítico de teatro; Roberto Taboada, director artístico do Festival Alt de Vigo; Gloria Ferreiro, xefa de Programas da Radio Galega; e Ana Romaní, directora do “Diario Cultural”. (…) Ademais das dúas obras gañadoras, as tamén finalistas Ironías, de Carlos Losada Galiñáns, e Quendas, de Zé Paredes, publicaranse nun libro-CD editado por Xerais.” Vía Diario Cultural.

Premios Fervenzas Literarias para Os mellores libros do 2011

“Tras un mes de votacións temos, un ano máis, os resultados cos que as lectoras e os lectores de Fervenzas Literarias decidiron foi o mellor do 2011. En total, este ano recibimos 471 enquisas. Desde Fervenzas Literarias queremos agradecer a vosa participación e o voso interese, porque estes premios, aínda que polo de agora só sexan de carácter simbólico, queren reflectir a voz dos lectores e das lectoras galegas. A voz dos que somos receptores e consumidores dos libros que @s escritor@s e editoriais poñen nas librarías e nas bibliotecas. E agora os resultados e os nosos parabéns aos premiados…
– Mellor libro de Narrativa de adultos para Non hai noite tan longa, de Agustín Fernández Paz (Xerais).
– Mellor libro de Poesía para Poesía completa, de Lois Pereiro (Xerais).
– Mellor libro de Ensaio e Investigación para Amigos e sodomitas, de Carlos Callón (Sotelo Blanco).
– Mellor libro de Literatura dramática para o V Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico, de varios autores (Xerais).
– Mellor libro traducido ao galego para adultos para O libro negro, de Orhan Pamuk (Galaxia).
– Mellor libro xuvenil para Febre, de Héctor Carré (Xerais).
– Mellor libro infantil para O meu gato é un poeta, de Fran Alonso (Xerais).
– Mellor libro traducido ao galego para público infantil e xuvenil para Contos por teléfono, de Gianni Rodari e traducido por Carlos Acevedo (Kalandraka).
– Autor do ano para Agustín Fernández Paz.
– Ilustrador do ano para Xosé Tomás.
– Mellor portada dun libro para adultos para Contos da terra da tarde, de Bieito Iglesias (Galaxia).
– Mellor portada dun libro para público infantil e xuvenil para Trece noites, trece lúas, de Antonio Reigosa (Xerais).
– Mellor editorial do 2011 Rinoceronte editora.
– Mellor crítico/a do 2011 para Ramón Nicolás.
– Mellor iniciativa literaria do 2011 para o Culturgal.
– O mellor acontecido no 2011 para o Culturgal.
– O peor acontecido no 2011 son o peche de medios de comunicación.
– Mellor Libraría do 2011 para a libraría Couceiro.
– Mellor medio de comunicación do 2011 para o Diario Cultural da CRTVG.
– Mellor blog do 2011 para Brétemas de Manuel Bragado.”

Convocado o VI Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico

“Desde a contemporaneidade e inscrito nunha tradición que fixo da radio canle de expresión artística, o Premio Diario Cultural de Teatro Radifónico pretende promover a creación actual dun corpus dramático no formato do teatro radiofónico. O Diario Cultural da Radio Galega e o Centro Dramático Galego, co patrocinio da AGADIC, Axencia Galega das Industrias Culturais, organizan a sexta edición dun premio que pretende fomentar a escrita de textos dramáticos para a radio e contribuír á recuperación do formato de teatro radiofónico. Non se trata tanto de recuperar as fórmulas convencionais do radioteatro como de estimular a creación de pezas dramáticas contemporáneas e facilitar unha plataforma de creación aberta ás novas linguaxes artísticas na radio.
As obras seleccionadas polo xurado emitiranse na Radio Galega e editarase un libro-cd cos textos finalistas. Outorgaranse os Premios do Xurado e da Audiencia, dotados cada un deles con 3.000 euros. As bases, que poden descargase neste ficheiro: Premio Diario Cultural Teatro Radiofónico 2012, son as seguintes:

1. Poderán participar todos os escritores e escritoras que o desexen sempre e cando non manteñan relación laboral coa CRTVG e calquera das Sociedades que comprende (TVG e RG).
2. Os traballos presentados deberán ser orixinais e inéditos, escritos en lingua galega e non poderán ser adaptacións. Deberán estar libres de todo compromiso anterior con emisoras de radio, televisións, editoriais ou entidades semellantes.
3. Os traballos adoptarán o formato de guión radiofónico dramático. Estarán calculados para que a súa duración en antena sexa de dez minutos como máximo. As obras terán un elenco de cinco personaxes como máximo. Os autores poderán utilizar, coas indicacións pertinentes, cantos recursos radiofónicos consideren necesarios para que o texto sexa realizado de maneira axeitada: música, planos sonoros, efectos, etc. O director ou directora das dramatizacións radiofónicas poderá facer as adaptacións necesarias para a súa realización e emisión.
4. Non se admitirán máis de dous guións por autor/a e de cada obra presentaranse o orixinal e cinco fotocopias. Os autores/as concursarán polo sistema de plica. Os traballos faranse chegar por correo ó seguinte enderezo:

Radio Galega, Diario Cultural
VI Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico
San Marcos 15820. Santiago de Compostela.

Conservaranse durante un mes a partir da data na que se faga pública a resolución do xurado e logo destruiranse os que non fosen solicitados polos seus autores/as. O prazo de admisión de orixinais comezará cando se faga pública esta convocatoria e rematará o día 15 de xaneiro de 2012.
5. Os argumentos das obras serán de temática libre.
6. O xurado estará integrado por profesionais de recoñecido prestixio do ámbito da escena galega e dous representantes do Diario Cultural da Radio Galega. O xurado valorará especialmente a calidade literaria e dramática das obras e a súa adaptación ó medio radiofónico.
7. Os autores/as comprométense a autorizar a dramatización e emisión pola Radio Galega das obras presentadas, de seren seleccionadas, así como a súa edición en libro e CD. A tal fin os autores/as premiados e finalistas entenderán cedidos a favor da Radio Galega os dereitos de comunicación pública, reprodución e distribución precisos para a posta en antena da obra e a súa primeira edición en libro e disco compacto. Os autores/as que o desexen poderán enviar co texto as gravacións das dramatizacións en soporte de CD. As gravacións non serán tidas en conta na valoración dos textos teatrais polo xurado, pero si serán emitidas, de seren finalistas os textos, pola Radio Galega para a votación da audiencia en lugar da dramatización realizada polo equipo artístico coordinado polo CDG.
8. O xurado escollerá entre as obras presentadas un premio único dotado con 3.000 euros e catro finalistas como máximo. As obras seleccionadas emitiranse pola Radio Galega e a audiencia escollerá por votación entre as emitidas a obra que obterá o Premio do Público, dotado con 3.000 euros. O xurado resérvase a facultade de declarar deserto o premio convocado.
9. Calquera incidencia non prevista nesta convocatoria será resolta polo xurado.
10. O feito de concursar supón a aceptación destas bases.”

Xosé Manuel Pacho Blanco gaña o Premio de Teatro Radiofónico Diario Cultural da Radio Galega con Paraísos

Xosé Manuel Pacho Blanco gañou o Premio de Teatro Radiofónico Diario Cultural da Radio Galega con Paraísos, unha obra da que o xurado (composto por Ana Romaní, Anxo Quintela, Camilo Franco, Ana Vallés, Vanesa Martínez e Ana Rosales) salientou “o carácter aberto do texto, así coma a mestura e dominio de rexistros e modalidades, tanto da lingua oral coma da escrita, e o intelixente uso da tradición radiofónica de programas dramáticos. Tamén o axeitado aproveitamento dos recursos do medio radiofónico e o uso do fragmento, da cita e a suxestión como elementos dramáticos”. O premio entregarase o 3 de maio, nun acto no que se presentará a edición da obra en libro-cd, co texto e a dramatización da peza, da man de Edicións Xerais. Nese volume tamén se publicarán as tres obras finalistas: Como eliminar as manchas de vómito, de Eva Freixeira; Carne de canón, de Rebeca Montero; e Señora Carme, de Manuel Román. Vía A Nosa Terra. Tamén en Cultura Galega.

Convocado o V Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico

O Diario Cultural da Radio Galega e o Centro Dramático  Galego, co patrocinio da AGADIC, organizan a quinta edición do Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico, que pretende fomentar a escrita de textos dramáticos para  a radio e contribuír á recuperación do formato de teatro radiofónico. Trátase de estimular a creación de pezas dramáticas contemporáneas e facilitar unha plataforma de creación aberta ás novas linguaxes artísticas na radio. As bases, en pdf,  poden baixarse neste arquivo: V Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico. (Vía Xerais).

Rubén Ruibal e César Candelas Colodrón, Premio “Diario Cultural” de Teatro Radiofónico

O xurado do Terceiro Premio “Diario Cultural” de Teatro Radiofónico decidiu por maioría, e despois dun longo debate, outorgarlle o galardón desta edición á obra Peter Buckley, escrita por Rubén Ruibal e César Candelas Colodrón. O Premio da audiencia foi tamén para Peter Buckley. Quedaron finalistas as obras Servizo de información de Paula Carballeira e O xou mas gou on de Eva Freixeira. As tres obras finalistas publicaranse nun libro-cd editado por Xerais. A presentación deste libro e a entrega do premio terá lugar o vindeiro 15 de abril no transcurso dunha Gala no Teatro Rosalía de Castro da Coruña.

-Escoitar Peter Buckley de Rubén Ruibal e César Candelas Colodrón: [1]

-Escoitar Servizo de información de Paula Carballeira: [2]

-Escoitar O xou mas gou on de Eva Freixeira: [3]

Entrega en Pontevedra do II Premio Diario Cultural de teatro radiofónico

O 17 de abril ás 20:30 abrirase o Espazo Radioescénico en que se celebrará a entrega do II Premio Diario Cultural de teatro radiofónico, organizado pola Radio Galega en colaboración co Centro Dramático Galego. Será no Teatro Principal de Pontevedra (R/ Paio Gómez Chariño, s/n).