A poeta Luz Fandiño recibirá o XX Premio Ramón Piñeiro Facer país

Desde Cultura Galega:
“A escritora e activista Luz Fandiño (Santiago de Compostela, 1931) é a gañadora da vixésima edición do Premio Ramón Piñeiro Facer país. A Asociación Cultural Val de Láncara presentou o venres 14 de outubro no Consello da Cultura Galega (CCG) o fallo da vixésima edición deste premio, que recoñece o labor dunha persoa ou entidade galega a favor do desenvolvemento da comunidade. “Quixemos destacar, nesta ocasión, a unha muller combativa en favor da lingua e da cultura do país”, destacou o profesor Xurxo Rodríguez Lozano en nome da asociación. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, sinalou o “valor deste certame, que nace desde o propio pobo e que ten un meritorio carácter popular e participativo”. A Asociación Cultural Val de Láncara convoca este galardón, que busca poñer en valor tanto a persoas, entidades e empresas como a colectivos ou institucións que destacaron “polo seu labor de promoción, defensa e vertebración” da comunidade autónoma de Galicia. O galardón non ten dotación económica e é escollido por unha vintena de asociacións culturais das comarcas de Láncara, Sarria, O Corgo, A Fonsagrada, Baralla e Cervantes. A entrega do premio será en novembro, no marco dunha xuntanza de confraternización na que os anteriores galardoados, Luar na Lubre, entregarán o premio á gañadora desta edición. (…)”

Xurxo Souto recibe o Premio Facer País

Desde Sermos Galiza:
“Unha vintena de colectivos culturais da comarca de Sarria, Val do Neira e O Corgo decidiron outorgarlle ao cantante, escritor e locutor Xurxo Souto o Premio Facer País. A entrega terá lugar o vindeiro 2 de novembro en Láncara, nun acto que reunirá representantes do mundo cultural de todo o país
Feliz e agradecido, nun primeiro momento Souto sentiuse desconcertado, pois consideraba que os seus méritos eran poucos. Porén, axiña acordou. Non era un premio individual, senón o dun movemento colectivo e xeracional: “Sinto que con este premio non se me recoñece a min, senón ás compañeiras e compañeiros do bravú”. Pois xustamente, comenta Souto, hai 25 anos “que un grupo de mozos rachou o tópico de que o galego non servía para o rock and roll”, sinala en declaracións a Sermos Galiza.
O xurado valorou o “entusiasmo e forza” coa que reivindica a nosa lingua e a nosa cultura, “contribuíndo a que os demais, e sobre todo a mocidade, as valoremos como parte fundamental da nosa identidade como pobo”. Souto móstrase ilusionado polo propio sentido do galardón, que alude ao que considera o seu mestre, Manuel María, e ao seu proxecto literario, político e social. O coruñés tamén destaca a ilusión de o recibir “diante da dinámica dun tempo en que se nos nega, coa nosa cultura invisibilizada”.
A Vicepresidenta da Deputación de Lugo, Maite Ferreiro, destacou “o valor e relevancia do premio que involucra unha vintena de colectivos da comarca de Sarria, Val do Neira e Corgo” e o labor que “desenvolven as asociacións de base no eido da cultura”. (…)”

Margarita Ledo, premio Ramón Piñeiro, Facer País

DesdeMargarita Ledo Sermos Galiza:
“O compromiso de Margarita Ledo “na súa actividade profesional como xornalista, escritora, docente e cineasta” valeulle á catedrática da USC o XV premio Ramón Piñeiro, Facer País, que tamén recoñece ter sido “partícipe fundamental no proceso de dignificación e renovación dos valores propios da cultura galega, con especial atención á presenza da lingua nos novos medios de comunicación”.
O xurado tamén salientou o compromiso de Margarita Ledo coa emigración e coa defensa dos valores da liberdade, así como a favor da dignificación das mulleres.
Margarita Ledo, que se atopa en Cabo Verde, onde ten lugar o congreso Lusocom, recollerá o premio na primeira quincena de novembro. En declaracións á Cadena Ser, admitiu que se sente identificada “con este facer país, que é máis urxente que nunca en Galiza”.”

Basilio Losada: premio Ramón Piñeiro e novo membro de honra da RAG

DesdeBasilio Losada Sermos Galiza:
“(…) O profesor, tradutor e crítico literario de Láncara, Basilio Losada Castro, primeiro catedrático de Filoloxía Galega na Universitat de Barcelona e embaixador da cultura galega en Cataluña, dedicou o sábado 3 de outubro o seu discurso de ingreso na RAG como académico de honra ás primeiras novelas de Rosalía de Castro, que foi respondido polo presidente da RAG, Xesús Alonso Montero. (…)
Na mesma semana pasada, a Asociación Cultural Val de Láncara anunciou tamén que é o gañador do XIV Premio Ramón Piñeiro Facer País. O xurado valorou o labor deste lugués en favor da lingua e cultura galegas e a súa contribución á difusión da identidade galega por diferentes países.”

Láncara: entrega do XIII Premio Ramón Piñeiro Facer País a Marica Campo, o domingo 26 de outubro

146_68207_Invitacion_Pin_eiro_Marica Campo Piñeiro

Marica Campo recibe o XIII Premio Ramón Piñeiro Facer País

DesdeMarica Campo 2 Cultura Galega:
“A Asociación Cultural Val de Láncara e outros colectivos da comarca de Sarria e O Corgo veñen de outorgar o XIII Premio Ramón Piñeiro Facer país á escritora Marica Campo, segundo declararon nunha rolda de prensa convocada no Consello da Cultura Galega. A súa candidatura fo presentada por varias asociacións e o xurado, formado por representantes de once colectivos culturais, avaliaron o labor de Marica Campo “a prol do ensino en diversas comarcas contribuíndo á dignificación do galego como lingua vehicular”, así como o seu traballo de creación e a súa loita e militancia en favor da presenza da muller na vida social, laboral e cultural.”

A Mesa pola Normalización Lingüística leva o premio Ramón Piñeiro Facer País

Desde Cultura Galega:
“O XII Premio Ramón Piñeiro Facer País, que outorga unha quincena de asociacións culturais das comarcas de Sarria, Láncara e o Corgo, foi para A Mesa pola Normalización Lingüística. O responsables da Asociación Cultural Val de Láncara, que coordina o galardón, facían público o fallo o pasado venres no Consello da Cultura Galega, logo de que representantes de todos os colectivos seleccionasen o gañador entre propostas abertas a toda a sociedade. A entrega do galardón, aínda sen data fechada, celebrarase a finais do mes de outubro.”

Agustín Fernández Paz leva o XI Premio Ramón Piñeiro Facer País

“O XI Premio Ramón Piñeiro Facer País, que convocan catorce asociacións e entidades da comarca de Sarria, Láncara e o Corgo, foi para Agustín Fernández Paz. Segundo sinalaron os representantes do galardón, Fernández Paz foi escolleito por sucesivas votacións das asociacións convocantes entre 45 candidatos. Para alén dos seus amplos méritos literarios, entre os que a organización destaca a súa recoñecida contribución á literatura infantil e xuvenil, o xurado tivo en conta “o seu decidido compromiso con Galicia e a lingua galega” e apuntou “a sinxeleza do seu carácter, sempre alleo a xestos e actitudes personalistas e de autocompracenza” eu o fan “merecedor de ser considerado un dos bos e xenerosos”. Na presentación do galardón, Carlos López Sierra, secretario da Asociación Val de Láncara lembrou a Isaac Díaz Pardo e Avelino Pousa Antelo, que levaran cadanseu galardón e que faleceron no último ano. O acto de entrega celebrarase o vindeiro outono, en data aínda por determinar, en Láncara.” Desde Cultura Galega.