Baldo Ramos e Eva Veiga, en creación literaria, e Andrade Cernadas e López Carreira, en investigación e ensaio, obteñen o Premio Antón Losada

Desde o Concello do Carballiño:
“Na Casa do Concello do Carballiño, ás 11:00 horas do día 24 de abril de 2021, reúnense os membros do xurado que a continuación se relacionan, para a selección das obras premiadas segundo as bases publicadas para o efecto.
Asisten:
Presidente: don Diego Fernández Nogueira.
Vocais:
Pola Real Academia Galega, don Afonso Vázquez-Monxardín Fernández.
Polo Consello da Cultura Galega, don Xosé Manoel Núñez Seixas.
Polo Museo do Pobo Galego, don Mª Xosé Fernández Cerviño.
Pola Deputación de Ourense, don Luís Eugenio González Tosar.
Polo Concello de Boborás, dona Ana Patricia Torres Madureira.
Pola Universidade de Santiago, dona María do Mar Lorenzo Moledo.
Pola Universidade de Vigo, don Alexandre Rodríguez Guerra.
Pola Universidade da Coruña, don Carlos Biscaínho Fernandes.
Actúa como secretaria, para dar fe do acto, dona Julia Rodríguez Fernández. (…)
Despois das deliberacións sobre as obras, cunha maior profundidade e expoñendo variedade de argumentos, por unanimidade dos presentes decídese outorgar o Premio Antón Losada Diéguez na súa XXXVI Edición e na modalidade de Creación Literaria: Quérote canto (Ed. Galaxia) de Baldo Ramos e Eva Veiga.
O xurado quere salientar neste premio a singularidade escollida polos autores na metodoloxía que se traduce nunha resonancia creativa. Dúas voces asentadas e diversas de lírica de noso que transitan camiños distintos nunha estancia común, conseguen conmover aos lectores de lectoras. Velaí o milagre da poesía.
Despois dun pequeno receso, iníciase a selección na modalidade de Investigación e Ensaio. (…)
Logo de novas deliberacións, e nunha derradeira votación, o xurado acordou conceder por unanimidade o Premio Antón Losada Diéguez, na súa XXXVI Edición, na modalidade de Investigación e Ensaio a O Reino medieval de Galicia (Edicións Xerais) de Xosé Miguel Andrade Cernadas e Anselmo López Carreira.
O xurado valorou a achega orixinal dos autores ao coñecemento da historia medieval de Galicia, rescatando do esquecemento a existencia do reino de Galicia con rigorosidade e carácter divulgativo, combinando ensaio e investigación en fontes tanto cristiás como musulmáns, con paixón polo pasado temperada polo coñecemento académico e ben fundamentado. (…)”

“Versos para gozar do silencio”

Desde La Opinión:
“O verán de 2018, os autores Eva Veiga e Baldo Ramos decidiron confinarse no mosteiro de Oseira para levar a cabo un diálogo poético entre ambos. Dous anos despois, presentan o resultado baixo o título de Quérote canto, un poemario publicado pola Editorial Galaxia que retrata a experiencia vivida polos dous escritores, na que o silencio e a natureza son os elementos protagonistas. “Este é un libro introspectivo que indaga no silencio da escritura poética e que presta moita atención a aquelas cousas simples que nos rodean. Aquí, o elemental cobra toda a importancia que non lle damos no noso día a día”, sinala Veiga.
A orixe desta peculiar colaboración xurdiu hai xa tres anos, cando Baldo Ramos lía a última obra de Veiga, Soño e vértice (2016). Nese intre, o de Celanova decatouse de que a súa forma de facer poesía tiña certas similitudes coa da autora, e propúxolle levar a cabo esta experiencia conxunta: “Sentín moita afinidade ao ler as súas poesías, porque ambos facemos reflexións sobre a linguaxe e o silencio como un refuxio do mundo. Comenteille a idea de colaborar, e pareceulle estupendo”.
Pero, por que escolleron o mosteiro de Oseira? Segundo Ramos, a intención era atopar un lugar “afastado do ruído” e “fora do común” e Veiga, que debido á súa traxectoria na televisión xa coñecía este mosteiro medieval de Ourense, o tivo claro. “Estivera alí nalgunhas gravacións, e recordaba que a xente fora moi agradable e tolerante. Decidimos irnos durante tres días e, sen dúbida, o lugar foi determinante á hora de escribir, tanto pola presenza da natureza como pola tranquilidade”, engade a escritora. Pese a compartir espazo, os autores evitaron o contacto durante a súa estadía: querían escribir simultaneamente, pero sen que ningún dos dous coñecera os pensamentos do outro. “Centrámonos na experiencia da reclusión, trabamos amizade con algúns dos irmáns que estaban interesados no proxecto e participamos nos oficios monacais, pese a que ningún dos dous somos relixiosos. A experiencia foi incrible, e o resultado sorprendente”, conta Ramos. Cando regresaron ás súas casas e se enviaron os textos, atopáronse con coincidencias inesperadas.
Conta Veiga que, pese a non comunicarse, ambos acadaron “unha gran connivencia”. O fenómeno foi tal que decidiron publicar os textos sen autoría, e nin sequera aqueles que coñecen a poética dos dous escritores souberon identificar de quen era cada un dos poemas, pois todos tiñan moito que ver. “Ao final démonos de conta de que na vida sempre prestamos atención ao que está lonxe, descoidando o próximo. Neste libro reivindicamos a importancia de darnos tempo e de deixar de correr”, conclúe a autora.”