Entrevista a Carlos Callón na Radio Galega:
“O libro negro da lingua galega (Xerais), dispoñible dende hoxe nas librarías. Testemuños da represión lingüística en Galiza ao longo dos séculos, coa divulgación de moitos documentos pouco ou nada coñecidos. Nas súas páxinas abórdase a crueldade dos castigos nas escolas por falar na lingua prohibida, acreditados desde 1543 ata 1980: vareadas, de xeonllos sobre garavanzos, pedras nos petos, o método do anel, etc. Abrimos un camiño para o estudo das multas franquistas por “hablar al público en gallego” e das inspeccións por “exagerado acento gallego”. A entrevista pode escoitarse aquí.”
Arquivos da etiqueta: Radio Galega
O xornalista Miguel Sande presentounos O negociador
Desde a Radio Galega:
“O negociador, de Miguel Sande, foi finalista do Premio Xerais de Novela 2021. O tema, o secuestro máis longo da banda terrorista ETA e as negociacións posteriores narradas polo home que participou nos encontros. A entrevista pode escoitarse aquí.”
Berta Dávila, Os seres queridos e a literatura dos porqués
Entrevista a Berta Dávila no Diario Cultural da Radio Galega:
“Berta Dávila presenta Os seres queridos, a novela gañadora do Premio Xerais 2021. As maternidades, os afectos, os bulbos de tulipáns e as palabras danlle forma a este libro da autora compostelá.. A entrevista pode escoitarse aquí.”
Fundación SGAE abre a convocatoria de Escoitamos teatro, certame de textos breves de teatro en galego para radio e podcast
“Co propósito de fomentar a creación de novos textos teatrais en galego, impulsar o xénero do radioteatro e apoiar os autores e autoras de SGAE, a Fundación SGAE convoca Escoitamos teatro, certame de textos dramáticos breves para radio e podcast. Trátase dunha iniciativa do Consello Territorial da SGAE en Galicia coa colaboración da Radio Galega.
Poderán concorrer a este certame todos os socios e socias da SGAE de calquera nacionalidade, agás os membros da Xunta Directiva da SGAE e do Padroado da Fundación SGAE, que escriban obras curtas de teatro en galego creadas para ser difundidas en formato de radioteatro/podcast e cunha duración estimada entre 10 e 15 minutos. Non se admitirán obras en coautoría.
Os textos presentados deberán ser inéditos e integramente orixinais (non se permitirán obras que utilicen fragmentos de obras alleas), cun máximo de dúas personaxes. Tema, xénero e estilo serán libres.
Os autores/as das pezas seleccionadas recibirán unha dotación de 200 euros. Ademais, as obras serán dramatizadas, gravadas e producidas por un equipo profesional no estudio da Fundación SGAE en Santiago de Compostela. As obras resultantes, en formato de radioteatro/podcast, serán divulgadas nas plataformas dixitais da Fundación SGAE. A Radio Galega programará estas obras en horario de ampla audiencia e difundiraas tamén nas súas plataformas dixitais.
As inscricións están abertas ata o 23 de xuño.
Consulta as bases: Máis información e inscricións.”
Teresa Moure: “Non hai nin un só nome de muller nos manuais de lingüística”
Entrevista a Teresa Moure no Diario Cultural da Radio Galega:
“Con esa premisa escribiu Teresa Moure Linguística escreve-se com A (Através editora). E non só por recuperar nomes de mulleres, senón por demostrar que as súas achegas a este campo son igual de importantes que as dos homes. Neste ensaio repasa as contribucións das mulleres en campos lingüísticos como a tradución ou a antropoloxía, e noutros máis singulares como a criptoloxía ou a primatoloxía.
En todos eles, as mulleres fixeron contribucións pioneiras, pola súa maneira particular de enfocar e de mirar os ámbitos de estudo. María Moliner na lexicografía, Jane Goodall na primatoloxía ou Margaret Mead na antropoloxía, son algunhas das figuras máis relevantes que Moure estuda neste ensaio.
A entrevista pode escoitarse aquí.”
“A migración das mulleres, a escena”, con Roberto Pascual
Entrevista a Roberto Pascual no Diario Cultural da Radio Galega:
“Roberto Pascual, especialista de artes escénicas do Diario Cultural, estréase como autor teatral con Sophie non é o meu nome de guerra, texto gañador do premio Rafael Dieste en 2021. Conversamos con Roberto Pascual sobre esta peza, que retrata unha migrante vítima das redes de trata, e mais con Ádega Castro, responsable do programa de proteccion internacional da ONG Accem. A entrevista pode escoitarse aquí.”
Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente de AELG: “Animo a todos a que o día 23 se regalen un libro cunha flor”
Entrevista a Cesáreo Sánchez na Radio Galega:
“A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, AELG, organizaron o sábado 19 o acto central con motivo do Día de Rosalía de Castro no Panteón de Galegos Ilustres.
Promove a celebración no 23 de febreiro, Día do nacemento de Rosalía, coa participación activa do Parlamento Galego, espazo fundamental de representación colectiva do pobo galego. Ademais, a AELG pretende institucionalizar unha xornada de celebración da nosa literatura e fomentar a difusión da obra e figura de Rosalía para as xeracións máis novas.
Polo tanto, o presidente de AELG e convidado do programa, Cesáreo Sánchez Iglesias, anima a agasallar cun libro e cunha flor no 23 de febreiro, día do nacemento de Rosalía de Castro. O presidente tamén destaca a relación de afecto entre Rosalía e a súa nai e reivindica que o Panteón de Galegos Ilustres sexa de novo un espazo laico, coma cando foron traídos os restos de Rosalía.
A entrevista pode escoitarse aquí.”
Eurovision Fake Show: o último canto de Lino Braxe
Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“Nunha realidade paralela, as Tanxugueiras van a Eurovision e gañan. Polo tanto, ao ano seguinte, o certame celébrase en Galicia. O das Tanxugueiras é aportación extra, pero en Eurovision Fake Show preséntasenos esa situación, na que Galicia é a sede do certame. Ata aquí veñen representantes, xa non de toda Europa, senon de todo o mundo, como Francia, o Vaticano, a China ou os EEUU, para intentar levantar o micrófono de cristal. Eurovision Fake Show é o soño de calquera eurofán galego. Unha obra de Bucanero Teatro e Manarte, escrita por Lino Braxe, que faleceu sen rematala e ao que relevou na dirección Rebeca Montero. Como protagonistas temos a Sabela Hermida, Pedro Picos e Xosé Bonome. Para Montero, a representación desta obra é “unha homenaxe ao poeta Braxe”. A entrevista pode escoitarse aquí.”
“Luz Fandiño, poesía para o pobo”
Entrevista a Luz Fandiño no Diario Cultural da Radio Galega:
“Conversamos coa poeta Luz Fandiño, que aos seus 90 anos logra conectar de maneira especial coa xente moza coa súa voz auténtica e comprometida. Fandiño empezou a escribir poemas cando era emigrante na Arxentina, despois de ler a Rosalía, Curros e Cabanillas no Centro Galego de Bos Aires. A realizadora Sonia Méndez retrata esta poeta comprometida no documental A poeta analfabeta que se proxectou no Teatro Colón da Coruña. A entrevista pode escoitarse aquí.”
Andrea Barreira: “Quería achegarme dun xeito divertido ás xemelgas Elisa e Jimena”
Entrevista a Andrea Barreira na Radio Galega:
“Andrea Barreira presenta o seu libro Desmontando o corpo. Construíndo a ciencia: “Quería achegarme dun xeito divertido ás xemelgas Elisa e Jimena”. A entrevista pode escoitarse aquí.”