Eurovision Fake Show: o último canto de Lino Braxe

Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“Nunha realidade paralela, as Tanxugueiras van a Eurovision e gañan. Polo tanto, ao ano seguinte, o certame celébrase en Galicia. O das Tanxugueiras é aportación extra, pero en Eurovision Fake Show preséntasenos esa situación, na que Galicia é a sede do certame. Ata aquí veñen representantes, xa non de toda Europa, senon de todo o mundo, como Francia, o Vaticano, a China ou os EEUU, para intentar levantar o micrófono de cristal. Eurovision Fake Show é o soño de calquera eurofán galego. Unha obra de Bucanero Teatro e Manarte, escrita por Lino Braxe, que faleceu sen rematala e ao que relevou na dirección Rebeca Montero. Como protagonistas temos a Sabela Hermida, Pedro Picos e Xosé Bonome. Para Montero, a representación desta obra é “unha homenaxe ao poeta Braxe”. A entrevista pode escoitarse aquí.”

A Coruña: XX Memorial de Teatro Ibán Toxeiro

cartaz_iban_2016A Asociación Cultural Alexandre Bóveda, ao chegar o seu Memorial Ibán Toxeiro á súa XX edición, pretende celebralo dun xeito diferente, aínda que complementario a anteriores ocasións. Sempre, o noso Memorial quixo unir a actrices e actores amadores e profesionais nun mesmo escenario, nunha clara homenaxe a un actor que formou parte activa de ambos mundos. Mais esta vez, é a pretensión dos directores da gala, Xoán Carlos Mejuto e Lino Braxe, realizar unha fusión do oficio actoral, tanto amador como profesional, non presentando obras en compartimentos estanco diferenciados, senón abordando a estrea da obra de Álvaro Cunqueiro Romeo e Xulieta, famosos namorados, peza na que participarán actores e actrices profesionais e amadores sen distinción. O grupo de teatro da ACAB, Teatro Valacar e a coral Breogán da ONCE, xunto con actores como Xosé Bonome, Manuela Varela, Pedro Picos, Sabela Hermida, Xosé Vilarelle e outros profesionais da escena, serán os encargados de levar adiante este desafío. Asemade, Teatro Proscrito realizará un fragmento do Edipo de Manuel María.