Desde o blogue Caderno da crítica, de Ramón Nicolás.
Arquivos da etiqueta: Ramón Loureiro
As manías d@s escritor@s de noso III
Desde o blogue Trafegando Ronseis:
“Hai un ano comezamos con esta interesante sección do blogue que nos axudaba a coñecer un pouco máis aos nosos escritores e escritoras. Recoñezo que pasou demasiado tempo, pero volvo a retomar agora o traballo tentando achegarvos novas entregas. Isto, claro, se eles e elas así o desexan. Déixovos aquí as ligazóns do ano pasado: I e II. Volvo dar as grazas a tod@s el@s, pola súa xenerosidade, e a Fran Alonso e a Ramón Nicolás pola axuda imprescindible que sempre están dispostos a ofrecerme. É Ramón Nicolás quen me proporcionou os datos sobre Álvaro Cunqueiro e Fran Alonso mandoume o texto que el publicou en novembro de 1990 no Diario 16 de Galicia sobre o mesmo tema: a información sobre Avilés de Taramancos provén del.
– Álvaro Cunqueiro: nunha autobiografía do 1935 afirma cando se lle pregunta polo seu xeito de traballo: “Ren poido decir. Como si a luz fixera un redondel branquísimo no escuro. Eu vou entrando nil e poñendo verbas, verbas. Cando xa me sinto eu todo naquela luz, van saíndo outras verbas diferentes, cáseque un mundo. Iste é o poema”.
– Séchu Sende: afirma non ser moi consciente de ter moitas manías. Asegura que lle gusta escribir despois de se duchar, co pelo aínda mollado, e prendéndose nel unha pinza de madeira (das da roupa).
– Carlos Negro: porfía asemade que a percepción que ten de si mesmo é a de non ser maniático. Iso si, escribe en roupa de casa –chándal, zapatillas- e sen música, pero cunha botella de auga sempre a man. E agradece a soidade e o silencio (non sempre conseguidos por ter un neno pequeno).
– Suso de Toro: sempre leva con el unha libretiña e bolígrafo ou estilográfica. Nela anota as ideas que vaian xurdindo… De esquecela, terá que procurar desesperadamente un anaco de papel para anotar a inspiración fuxidía.
– Diego Ameixeiras: traballa a calquera hora do día, pero prefire facelo a primeiras horas da mañá, sempre escoitando música, e cunha cita da novela de Jim Thompson na que recomenda non “soltar as palabras dunha vez” nin “divagar sobre estrelas que escintilan e se mergullan nun profundo océano opaco” (The killer inside me).
– Concha Blanco: sempre anda cunha libretiña ou cun simple papel dobrado no que poida escribir en caso de precisalo tanto nos bolsos coma na mesiña de noite amais dun lapis ou bolígrafos minis, co único obxectivo de cazar palabras, ideas, descricións, vivencias, soños… que sempre ten medo a perder ou esquecelos se non os recolle por escrito.
– Antón Dobao: asegura que máis que manías o seu son rarezas. Gústalle deixar que o tempo lle pase a un texto antes de retocalo para a súa publicación. Tampouco escribe varias obras á vez, prefire terminar o que está a escribir antes de comezar cun novo proxecto. Se é unha rareza, declárase tímido e non comenta nada sobre o que escribe antes de que saia do prelo.
– Celso Fernández Sanmartín: escribe de cabeza, andando, paseando, na horta, lendo, ou escoitando. Toma apuntamentos en papeliños e cando isto dá o seu froito, aparece a escritura máis consistente.
– Antón Avilés de Taramancos: escribía sempre na súa taberna típica, cun bo viño para quen alí se achegase, no tempo libro que lle deixaban as visitas, e pondo música para illarse das voces dos clientes. A súa obsesión era escribir moi abrigado para sentir calor, “quizais porque veño do trópico”, afirmaba.
– Ramón Loureiro: tamén declara non ter manías. Escribe sempre a man, con pluma estilográfica.”
Ferrol: mesa redonda sobre O mundo céltico e bretón na obra de Álvaro Cunqueiro
O
xoves 3 de novembro, ás 19:00 horas, no Centro Cultural Carvalho Calero (Praza do Inferniño, s/n.) de Ferrol terá lugar unha mesa redonda dentro do ciclo dos Faladoiros Cunqueiro que promove o Consello da Cultura Galega. Desta volta, Ramón Loureiro, José Antonio Ponte Far, Rubén Jarazo e Antonio Raúl de Toro Santos debaten sobre O mundo céltico e bretón na obra de Álvaro Cunqueiro. Influencias, confluencias e visións sobre esta potente fonte de inspiración serán analizadas por estes escritores e críticos.
Ourense: Auria, actividades do día 15
Dentro das
actividades de Auria, que se desenvolve no Xardín do Posío de Ourense, o venres 15 de outubro prosegue a Feira do Libro, en horarios de 17:00 a 22:00 h. No programa literario destacan os seguintes actos:
18:00 h. Sinatura de libros de Xosé de Cora e Marcos Calveiro.
19:00 h. Mesa redonda sobre Os mitos na novela histórica, coa participación de Xosé de Cora, Marcos Calveiro, Ramón Loureiro e Víctor F. Freixanes, moderada por Camilo Franco.
O programa completo pódese descargar aquí: Programa de Auria, Semana de Literatura Histórica.
Ferrol: conferencia de Ramón Loureiro na Galería Sargadelos
O xoves 8 de xullo, ás 20:00 horas, na Galería Sargadelos de Ferrol (rúa Rubalcava, 30-32, esquina rúa María), desenvolverase a conferencia de Ramón Loureiro De León de Bretaña ao Camiño de Santiago: os camiños dos vivos e dos mortos nos libros da Terra de Escandoi. Diálogo de Ramón Loureiro con Manuel Vivero e Esperanza Piñeiro de San Miguel. Ao finalizar o acto o autor asinará exemplares das súas últimas publicacións.
Mondoñedo: presentación de libro de Ramón Loureiro e homenaxe a Iglesia Alvariño
Mañá mércores 10 de xuño en Mondoñedo ás 19 horas preséntase no Concello de Mondoñedo o libro de Ramón Loureiro Principes de Bretaña, Estrelas de Compostela, ilustrado por Gonzalo Pernas. Un hora despois no Seminario de Mondoñedo, moi próximo ao Concello, terá lugar un acto en lembranza de Aquilino Iglesia Alvariño polo seu centenario. Os interesados en asistir deben confirmar a súa asistencia escribindo a este correo electrónico.
Ferrol: exposición de Vítor Mejuto
Hoxe inaugúrase na Galería Sargadelos de Ferrol unha exposición de pinturas de Vítor Mejuto. O acto comeza ás 20 horas e estará presentado por Ramón Loureiro.
Ramón Loureiro na Galería Sargadelos de Lugo
O día 17 deste mes, ás 20:00 horas na Galeria Sargadelos de Lugo, impartirá unha conferencia titulada “As letras de Bretaña” o escritor Ramón Loureiro. O autor asinará os seus libros a quen o desexe. (Ao carón da lareira)
Xornada cultural-literaria “Unha viaxe ás terras e palabras de Merlín”
O 2 de agosto terá lugar en Mondoñedo a xornada cultural-literaria “Unha viaxe ás terras e palabras de Merlín”. Contará coa presenza de Tucho Calvo, Ramón Loureiro e Félix Villares. (A carón da lareira)
Presentación d’ “A saga de San Ferreol”, de Ramón Loureiro
No Ateneo Ferrolán, o xoves 10 de maio ás 20:00 horas, terá lugar a presentación do libro A saga de San Ferreol, con texto de Ramón Loureiro e ilustracións de Francisco Pérez Porto.
