Arquivos da etiqueta: Ramón Nicolás
Bueu: presentación de Cervatos, de Lucía Novas
Vigo: Teresa Moure presenta Um elefante no armário
A
terza feira, 23 de xaneiro, ás 20:00 horas, na Libraría Andel (Avenida das Camelias, 102), en Vigo, Teresa Moure presenta Um elefante no armário, publicado por Através. No acto, xunto á autora, participan Brais Arribas e Ramón Nicolás.
Premios Fervenzas Literarias para Os mellores libros do 2017
Desde
Fervenzas Literarias:
“Tras pechar o día 14 de xaneiro o prazo de votacións temos, un ano máis, os resultados onde as lectoras e os lectores de Fervenzas Literarias decidiron o que ao seu xuízo foi o mellor do 2017. En total, este ano recibimos 522 enquisas válidas.
Queremos agradecervos a todas e a todos as once edicións nas que levades escollendo, a través dos vosos votos, os mellores libros do ano.
Desde Fervenzas Literarias queremos recoñecer a vosa participación e o voso interese en colaborar para formar estes listados de libros. Moitísimas grazas, xa que sen ese tempo que dedicades en votar sería totalmente imposible este traballo.
E agora os resultados… Os nosos parabéns aos premiados e premiadas!!!
– Mellor libro de narrativa para A nena do abrigo de astracán, de Xabier P. DoCampo.
– Mellor libro de poesía para Lumes, de Ismael Ramos.
– Mellor libro de ensaio/investigación para Rosalía de Castro. Cantos de independencia e liberdade, de María Xesús Lama.
– Mellor libro de teatro para Suite Artabria, de Manuel Lourenzo.
– Mellor álbum de banda deseñada para O bichero VII. De punta a chicote, de Luís Davila.
– Mellor libro traducido para público adulto para Thérèse Raquin, de Émile Zola, traducido por Isabel Soto.
– Mellor libro de literatura xuvenil para Os nenos da varíola, de María Solar.
– Mellor libro de literatura infantil para A señorita Bubble, de Ledicia Costas.
– Mellor libro traducido de literatura infantil e xuvenil para Pippi Mediaslongas, de Astrid Lindgren, traducido por David A. Álvarez.
– Autor do ano para Ismael Ramos.
– Ilustrador do ano para Víctor Rivas.
– Mellor capa de libro para adultos para Luns, de Eli Ríos.
– Mellor capa de libro de literatura infantil e xuvenil para A señorita Bubble, de Ledicia Costas, feita por Andrés Meixide.
– Mellor editorial do ano para Galaxia.
– Mellor crítico/a literario/a para Armando Requeixo.
– O mellor acontecido para Culturgal 2017.
– O peor acontecido para a política lingüística do goberno da Xunta de Galicia.
– Mellor Libraría para Cartabón.
– Mellor medio de comunicación para Sermos Galiza.
– Mellor blog/web literaria para Caderno da crítica, de Ramón Nicolás.”
Vídeo da presentación de O sol dentro da cabeza, de Suso Díaz, en Vigo
“Un 2017 de cultura (I)”
Desde
Cultura Galega:
“As últimas datas do ano é un bo momento para botar a vista atrás e ver que deron estes doce meses no ámbito da cultura. Hoxe, achegamos a primeira entrega destas primeiras valoracións sobre a cultura en Galicia en 2017, da man de Natalia Poncela, crítica de arte, Ramón Nicolás, crítico literario e Adrián Cunha, fotógrafo e director dun programa musical. O venres teremos outra entrega destas análises. (…)
Nunca os balances son doados, e menos aínda se gozan dunha escasa perspectiva temporal. Con todo, alén deses galardóns que fan volver a vista á importancia do que aquí se fai -e penso nas concesións de senllos premios de carácter estatal a Antonio García Teijeiro e Ledicia Costas-, das publicacións orientadas a actualizar a obra e a vida de Carlos Casares, alén das inevitables despedidas como foron as de Xohana Torres e Miguel Suárez Abel, talvez se poidan percibir algunhas liñas de sentido xerais.
En síntese apuntaría o excelente momento que atravesa a poesía con achegas de salientable calidade-, a literatura infantil e xuvenil e mesmo o ensaio, mentres que o teatro continúa a tendencia resistente dos últimos tempos. Na narrativa talvez salientaría a relevancia que van gozando os roteiros literarios organizados aquí e alá, ademais do retorno dalgunhas voces –Reimóndez, Lopo, Moure, Feijoo, Eiré, Pedreira, Calveiro, DoCampo, Nacho Taibo ou Riveiro Coello– ou a estrea de voces como as de Eli Ríos, Carracedo Porto ou Benito Reza, entre outras.
A aparición dun selo editorial moi atractivo como “Oqueleo” e a posta en marcha doutro proxecto como é Aira Editorial, cando Edicións do Cumio xa é só un recordo, completan esta visión á espera doutro ano que, coma sempre, ha traer magníficos libros. (…)”
Vigo: presentación de O sol dentro da cabeza, de Suso Díaz
Cuestionario Proust: Anxo Fariña
Desde o blogue de Ramón Nicolás,
Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Anxo Fariña:
“1.– Principal trazo do seu carácter?
– Sensible.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A empatía.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Que me apoien cando o precise.
4.– A súa principal eiva?
– Pensar demasiado.
5.– A súa ocupación favorita?
– Imaxinar.
6.– O seu ideal de felicidade?
– A ausencia de dor. E, a partir de aí; cociñar para a miña familia, un paseo pola natureza, unha cervexa cos amigos, algo de escalada, ler…
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Que lle acontecese algo ao meu fillo.
8.– Que lle gustaría ser?
– Unha persoa.
9.– En que país desexaría vivir?
– No meu. Pero con menos lumes, menos hipocrisía, máis coidado pola natureza…
10.– A súa cor favorita?
– Verde.
11.– A flor que máis lle gusta?
– A do toxo.
12.– O paxaro que prefire?
– Aguia.
13.– A súa devoción na prosa?
– Por épocas. Agora, Murakami e Faulkner.
14.– E na poesía?
– As dos meus amigos escritores/as.
15.– Un libro?
– A historia interminable.
16.– Un heroe de ficción?
– Un anti-heroe de cómic: Logan (Lobezno).
17.– Unha heroína?
– Ninfa (un dos personaxes dos Megatoxos).
18.– A súa música favorita?
– Variada e depende da época. Non pode faltar algo de Frank Sinatra e Coltrane.
19.– Na pintura?
– Matisse, Klimt…
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Os que son quen de sobreporse a enfermidades ou adversidades terribles.
21.– O seu nome favorito?
– Aidan.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A impuntualidade.
23.– O que máis odia?
– A violencia.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Por desgraza temos moito onde elixir. Franco, Hitler…
25.– Un feito militar que admire?
– Admirar ningún. Como escritor fascínanme moitos episodios bélicos da historia. Sobre todo polas microhistorias dos seus participantes que adoitan quedar no anonimato ensombrecidas polos mandatarios.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Unha mellor saúde.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Sen dor e en paz.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Ultimamente máis melancólico do que me gustaría.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– O medo.
30.– Un lema na súa vida?
– Imos aló.”
Estevo Creus, galardoado na XXX edición do Premio Eusebio Lorenzo Baleirón
Desde
Caderno da crítica, de Ramón Nicolás:
“Resultou moi grato para min asistir, como membro do xurado xunto con Xabier Castro, Blanca Ana Roig, Míriam Ferradáns e Daniel Costas Currás, ás deliberacións que outorgaron a XXX edición do Premio Eusebio Lorenzo Baleirón ao libro O lugar que non hai que, aberta a plica, resultou ser da autoría de Estevo Creus Andrade, que xa resultara galardoado neste mesmo certame en 1998 con Teoría do lugar. Un libro, o desta ocasión e tal e como se sinala na acta do xurado, pragado de imaxes escintilantes e que esculca con brillantez e ironía, desde as instancias da dúbida permenente, nos territorios da outredade, da confusión, do desdobramento e do propio eu poético.
Non podo deixar de referirme á ofrenda floral previa que se lle tributou a Eusebio Lorenzo, no cemiterio de San Xián de Laíño, xunto cos escritores Manuel Lorenzo Baleirón, Paulino Vázquez e David Pérez Iglesias, á que tamén asistiron Valentín Alfonsín e Adriana Sóñora. Un acto sinxelo onde soou a palabra de Rilke nunha tradución de Lois Tobío e semelloume que todo o que Rilke escribira un día fora pensado para aquel momento. Particularmente, malia as proximidades xeracionais, non coñecín ao poeta de Dodro, pero si admirei e admiro a súa obra e, sobre todo, foi para min unha satisfacción constatar como o lugar en que el naceu segue a traballar, desde hai tantos anos, por manter viva coa poesía a súa memoria. Que así siga por moitos anos.”
Crónica fonográfica do Congreso de Poesía Nós tamén navegar: grupo de traballo Interaccións poéticas: ensino, lingua, ciencia
Nós tamén navegar. 40 anos de poesía galega
é o título do Congreso de Poesía organizado pola AELG, coa colaboración do Concello de Pontevedra, co que se pretendeu facer unha revisión da poesía galega nos últimos catro decenios, un exame da súa situación actual e do peso da poesía no sistema literario e na sociedade galega, tendo en conta a relevante diversidade de propostas, achegas e temáticas que mostran as diferentes poéticas existentes, e tamén analizar colectivamente os retos para o futuro.
Aquí pode escoitarse a crónica fonográfica completa, da que destacamos hoxe os referentes ao terceiro grupo de traballo, Interaccións poéticas: ensino, lingua, ciencia.
– Presentación 3º grupo de traballo: Interaccións poéticas: ensino, lingua, ciencia. Mercedes Queixas:
– 3º grupo de traballo: Interaccións poéticas: ensino, lingua, ciencia. Ramón Nicolás:
– 3º grupo de traballo: Interaccións poéticas: ensino, lingua, ciencia. Ramón Caride:
– 3º grupo de traballo: Interaccións poéticas: ensino, lingua, ciencia. Estíbaliz Espinosa:
– 3º grupo de traballo: Interaccións poéticas: ensino, lingua, ciencia. Coloquio:


