Monforte: acto destacado da Feira do Libro para o venres 26

OFeira do Libro de Monforte 2016 venres 26 de agosto continúa a Feira do Libro de Monforte (na Rúa do Cardeal), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 12:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., co seguinte acto literario destacado dentro do seu programa:

21:00 h. Presentación de Querido Eduardo. Cartas de Suárez Picallo a Blanco Amor, publicado por Chan da Pólvora. Participa no acto Manuel Veiga.

Nova editorial especializada en poesía, Chan da Pólvora

DesdeChan da Pólvora logo Sermos Galiza:
Chan da Pólvora “estará centrada na poesía, que será o seu eixo, o que non impide que publiquemos textos teóricos relacionados coa poesía ou outros que se movan nos lindeiros do xénero”, segundo nos explicou o escritor e xornalista Antón Lopo, promotor do proxecto, xunto cos tamén poetas Eduard Velasco e Alicia Fernández, que levarán a parte da libraría.
A nova editora sairá á rúa con dous poemarios este xuño. O primeiro será a opera prima de Antón Blanco, un poeta vilagarcián de 20 anos, gañador do Premio Minerva. En opinión de Lopo, “é unha das voces máis orixinais dos poetas novos. Queremos que a editorial teña unha liña de aposta por explorar o que se está construíndo e á vez ofrecer espazos a voces que xa teñen unha traxectoria consolidada”.
A este segundo obxectivo responde Urania, a segunda obra a publicar por Chan da Pólvora. Trátase dunha reedición do primeiro poemario de Chus Pato, publicado en 1991 nunha “edición case de autor”. “É un expoñente dunha Chus Pato en ebulición, que é unha illa nova e que hoxe conserva toda esa forza primixenia”, defende o monfortino.
O terceiro libro, que sairá a luz o 28 de xuño (Día Internacional do Orgullo LGBT), verá a luz a correspondencia de Eduardo Blanco Amor con Ramón Suárez Picallo dentro da colección Rabo de Egua, “que acollerá textos que non están estrictamente encadrados na poesía”.
Outra das coleccións será Caniveliñas, que editará plaquettes (pequenas edicións), que botará a andar coa tradución dun poema de Pere Gimferrer.
A outra vertente do proxecto, homónima, é unha libraría que abrirá na compostelá Rúa de San Pedro número 74, tamén especializada en poesía e que inclúe espazo de creación poética e de presentación de libros.
O nome da editorial e das coleccións remiten a topónimos da illa de Ons. “Nunha casa de María Salvado -persoa vinculada ao proxecto- no lugar de Chan da Pólvora ideamos o proxecto hai agora un ano, con todo o simbólico de concebir algo así dentro dunha illa”, conta Lopo. Desde aquela foron desenvolvendo un universo ao que se foron unindo persoas como o poeta Gonzalo Hermo ou o deseñador Manuel Martínez. (…)”

O que vén en 2014 (efemérides literarias), por Ramón Nicolás

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Non é difícil conxecturar que boa parte da actualidade cultural do 2014 estará ocupada por dous escritores que, sen dúbida, suscitarán unha abondosa atención mediática en forma de actualización e posta ao día da súa obra literaria. Eles son Xosé María Díaz Castro e Eduardo Blanco-Amor, mais talvez non sería desaxeitado atender aniversarios e datas simbólicas doutras voces, igualmente significativas para a nosa cultura.
Son dúas as circunstancias que este 2014 ofrece en relación ao poeta de Guitiriz. Por un lado a celebración, o 19 de febreiro, do centenario do seu nacemento e, polo outro,  a decisión da Real Academia Galega para que protagonice o Día das Letras Galegas.
Díaz Castro ben merecía este recoñecemento, malia ser un autor dun único libro publicado en vida ou mesmo talvez por esa mesma razón pois Nimbos é deses poemarios que honran e dan brillo a unha literatura. O mesmo ocorreu con autores que faleceron cun único libro publicado, véxase De catro a catro de Manuel Antonio, Fírgoas de Manuel Luís Acuña ou Proel de Luís Amado Carballo. Neste ronsel é onde, ao meu xuízo, cómpre situar a Díaz Castro: o que quixo dicir deixóunolo nun excelente poemario e logo calou, ou gardou silencio. É evidente que este ano traeranos necesarias biografías, a edición do resto da súa obra literaria que sospeito abondosa e interesante e outras iniciativas. Benvido, pois, este 2014, ano Díaz Castro para a cultura galega.
Tamén a RAG dispón xa diversas actividades que se vincularán co 35 aniversario da morte do autor de A esmorga; o mesmo aniversario, por certo, que lle corresponde a Celso Emilio Ferreiro ou Luís Seoane.
Respecto a Eduardo Blanco-Amor xa se programan tanto a celebración dun plenario extraordinario na cidade de Ourense como un simposio que afonde en diversos aspectos da súa produción literaria. O perfil do escritor ourensán cómpre evocalo sempre, entre outras causas porque viviu moitos anos como un outsider, ignorado e maltratado tantas veces polo oficialismo. Gústame esta homenaxe porque posibilitará outra nova ollada á súa biografía –insuperable a que nos deixou Gonzalo Allegue co título EBA diante dun xuíz ausente– e, asemade, á súa obra.
Descoñezo se algunha institución pública ou asociación privada planifica algunha actividade ao fío das posibles celebracións que as circunstancias cronolóxicas fan cadrar, mais así debía ser. Entre elas salienta a do cincuenta aniversario do falecemento tanto do político sadense Ramón Suárez Picallo, que viviu axitadamente entre Galicia e América toda a súa vida, como do político e arquitecto vigués Manuel Gómez Román, que desenvolveu un labor aínda hoxe escasamente recoñecido tanto no ámbito do Partido Galeguista como, anos despois, na resistencia cultural no franquismo no seo da editorial Galaxia e da Fundación Penzol.
Por último, tamén este 2014 cumpriría cen anos o mestre, político e ensaísta Avelino Pousa Antelo, falecido hai tan só ano e medio, que foi presidente da Fundación Castelao durante moito anos e exemplar modelo de fidelidade ao seu país e á súa lingua. Neste mesmo grupo cumpriría citar a Celestino Fernández de la Vega, outro ilustre tradutor e ensaísta, especialmente coñecido polo seu intemporal O segredo do humor (1963) e mais a Ramón de Valenzuela, quizais unha das voces narrativas máis precisadas de difusión e revisión, tamén pola dificultade de atopar libros clave como Non agardei por ninguén ou Era tempo de apandar…, obras que non deben faltar para este 2014.

Este artigo publicouse nas páxinas do suplemento Culturas de La Voz de Galicia, o 4 de xaneiro de 2013, baixo o título de O ano de Díaz Castro e Blanco Amor.

P. D. Dous días despois da publicación infórmanme que neste 2014 hai 110 que naceu Arturo Cuadrado e cen anos do escritor murgardés Xosé Rubia Barcia. Deixo constancia aquí deles. Grazas.”

Suárez Picallo e Otero Pedrayo: “Fálalles de nós”

Desde Cultura Galega:
“É un dos discursos máis emocionantes do exilio galego. A comisión organizadora da viaxe de Ramón Otero Pedrayo a América despide o 15 de agosto de 1959 ao escritor nun acto da colectividade galega. O xornalista Suárez Picallo pronunciará un emocionante discurso de despedida ao intelectual ourensán. Este é o cuarto volume da serie As Nosas Voces, editado en 1994 polo Arquivo Sonoro de Galicia do Consello da Cultura Galega, titulado Ramón Suárez Picallo e Ramón Otero Pedrayo en América. II: