O mércores 26 de novembro, ás 19:00 horas, no Museo Fundación Eugenio Granell (Praza do Toural, s/n) de Santiago de Compostela, a A. C. para o Desenvolvemento sen Fronteiras organiza o recital Dez anos de poesía sen fronteiras na Fundación Eugenio Granell, baixo a dirección de María Montaña, cunha selección de textos de Cervantes, Lope de Vega, Quevedo, Unamuno, García Lorca, Miguel Hernández, Rosalía, Cunqueiro, Celso Emilio Ferreiro, Uxío Novoneyra e Manuel María, entre outros.
Arquivos da etiqueta: Rosalía de Castro
A Coruña: Paseos pola Coruña Literaria, con Xavier Seoane, o 15 de novembro
Os Paseos pola Coruña Literaria, iniciativa da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega co apoio e colaboración da Concellaría de Cultura do Concello da Coruña, consistirán nuns paseos pola Coruña da man das escritoras e escritores que escribiron obras ambientadas na cidade.
A inscrición pódese realizar xa na Conserxaría do Centro Ágora ou chamando ao 981 189 888. Hai un total de 30 prazas por paseo, para maiores de 16 anos.
O terceiro paseo terá lugar o sábado 15 de novembro, de 12:00 a 13:30 horas:
– Xavier Seoane – 15 de novembro.
Paseo pola Coruña literaria coa Rosalía que viviu na Coruña, coa familia. En plena Cidade Vella. Se intentamos traspasar o veo do tempo, coa imaxinación, podemos vela (ou soñala), transitar co seu espírito aberto e, alerta, pola rúa do Príncipe, a Praza da Fariña, o Parrote, o Xardín de San Carlos…
Ferrol: proxección de I ante aquel silencio mudo. Rosalía e Cantares Gallegos
Betanzos: tertulia sobre Rosalía de Castro, arredor do libro A dama da noite, co seu autor, Xavier Seoane, e Francisco Pillado
Arteixo: Rimando e xogando, por Ana Hermida
Unha achega da poesía de Helena Villar Janeiro, Manuel María, Rosalía de Castro e Xosé María Díaz Castro ao público infantil.
Cuestionario Proust: Carlos Callón
Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Carlos Callón:
“1.– Principal trazo do seu carácter?
– Sempre é difícil responder estas cousas. Supoño que certo optimismo que tenta estar advertido.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– Como universal, a cordialidade. Canto máis próximas as persoas, máis agradezo tamén a honestidade.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Das amigas e dos amigos, comprensión, apoio (aínda que sexa crítico) e confianza. Das amizades, a cordialidade xa dita e algo de compañía mutua.
4.– A súa principal eiva?
– Seica dicía Cunqueiro que os galegos temos un sentido árabe do tempo.
5.– A súa ocupación favorita?
– Entusiásmanme os pequenos traballos intelectuais en que a curiosidade carbura a plena potencia. Ademais, gusto de lle dar á cabeza por volta da intervención social nas causas en que estou máis implicado.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Desentronar a felicidade como ideal e orientarme polo desexo.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Non poder buscarlle un sentido á vida. Por exemplo, pola perda das persoas que amo.
8.– Que lle gustaría ser?
– Chegar de pleno ás miñas vocacións sería abondo.
9.– En que país desexaría vivir?
– Neste, con mellores condicións. Gusto tamén da idea de pasar un tempiño de xeito en varios lugares de Francia e Italia, porén regresando aquí.
10.– A súa cor favorita?
– Talvez a verde clara.
11.– A flor que máis lle gusta?
– Os campos de chuchameles son tan evocadores!
12.– O paxaro que prefire?
– Estou entre os periquitos e as píllaras.
13.– A súa devoción na prosa?
– Castelao, Cunqueiro, Marguerite Yourcenar, Borges, Pascal Quignard, Antón Lopo… Se hai que escoller un nome, hoxe diría… Cunqueiro.
14.– E na poesía?
– Lupe Gómez, Benedetti, Pilar Pallarés, Yolanda Castaño, Rosalía, Pessoa, o trobadorismo galego, Fermín Bouza Brey… Non, non podo escoller un. Xa bastante é non pasarme citando, he he he.
15.– Un libro?
– O que máis veces lin e relín desde a puberdade até hoxe é Follas Novas. Un clásico dos que palpitan, aínda que hai quen o preferiría momificado.
16.– Un heroe de ficción?
– Estou entre o magnífico Hadriano que nos retrata Yourcenar e o Neville Longbottom da saga de Harry Potter (defendo que el debería ser o verdadeiro protagonista).
17.– Unha heroína?
– Tamén estou entre dúas respostas: ou a viúva do Eleuterio das Cousas de Castelao ou calquera das mulleres afoutas a quen dá voz Rosalía.
18.– A súa música favorita?
– No meu carro os que máis están a soar nos últimos meses son Stromae, Caxade e Els Amics de les Arts. Miña nai dicía de min de pequeno: “a Carlos na música gústalle de todo”. Pois iso.
19.– Na pintura?
– Atrápame O neno das piñas de Castelao e podo pasar horas mirando reproducións de miniaturas medievais.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Daniel Castelao. O seu papel no exilio para que permanecesen vivas as reivindicacións nacionais galegas –non só fronte á destrución fascista, senón tamén ante a incomprensión e os paus nas rodas do republicanismo español e do piñeirismo– é un testemuño que nunca deberiamos esquecer.
21.– O seu nome favorito?
– Éme moi difícil seleccionar un. Vénme á cabeza o hipocorístico Porfica, que era como lle chamaban a unha das avoas da miña queridísima avoa Pepa (ou sexa, que era miña tataravoa). Porfica fai serie con moitos nomes familiares de noso que non deberían esmorecer, como Lela, Carmucha, Mingos, etc.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– Supoño que, coma todos, aqueles en que vexo reflectido algo de min que me desagrada. Por dicir algo en que claramente non estou metido: non aturo a xente que fai ruído no cinema.
23.– O que máis odia?
– A crueldade.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Moitas do pasado e do presente. Polas súas fondas ramificacións nos nosos días direi o repugnante nome de Francisco Franco Bahamonde.
25.– Un feito militar que admire?
– A perseveranza da guerrilla galega, que batallou contra o franquismo canto puido, mais sen ter o apoio exterior con que contaron as resistencias antifascistas doutros países.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– O canto, mais acaparou miña irmá toda a capacidade melódica da familia, e o do debuxo, mais iso repartírono entre todos os meus irmáns precedentes.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Como Emiel Pauwels: con 95 anos, preparado para recibir a eutanasia após darlle á champaña coa xente que amo. Supoño que hai niso tamén algo da ansia de Hadriano: saber despedirse, entrar na morte cos ollos abertos.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Talvez enérxico.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Remítome á resposta vinte e dúas e doulle a volta. Por continuar no mesmo exemplo, son indulxente coa xente que por fin para e che deixa ver o resto do filme en paz.
30.– Un lema na súa vida?
– A frase de Lacan que máis ecoa en min nos últimos tempos é que un só pode sentirse culpábel de traizoar o seu desexo. Se se matinar algo nela, verase que hai aí un compromiso ético que se alicerza no individual mais que o trascende.”
Cork, Irlanda: Readings from the periphery, con Marta Dacosta, Isaac Xubín e Harkaitz Cano
Este acontecemento reúne tres escritores de Euskadi e Galiza para falar da importancia de escribir hoxe en día nas chamadas linguas minoritarias. A xornada comezará con dous seminarios sobre aspectos diferentes das literaturas vasca e galega contemporáneas, seguidos dunha lectura de poesía. Organizado polo Centro de Estudos Galegos de Irlanda e o Departamento de español, portugués e estudos americanos latinos, UCC, esta actividade conta coa participación da AELG, co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística. A admisión ás dúas sesións é libre.
“O Centro Irlandés de Estudos Galegos da University College Cork organiza o venres 17 de outubro un seminario de investigación sobre literatura galega con Marta Dacosta, titulado Huellas de Rosalía, sobre a influencia de Rosalía na poesía galega e as voces actuais das mulleres na poesía galega: Como son as voces das poetas galegas hoxe en día? Son as estratexias de comunicación coas editoriais as mesmas que as que se utilizaban na época da célebre escritora? A continuación realizarase un seminario sobre literatura vasca con Harkaitz Cano: La literatura vasca: un mapa de los márgenes, ao que seguirá unha lectura de poemas en galego e éuscaro cos poetas Marta Dacosta, Harkaitz Cano e Isaac Xubín na Biblioteca Central de Cork, acompañado por unha recepción con viño.”
Cuestionario Proust: Luís Rei Núñez
Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Luís Rei Núñez:
“1.– Principal trazo do seu carácter?
– A perseveranza.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A bondade.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Nada.
4.– A súa principal eiva?
– A lentitude para a euforia.
5.– A súa ocupación favorita?
– Ler clásicos.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Unha nación de iguais.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Perder o sentido, ou a vista.
8.– Que lle gustaría ser?
– Mago profesional.
9.– En que país desexaría vivir?
– Neste, sen bispos nin franquistas.
10.– A súa cor favorita?
– O mar de Muros.
11.– A flor que máis lle gusta?
– A rosa.
12.– O paxaro que prefire?
– O paporrubio.
13.– A súa devoción na prosa?
– Eça, Tolstói, Pla.
14.– E na poesía?
– Rosalía, Machado, Yeats.
15.– Un libro?
– Guerra e paz.
16.– Un heroe de ficción?
– Jim Hawkins.
17.– Unha heroína?
– Lisbeth Salander.
18.– A súa música favorita?
– Beethoven e o Alalá das Mariñas.
19.– Na pintura?
– Vermeer, Velázquez, Klee.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Mandela.
21.– O seu nome favorito?
– Atlántico.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A petulancia.
23.– O que máis odia?
– O autoodio dos nosos.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Franco.
25.– Un feito militar que admire?
– A batalla de Stalingrado.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– O sentido da música.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Durmindo, sen dar traballo.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Entre a terra e o ceo.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Os que nacen do asombro.
30.– Un lema na súa vida?
– ¡Ollo á boia!”