Manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega no Día de Rosalía de Castro 2026, elaborado por Eva Veiga

MAIS ELES TAMÉN PERDIDOS

Comprenderás estonces
como abranda a delor as pedras frías,
anque abrandar non poida
almas de ferro e peitos homicidas.

Rosalía de Castro

Cara a onde imos?

Esta é unha pregunta que a bo seguro a Humanidade vén facendo en todo momento ao longo da súa historia, pois adoito camiñamos ás atoutiñadas, abríndonos paso no escuro. Mais talvez nunca como agora semellou esa cegueira tan perigosa para a supervivencia da especie, mergullada nunha imparable e global complexidade onde as redes de (des)información parecen arredarnos, máis que achegarnos, dun atinado coñecemento do real. Un coñecemento que deberá ir alén da ciencia e da tecnoloxía; e unha realidade que atinxe a vida cotiá da meirande parte da poboación mundial cada vez máis súbdita dos poderes económicos e dunha escala de valores que admira a riqueza, odia o pobre e apenas se escandaliza ante a inxustiza. No entanto, de tal triste condición xa nos advertiu Rosalía de Castro –“Tirá pedras ó caído”–, cuxa obra aborda con verdade e lucidez a problemática humana tanto no que á emocionalidade se refire como á súa dimensión social e política.

Un legado, o seu, de total vixencia neste noso mundo do que cada quen, nalgunha medida, somos responsables. Un mundo que a día de hoxe produce alimentos suficientes para fornecer 1,5 veces a poboación actual e, non obstante, no que 673 millóns de persoas sofren de alimentación insuficiente, segundo datos da FAO. Miles e miles de crianzas morren de fame ou desnutrición severa. Como definir, entón, esta especie que dicimos humana?

Tembra un neno no húmido pórtico…
Da fame e do frío
ten o sello, o seu rostro de ánxel (…)
E mentras que el dorme
triste imaxen da dor i a miseria,
van e vén ¡a adoraren ó Altísimo,
fariseios!, os grandes da terra,
sin que ó ver do inocente a orfandade
se calme dos ricos a sede avarienta.

En efecto, só a compaixón cos máis vulnerables e a denuncia da cobiza dun capitalismo salvaxe xunto a esa hipocrisía que perverte o auténtico significado das palabras e do pensamento, poden crear un estado de conciencia crítica que limite as accións criminais dos poderes económicos e políticos que perpetran, ante os nosos ollos, xenocidios en Gaza, Sudán, República Democrática do Congo, Nagorno-Karabakh, Nixeria, Etiopía ou a China. Vítimas da fame e de todas as posibles formas de violencia, milleiros de persoas foxen desas circunstancias en procura de refuxio ou de oportunidades para sobrevivir. “Miran para o mar/ os que noutras terras/ ten que buscar pan”. Segundo o CEAR, sete persoas migrantes e refuxiadas morren de media cada día no mar. Se a hospitalidade debera ser signo de civilización, como entender ese odio cada vez maior ao que chega en precariedade e desamparo? Que sociedade estamos a construír se o racismo, a xenofobia e a aporofobia medran ao abeiro de discursos tan irresponsables como infames? Se un Estado non pode dar acollemento a quen nada ten ou o perdeu todo, a quen desafiuzan ou non pode acceder a unha vivenda digna, onde radica a súa razón de ser?

mais ¿cómo pagar, cómo, si un non pode
inda pagar a renda?

Embargaránnos todo, que non teñen
esas xentes concencia, nin ten alma.

Se non reaximos fronte a esa acumulación obscena que reteñen un reducido grupo de magnates, multinacionais ou fondos voitres que dirixen o mundo, provocando desigualdade, cambio climático, explotación laboral, escravitude e guerras, veranse reforzados por respostas cómplices de resignación e servilismo que ata os desfavorecidos defenden, cativos da súa ignorancia. Semella así que vivimos nun sistema feudal, moi lonxe da Declaración dos Dereitos Humanos ou do Dereito Internacional e tan preto da impunidade da clase poderosa. “Mais socede nesta vida/ que os que ten culpa na levan.” Así e todo, Rosalía non se resigna e nós tampouco. Con ela queremos loitar contra o patriarcado, contra a trata de seres humanos, contra o autoritarismo, contra todas as inxustizas e a prol dunha humanidade responsable que coida da infancia e da educación humanista, aberta ao outro, ao diferente, capaz de mostrar empatía e colaboración. Falamos da bondade que é a intelixencia máis evolucionada, a que procura o ben do individuo canda o ben da colectividade á fin de mellorar o mundo que habitamos. Porque xa nolo deixou escrito Rosalía, poeta universal, muller afouta e adiantada ao seu tempo que falou alto e claro:

Sin amar cal é negra esta vida
E perde o sol o seu brilo.

Eva Veiga
Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG)
#maiselestamenperdidos
#_rdc2026

O Manifesto pode descargarse en formato .pdf aquí.

Nesta ligazón iremos actualizando a información dispoñíbel do Día de Rosalía de Castro 2026.

Compostela: actividades do 12 de outubro na SELIC 2025

Compostela: actividades dos 6 e 7 de outubro na SELIC 2025

A Coruña: actividades do 6 de agosto na Feira do Libro 2025

A Coruña: actividades do 4 de agosto na Feira do Libro 2025

Calros Solla: “Vivo Vigo, debullándome nel en cada latexo; a Vigo fun acomodando o ritmo da miña respiración. Estou resentido, pero hai que reflexionar”

Entrevista de Angelo Nero a Calros Solla en Nueva Revolución:
“(…) – Nueva Revolución (NR): “Este libro de poemas de Calros Solla é unha homenaxe poliédrica a esta amada e odiada cidade nosa que tatexa, latexa e se desangra cada serán en cada esquina e que ao outro día xa está en pé para ir ao choio. Pero tamén é un berro reivindicativo, unha reflexión intelixente e, ás veces, unha gargallada agridoce na noite, que se burla de todo aquilo que nos deshumaniza e nos ridiculiza como pobo”, di o acaído limiar de Xosé-Henrique Costas, de herba de vigo. Canto hai de homenaxe e de reivindicación neste orixinal artefacto poético, e que foi o que te levou a fiar este feixe de versos que comezas co provocativo “Vigo sen vivir en min” dos Resentidos?
– Calros Solla (CS): O poemario herba de vigo é xaora unha homenaxe reivindicativa. Que o nome da cidade lle dea título ao libro é significativo: trabar o nexo sentimental coa urbe; unir a miña sorte co seu destino. Amais, a escolla para o título da composición “herba de vigo” pretende identificar o medio no que nestora son e transito, pasto e remoio coa metáfora do seo nutricio; herba forraxeira; que alimenta –como animal bípedo e racional que son– o meu corpo e a miña alma, a miña andaina instintiva e a miña reflexividade.
Vigo é a cidade na que resido dende hai oito anos. Acolleume –a min e a moitos– como terra de promisión, sen facer preguntas; no meu caso, cos estigmas do pontevedresismo e da cerdedanía: o ser vilego e aldeán. Eu, en pago, sen abxurar das miñas eivas e dos meus atributos –da miña equipaxe–, entregueime libre á impúdica contemplación dos seus encantos e das súas miserias. Froito desta introversión xurdiu unha restra de versos onde a cidade ora me arrouba, ora me perturba, aleda ou atristura. Alédame, poño por caso, que moitos vigueses da cerna (v.g.: Quique Costas, autor do limiar; Manuel Bragado, Ramón Nicolás, Antonio G. Teijeiro, Manuel Esteban…) se sentisen representados polo poemario e manifestasen a súa agarimosa adhesión. Benia a eles.
Vigo é unha cidade industrial malia o galopante e ás veces groseiro proceso terciarizador. Neste contexto aínda son quen de advertir que “sous les pavés, la plage!”. A cidade monstro medrou e, a cada medra, a cada braceo ou espernexo, foi chimpando do andel algúns dos seus sinais de identidade. Así e todo, as vacas da soberanía alimentaria seguen pacendo nos comareiros de Martínez Garrido. No libro teñen cabida o proceso desgaleguizador, a desmemoria, as inxustizas, os desmandos contra a natureza e o patrimonio, as desigualdades sociais, o retroceso nos dereitos laborais…; e tamén, a resistencia. Vivo Vigo, debullándome nel en cada latexo; a Vigo fun acomodando o ritmo da miña respiración. Estou resentido, pero hai que reflexionar.
– NR: Boa parte da túa obra, en especial a adicada a etnografía, máis tamén o teu universo poético, está enraizado na túa terra, Cerdedo. Agora fas unha afirmación de viguismo, aínda que sen renunciar ás túas orixes: “en vigo, / o fin xustifica os medios. / en cerdedo, / os medos xustifican a fin”. Pensas que os vigueses, no entanto a meirande parte temos as raíces fora, estamos dalgún xeito obrigados a abrazar ese viguismo para que non se note que todos somos forasteiros?
– CS: “Toda a terra é dos homes. Aquel que non veu nunca máis que a propia, a iñorancia o consome”, alentou Rosalía. Dito isto, sexamos vigueses “de toda a vida” ou uns recén chegados, debemos abrazar con forza o que de galeguismo oceánico ten ese “viguismo”, sen renunciarmos á enriquecedora singularidade de cadaquén; sublimémolo como sentimento de pertenza a un pobo, a unha nación, a unha cultura, a unha lingua…, que turra por facerse oír con voz propia nun planeta globalizado. Freemos o etnocidio; arrepoñámonos ao negacionismo con encanto e persuasión; sumemos afectos e sinerxías para evitar sentírmonos estranxeiros na nosa propia terra.
Tamén digo que cada un fala da feira segundo lle vai nela. Neste senso –refírome agora ao TAV–, é evidente que se Vigo acaba facendo bo trato, Cerdedo quedará a velas vir, como a vaca que mira pasar o tren. (…)”