Desde a Radio Galega:
“Falamos da obra literaria de Luísa Villalta co crítico Armando Requeixo, investigador do centro Ramón Piñeiro e responsable da edición da antoloxía Pensar é escuro. Poesía reunida (1991-2004), que compila os catro poemarios publicados en vida da escritora: Música reservada, Ruído, Rota ao interior do ollo e En concreto. A entrevista pode escoitarse aquí.”
Arquivos da etiqueta: Rota ao interior do ollo
Marga do Val, escritora e tradutora: “Luísa Villalta escribiu para os tempos de hoxe”
Entrevista de Susana Rois a Marga do Val en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Quen é hoxe Luísa Villalta?
– Marga do Val (MV): Luísa Villalta é unha escritora que se está descubrindo. Cando viviu no seu tempo coñeciámola as poetas que compartiamos vida con ela, os seus amigos e compañeiros de militancia política e cultural, as persoas que lían os seus textos, o profesorado que levou as súas obras ás aulas, nomeadamente dúas: As chaves do tempo, un libro de lectura que estaba na colección Froita do tempo, d’A Nosa Terra, e O outro lado da música, a poesía, un volume co que o profesorado de lingua e literatura galega, sobre todo, traballou moitísimo para comentar poemas de Manuel Antonio, de Blanco Amor, de Rosalía de Castro, de Curros… Foi este un libro sobre o que propia Luísa impartiu numerosas charlas, un libro que axiña se espallou entre o profesorado.
Luísa foi unha persoa moi valorada no seu tempo, mais hoxe tamén unha escritora que persoas daquela altura están lendo por primeira vez, por iso era importante que toda a súa obra chegase ao público de novo. (…)
– ND: Transitou outros xéneros literarios e artísticos.
– MV: Tocounos todos. E estivo coa cultura portuguesa. É a primeira autora que publica Edições Tema: Rota ao interior do ollo, un libro de cinco poemas que vai converter nun caligrama, para min o máis fermoso da literatura galega, e que rematará nunha exposición de Burla Negra que se chamaba Botella ao mar e tamén nese proxecto iniciado en Suíza por tres creadoras, que percorreu 25 países, denominado Flying Carpet. Luísa estaba de total actualidade, dialogando cos movementos que había: o movemento feminista, o de Nunca Máis, e non só como autora, senón como activista, membro da AELG, do Foro da Cultura Galega.
Foi ensaísta e ensinante, de feito creo que é esta profesión a que propicia que Luísa escriba O Don Hamlet de Cunqueiro: unha ecuación teatral ou O outro lado da música, a poesía, porque se deu conta da necesidade de estabelecer un diálogo co alumnado e de falar de temas universais.
Luísa participou da renovación do teatro galego, como expresión artística e como arma de dinamización lingüística, de normalización e prestixio para a nosa literatura. Luísa é unha autora que serve para que pensemos e recapacitemos na situación da nosa literatura naquela altura e nos seus medios de difusión e de chegar ao público. Isto é o que fixo e o que todo o mundo está a descubrir.
– ND: Que vai encontrar o público lector nas páxinas neste Sermos Galiza titulado Luísa Villalta. Devir comunidade?
– MV: Unha gran polifonía de voces falando de Luísa. Desde Sermos Galiza o que fixemos foi ter presentes persoas que acompañaron a vida de Luísa, os anacos do seu interior mais tamén a súa escrita, para que nos explicasen a autora daquel tempo sen perder a perspectiva de como comezou. Todas as que están fan parte da comunidade Villalta, aínda que hai moitas máis, por suposto. (…)”