Arquivos da etiqueta: Sara Vila Alonso
Vídeo da presentación en Vigo de Bárbaras!, de María Reimóndez
Compostela: presentación de Lingua, poder e adolescencia, de Miguel Rodríguez Carnota
Pontevedra: presentación de Xinfu Muxel Attacks, de Adrián Morgade
Compostela: presentación de Matarán a Reboiras, de Luís Rei Núñez
Pontevedra: presentación de 10.000 millas de andar na bici, de Xabier Cid
Vigo: presentación de Bárbaras!, de María Reimóndez
Compostela: presentación de Oito días sen Eva Cortes, de Sara Vila Alonso
Vigo: presentación de Oito días sen Eva Cortes, de Sara Vila Alonso
Manuel Gago: “Falando coa xente decateime da gran pegada da guerrilla en Galicia”
Entrevista de Sara Vila a Manuel Gago no Diario de Pontevedra:
“(…) – Diario de Pontevedra (DP): A resistencia ao nazismo e ao franquismo son dous fenómenos que se poderían considerar un.
– Manuel Gago (MG): Si. Eu parto da teoría de que o primeiro capítulo da II Guerra Mundial foi a Guerra Civil española, por iso non tendo a velos como fenómenos illados. Nun primeiro momento a guerrilla antifranquista en Galicia foi apoiada polos británicos, que dalgunha forma participaron na súa formación. A guerrilla non naceu inmediatamente despois da vitoria de Franco. Logo, nos anos 40 a súa presenza é moi intensa en moitas partes do territorio, iso é algo que se nos esqueceu hoxe en día, sobre todo a importancia das súas redes de apoio fóra do monte. Están documentadas xudicialmente 5.000 persoas implicadas no apoio á guerrilla en Galicia, e son só as que constan a nivel xudicial, polo que habería moitas máis.
– DP: Había mulleres nestas redes?
– MG: O papel das mulleres é absolutamente fundamental. Ata hai relativamente poucos anos non sabiamos nada desta rede. Agora, grazas ao traballo de historiadoras como Aurora Marco, púidose recuperar o papel das redes de enlace, onde as mulleres xogan un papel fundamental. Neste vínculo ás veces hai unha relación familiar, sentimental, ideolóxica ou as tres cousas xuntas. Elas podían desprazarse con máis facilidades, sen sospeitas, aproveitando o estatus subordinado que tiña a muller, para conseguir apoios. Temos historias incribles e hai casos de mulleres que deron o paso de ser parte activa na guerrilla, participando nas accións directamente. Outra forma de resistencia era enfrontarse aos nazis na guerra. Había moitos galegos loitando? Houbo galegos na Nove, a brigada que entrou en París en primeiro lugar. Os galegos que participaron directamente nos combates de II Guerra Mundial son antigos republicanos que acaban en Francia e alí enrólanse nos exércitos coa esperanza de que a vitoria dos aliados sería tamén a fin de Franco, algo que non foi así. Tamén hai que dicir que, mentres estes galegos estaban loitando na guerra, o seu contacto coas redes galegas non existía, produciuse despois da II Guerra Mundial a través do Partido Comunista, con directrices. Pero durante a guerra poderíase dicir que os galegos antifascistas quedaron sós no monte, con apoios puntuais dos aliados e do Servizo de Operacións Especiais do Exército Británico.
– DP: É fácil acceder aos documentos e fontes sobre a participación de Galicia na II Guerra Mundial?
– MG: A miña aproximación non era tanto dende un punto de vista histórico, senón dende a memoria da xente, para escribir a novela O exército de fume. Lin moitos libros ao respecto e había un baleiro importante sobre o seu día a día, como traballaban… Nas causas xudiciais hai moita información, sobre todo en Ferrol. Pero fixen tamén moito traballo de campo, falando coa xente, e quedei sorprendido da cantidade de información e memoria que hai deles. A cultura contemporánea non lles prestou demasiada importancia, quizais porque a súa presenza é conflitiva, porque un guerrilleiro non é só alguén que sufre, senón alguén que tamén reacciona con violencia. Son historias incómodas. Pero falando coa xente decateime da gran pegada que tivo a guerrilla en Galicia e a súa aceptación popular. Foron esas conversas as que me deron unha idea tremendamente humana desas persoas.”