Irene Montero: “Pode ser que estea superado o desprezo ás persoas con discapacidade, pero non sei se a conmiseración”

Entrevista a Irene Montero en Praza:
“(…) – Praza (P): Lúa Nova é a historia de Lúa Lóngora. Como xurdiu a personaxe? Quen é a Nati que citas no epílogo?
– Irene Montero (IM): Lúa Nova é unha historia que precisaba contar, desas que che ferven por dentro e que te vai buscar a ti, non ti a ela. A personaxe de Lúa Lóngora, protagonista da novela, está inspirada nunha moza do meu pobo, Nati, á que coñezo desde que é pequena e coa que coincido no Grupo de Baile e Gaitas Santaia, de Santa Cruz (Oleiros), onde trabei amizade con ela e a súa nai. Natalia, igual que Lúa, é cega de nacemento, unha condición que non lle impide loitar polo que desexa. Ben ao contrario, se hai unha palabra que a defina é “capaz”, capaz de practicamente todo o que se propoña.
– P: O libro gañou o premio de novela curta Cidade Centenaria de Ribeira. Como foi para ti recibir este premio coa túa primeira novela?
– IM: Pois a verdade é que foi unha sorpresa absoluta. É certo que optei por presentarme a varios concursos como unha vía para ver o meu “contiño” publicado, pero, sinceramente, non contaba para nada con gañar xa o primeiro que se resolveu. Aínda recordo a chamada da concelleira de Cultura de Ribeira. Cando se presentou e empezou a falar pensei: mira que riquiños que chaman a tódolos participantes para agradecerlles que presentaran a súa obra. Pero non. Cando me dixo que era a gañadora, non podía deixar de rir. E, desde entón, este libro non me trouxo máis que alegrías.
– P: Lúa non ten unha vida normal, senón unha vida extraordinaria: moito éxito profesional, social e persoal. O cal facilita presentar a súa traxectoria como unha historia de superación individual nun mundo xusto que recompensa o esforzo, pois ela é quen de “comer o mundo perseguindo os seus soños”. Era o teu obxectivo? Ata que punto o éxito de Lúa o é tamén da súa contorna social? (A Once, por exemplo, xoga un papel fundamental. Quizais maior que as institucións públicas).
– IM: Certo. Esta historia merecía ser contada precisamente porque se trata de algo pouco habitual. Unha historia que ten moito de extraordinario e na que teñen moito que ver distintos factores. O primeiro deles é a propia capacidade de Lúa, capacidade de traballo, de loita, de tesón, de marcarse o seu propio camiño a partir das súas fortalezas. Pero, obviamente, no seu caso non chega. Lúa tivo a sorte de contar cunha familia que soubo tecer unha rede de apoio arredor da súa filla. A Once, por suposto, foi un soporte fundamental, pero tamén a familia, os amigos, os profesores e pedagogos de apoio, o propio pobo…
E si, o que dis é certo, a Once xoga un papel crucial, que as institucións públicas están a anos luz de desenvolver. Non é so asesoramento, é acompañamento literal en tódalas etapas, é a aprendizaxe do braille e a transcrición de tódolos libros e partituras que precise, o que abre aos usuarios o acceso ao coñecemento, que non é pouca cousa. (…)”

Viveiro: actividades do 13, 14 e 15 de agosto na Feira do Libro 2022

A Coruña: actividades do 8 de agosto na Feira do Libro 2022

Ponteareas: actividades dos 16 e 17 de xullo da Feira do Libro 2022

Lugo: actividades do 20 de maio da Feira do Libro 2022