Pontevedra: Culturgal 2024, actividades do 1 de decembro

Este é o programa do Culturgal 2024. As actividades previstas para o 1 de decembro son:

Claudio Pato: “As mans poden, pese ao peso da historia do patriarcado, acariñar”

Entrevista a Claudio Pato en Praza:
“(…) – Praza (P): Corona é un libro da compaña, de acompañar(se) durante os meses do confinamento, di Xiana Arias. De que xeito vos serviu para acompañarvos nese tempo?
– Claudio Pato (CP): Levarei a resposta partindo do que está no libro como pegada, isto é, un conxunto de cousas que establecen relacións, mediadas sobre todo pola luz. Neste sentido é un libro de compaña, no sentido en como as cousas que entramos en relación nos fixemos compaña. Seguindo esta pregunta pero collendo outra vía, permítome contestar co que di unha das editoras do libro: “A min acompañoume, acompañáronme, todas esas cousas tan raras na cabeza de Calís. Todos os días e noites trataba de darlles algún tipo de sentido. Velaí o sentido: Logrou que só estivese dous días psicótico, no confinamento, e que vise a miña primeira serie da historia posmoderna (e das últimas)”. En todo caso eu persoalmente estiven moi ben acompañado pola dinámica que colleu o proceso de escrita de Corona, no que de modo moi importante entraba todo o feedback que viña da rede. E si, como di Xiana, fixémonos compaña na dificultade daqueles días. Un asunto de cabezudas.
– P: Inxunción é un mandato. O termo veuche de Derrida. Que é a inxunción neste poemario, quero dicir, a que mandato responde?
– CP: Iso podo pensalo dende hoxe e dicir que o libro de primeiras responde ou respondeu durante o proceso de escritura á necesidade de pensar a realidade que introduciu nas nosas vidas a chegada do coronavirus. O mandato tiña como dúas capas: unha primeira que foi entender eu a frase que finalmente resultou o título do libro: Corona* e a inxunción das n articulacións (libres). E ao tempo entender o que estaba pasando nas nosas vidas. Supoño que todo isto ten moito que ver coa idea de acontecemento. E si, a palabra vén furiosa en Derrida. E tal vez o mandato foi articular a necesidade e a liberdade. Dúas palabras tamén furiosas.
– P: Como foi o proceso de composición do libro? Empezou con posts de Facebook. Como mudou respecto das publicacións desta rede social?
– CP: Todo este proceso de escritura comezou, en efecto, no Facebook e prolongouse diariamente dende o 16 de marzo até o 9 de abril. Poderiamos dicir que cun mesmo motivo ou repetición, que ao tempo modificábase diariamente. Unha cantilena, case un canto ou unha oración. Pois as 55 articulacións, cantos, haikus, oracións ou ritornelos… comezan de xeito similar (ou case): “luns 16/03/2020 corona* e a inxuncións das n articulacións (libres) articulación nº 1 repolo” e así até a última, a 55. A modo de diario. Ou de pequena “novela” por entregas.
Respecto ao proceso de composición do libro, atopámonos por unha banda co blog de notas que no meu caso é o que é Facebook (a estas alturas penso que todas sabemos de que van as redes sociais). E a relación que eu fun tendo co que alí había. E que a posteriori me valeu para estruturar os catro libros que contén corona*. Se a isto lle engadimos primeiro o interese en levar a formato libro por parte de Alfonso e Adriana (Saurobuks) e o magnífico traballo de edición de Adriana, saen as contas. (…)”