Ourense: actividades destacadas do mércores 4 na Feira do Libro

O mércores 4 de xuño continúa a Feira do Libro de Ourense (na Alameda), con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:30 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados para ese día:

19:30 h. Presentación do libro O espido de Gina, de Miguel Anxo Fernández, publicado en Galaxia. Xunto co autor, participan no acto José Manuel Rubín e Víctor Freixanes.
20:30 h. Presentación do libro Peinador, do escritor Rubén Martínez Alonso gañador do XIV Premio Risco de Creación Literaria, publicado pola Editorial Sotelo Branco.

Deserto o XX Premio Manuel Lueiro Rey de Novela Curta

Desde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“Na mañá do sábado 23 de novembro, os membros do xurado do XX Premio Manuel Lueiro Rey de Novela Curta reunímonos na casa consistorial do Ilmo. Concello do Grove para proceder á deliberación que nos levase ata a obra gañadora do certame deste ano. Acompañáronnos en tal empresa a encargada da Casa da Cultura, Marina Aguín, que actuou como secretaria do certame con voz pero sen voto, e mais o concelleiro de NNTT, Documentación e Patrimonio, Alexandre Aguín, que o fixo en representación da institución convocante.
Por espazo de case tres horas, Manuel Quintáns Suárez (en calidade de presidente), Ánxela Gracián, Francisco Martínez Bouzas, Juan Tallón (gañador da anterior convocatoria) e mais eu tentamos atopar un orixinal que reunise os que, ao noso ver, poderían ser méritos suficientes para distinguir tal texto como gañador do certame. A procura —delongada, laboriosa, intensa— resultou finalmente infrutuosa, pois ningunha das dezasete novelas presentadas convenceu o necesario á maioría do xurado para decidírmonos ao seu favor.
Así as cousas, o xurado non tivo máis remedio que actuar en consecuencia e declarar deserto o premio, o que comunicamos á prensa nunha acta da que, a seguir, extracto algúns parágrafos que dan conta do alí sucedido; velaí:
“Tras un longo e profundo debate, os membros do xurado non atoparon os puntos de encontro necesarios que os conducisen á escolla dun orixinal como gañador. Secasí, este xurado quere recoñecer as calidades que puntualmente puido descubrir nalgunhas das obras presentadas a concurso, mais entende que non foron suficientes para xustificar a concesión dun galardón da traxectoria e o renome do Premio de Novela Curta Manuel Lueiro Rey.
Tamén si, este xurado quere congratularse do decidido apoio que as dúas entidades que avalan o premio, o Ilmo. Concello do Grove e mais a Editorial Sotelo Blanco, amosaron sempre e seguen amosando para o bo desenvolvemento do certame, confirmado polo feito de que xa estean preparándose as bases para a vindeira convocatoria no primeiro trimestre do 2014.” (…)”

Coñécense as obras finalistas da X edición do Premio Martín Sarmiento

Desde o blogue do Premio Frei Martín Sarmiento:

“- 1ª categoría: 1º e 2º de Educación Primaria:
Ramón Caride, A pomba dona Paz, Xerais.
Miro Villar e Ana Santiso, Rebelión na charca, Sotelo Blanco.
2ª categoría: 3º e 4º de Educación Primaria:
Agustín Fernández Paz, Malos tempos para os fantasmas, Xerais.
Manuel Uhía, O monstro das profundidades, Everest.
3ª categoría: 5º e 6º de Educación Primaria:
An Alfaya, O recendo das clementinas, Tambre.
María Solar, A verdadeira historia da mosca da tele, Galaxia.
4ª categoría: 1º e 2º de ESO:
Concha Blanco, Misterio resolto, Everest.
Xesús Fraga, O elefante branco, Tambre.
5ª categoría: de 3º e 4º de ESO e Bacharelato:
Fina Casalderrey e Francisco Castro, O neno can, Galaxia.
Ledicia Costas, O corazón de Xúpiter, Xerais.”

Betanzos: presentación de Todos os días, de Alberto Ramos

O venres 30 de agosto, ás 20:00 horas, na Libraría Biblos (Rúa Santiago, 4) de Betanzos, preséntase a novela Todos os días, de Alberto Ramos, publicada en Sotelo Blanco. No acto, xunto ao autor, participan David Lombao e Ánxela Gracián.

Cee: actividades destacadas do martes 13 na Feira do Libro

Dentro dos actos da Feira do Libro de Cee, que se celebra na Praza da Constitución (con horarios de 11:00 a 14:00 e de 18:00 a 22:00 horas), destacamos as seguintes actividades para o martes 13:

19:30 h. Diante do Museo Fernando Blanco, presentación da obra Viaxe ao interior da fenda, de Serxio Iglesias, editado por Sotelo Blanco. O autor estará acompañado por Marcos Giralt Torrente.
20:15 h., no mesmo lugar, presentación da obra Fadita fosca, de Miguel Vázquez Freire editado por Baía Edicións, coa presenza, xunto ao autor, de Xosé Tomás e Belén López Vázquez.
22:30 h. Noite de terraza literaria na rúa da Pena (zona bares Marigel e Recunquiño): recital a cargo de varios poetas e presentación da obra Versos no Olimpo. O monte Pindo na poesía galega, editado por Toxosoutos, coa presenza de Xilberto Caamaño e Miro Villar, coordinador da obra.

A Coruña: actos literarios destacados na Feira do Libro para o xoves 8

O xoves 8 de agosto continúa a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, con horario de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 horas), cos seguintes actos literarios destacados para ese día:

Xoves 8
12:30 h. Espectáculo de títeres da Compañía Babaluva, coa representación da obra Lume!, baseada no libro homónimo de Alberto Varela Ferreiro.
19:00 h. Presentación do libro Todos os días, de Alberto Ramos, publicado por Sotelo Blanco, premio Risco de Creación Literaria 2012.
20:00 h. Jacobo Fernández Serrano asina exemplares das súas obras na caseta da Libraría Nós.
20:00 h. Manuel Rivas asina na caseta da Libraría Couceiro (da Praza do Libro).
21:00 h. Presentación do libro Resina de poliéster, do escritor Xabier Correa Corredoira, publicado por Baía.

Coñécense todas as obras gañadores da IX edición do Premio Martín Sarmiento

Desde o blogue do Premio:
“Na Festa da Lingua celebrada o 17 de abril no Pazo da Cultura de Pontevedra, 8 de maio no colexio La Salle de Santiago, 15 de maio no Palacio da Música da Coruña e o 14 de xuño no colexio N. S. do Carme de Betanzos, fixéronse públicos os/as gañadores/as da IX Edición do Premio Frei Martín Sarmiento, nas seguintes categorías:

1ª categoría: 1º e 2º de Educación Primaria:
María Solar e Xosé Tomás, como ilustrador; Vou ter un irmán!!!; Ed. Galaxia.
2ª categoría: 3º e 4º de Educación Primaria:
Silvestre Gómez Xurxo; Ti non xogas!; Ed. Xerais.
3ª categoría: 5º e 6º de Educación Primaria:
Anxo Fariña; A chave da Atlántida; Ed. Xerais, e Abraham Carreiro; Xoeliki; Ed. Sotelo Blanco.
4ª categoría: 1º e 2º de ESO:
Ledicia Costas e Pere Tobaruela; Mortos de ningures; Ed. Everest.
5ª categoría: de 3º e 4º de ESO e Bacharelato:
Xosé Henrique Rivadulla Corcón; O noso amor será eterno; Ed. Xerais.
6ª categoría: adultos:
Antón Riveiro Coello; Laura no deserto; Ed. Galaxia.”

Convocado o XIV Premio Vicente Risco de Creación Literaria

O Concello de Ourense e a Fundación Vicente Risco en colaboración coa Editorial Sotelo Blanco, convoca un premio anual de CREACIÓN LITERARIA, co fin de abranguer os diferentes campos da obra, non só de quen foi veciño ilustre desta vila, don Vicente Martínez-Risco e Agüero, senón tamén a do seu fillo, don Antón Martínez-Risco Fernández, veciños que foron desta ilustre cidade.
Ao PREMIO RISCO DE CREACIÓN LITERARIA, poderán presentarse novelas, conxuntos de relatos, ensaios, etc. Exclúense, polo tanto, teses académicas ou traballos especificamente científicos, que teñen o seu ámbito propio no Premio Vicente Risco das Ciencias Sociais.
Para este fin, e tendo en conta a colaboración e opinión da Fundación Vicente Risco, redactáronse as seguintes

BASES

Primeira. Poderá concorrer a este premio calquera persoa que presente escritos inéditos da súa autoría redactados en lingua galega, de acordo coa normativa oficial vixente e cunha extensión mínima de 150 folios e máxima de 300.
Segunda. O prazo de entrega remata o martes día 1 de outubro de 2013 e o lugar de presentación será no Rexistro Xeral do Concello de Ourense.
Terceira. Para garantir o anonimato dos autores, os orixinais presentaranse por sextuplicado en soporte de papel en tamaño DIN-A4 mecanografados en letra Times New Roman de corpo 12 por unha soa cara e a dobre espazo.
Cada orixinal irá acompañado dun sobre pechado, que conterá a identidade do autor (nome completo, enderezo e teléfono) e o título definitivo da súa obra, facendo constar no exterior, exclusivamente, o título ou lema da obra.
Cuarta. A obra gañadora será premiada con 6.000 euros e a publicación do libro.
O importe do premio concederase con cargo á aplicación orzamentaria 170 3340 48952 do orzamento do Concello de Ourense prorrogado para o exercicio 2013.
Quinta. O Xurado estará composto por cinco persoas escollidas entre personalidades recoñecidas do mundo da literatura. A presidencia será exercida pola persoa designada polo Concello de Ourense.
Sexta. A composición do xurado darase a coñecer pública e oportunamente pouco antes da data de emisión da súa decisión, o venres 15 de novembro.
Sétima. Se a calidade literaria das obras no fose estimábel, segundo o criterio do Xurado, o premio poderá declararse deserto.
Oitava. O Excmo. Concello de Ourense, resérvase o dereito de publicación, sen limitación de número de exemplares nin de edicións, da obra gañadora, reservándose tamén os dereitos de edición desta en todas as linguas coa posibilidade de ceder tales dereitos a terceiros.
A contía do premio considérase en concepto de adianto polos dereitos de autor. O/A beneficiario/a do premio, que se compromete a renunciar expresamente a calquera pretensión sobre os devanditos dereitos, recibirá gratuitamente 25 exemplares da obra publicada.
Asemade, a persoa gañadora do premio formará parte do xurado na seguinte edición.
Novena. Os orixinais que non resulten premiados seranlles devoltos aos seus autores e autoras se os requirisen por escrito antes de rematar o mes seguinte á decisión do Xurado.
Décima. A participación neste premio leva de seu a aceptación das presentes Bases, así como a decisión do xurado que será inapelable.

Ourense, 30 abril de 2013″