Tabela dos libros. Decembro de 2018

Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Velaquí a última Tabela dos Libros do 2018, que ofrece a lista de títulos que Francisco Martínez Bouzas, Inma Otero Varela, Mario Regueira, Montse Pena Presas e eu estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas. ¡Boas lecturas e felices festas!”

Nota bene: Os máis recomendados obtivéronse a partir da suma dos votos de cada crític@ aplicando o seguinte baremo: 1º posto = 5 puntos, 2º posto = 4 puntos, 3º posto = 3 puntos e así sucesivamente.

Xosé Cid Cabido álzase co XX Premio de Narración Curta Ánxel Fole

Desde o Concello de Lugo:
“(…) O xurado profesional do XX Certame de Narración Curta Ánxel Fole, posto en marcha polo Concello de Lugo, decidiu este venres outorgar o premio a Xosé Cid Cabido, residente en Vigo, pola obra Tres pintores.
Os membros do xurado reuníronse esta tarde no Salón de Comisións baixo a presidencia, con voz e sen voto, da Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre. Estivo composto pola filóloga, escritora e guionista Carmen Conde, o mestre, dramaturgo, poeta, narrador oral e contador de historias Lois Pérez, e o ensaísta, crítico e editor, director de Edicións Xerais de Galicia, Manuel Bragado.
A entidade local convoca cada ano este premio para novelas breves ou libros de relatos, que está dotado cun único premio de 4.000 euros, ademais da publicación da obra premiada a cargo da editorial Edicións Xerais de Galicia.”