Santiago: encontro e coloquio entre Iolanda Zúñiga e Llucía Ramis

O venres 3 de xuño, na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, e no marco dos I Diálogos Literarios do Gaiás, organizados pola Fundación Carlos Casares, terá lugar este encontro e coloquio:
De 11:00 a 12:15 h.: Escribir novela na era da internet, con Iolanda Zúñiga e Llucía Ramis, moderadas por Tucho Calvo. A partir das 12:30 horas, terá lugar o coloquio.

Tucho Calvo: “A discriminación positiva para o idioma galego é imprescindible”

Entrevista a Tucho Calvo en Galicia Hoxe:
“- Galicia Hoxe (GH): A literatura galega acadou un grao de universalidade que antes non tiña?
– Tucho Calvo (TC): Os tempos mudan e a sociedade impón cifras e metas inalcanzables noutros momentos. Pero é certo que podemos sentir fachenda de acadarmos unha cota de participación no pastel que soborda o que lle correspondería a unha sociedade minoritaria como a nosa.
– GH: Como se pode explicar que por unha banda se publique máis, e pola outra se venda, e mesmo se fale menos en galego?
– TC: O máis importante é que temos unha cultura normalizada na que calquera pode atopar en galego o libro que precisa, de calquera xénero que sexa. O sobranceiro é que creadores e investigadores dos máis diversos eidos transmiten os seus coñecentos na nosa lingua e que temos un tecido editorial que o fai posible. Logo está o mercado, no que as cousas evolúen cada vez máis de presa obrigándonos a todos a adaptacións non sempre doadas. Hai que loitar por unha clientela numericamente pequena como o é o universo da nosa poboación, e por forza iso require campañas que capten a súa atención, poñer de moda os nosos contidos e ofrecelos en todos os formatos que poida desexar. (…)
– GH: E novela, que hai desa gran novela que todos agardamos de ti?
– TC: Todos debedes ser ben poucos, ou poida que ao estar a agardar por esa gran novela a decisión sexa non mercar ningunha das anteriores. En todo caso, co relato titulado A gran novela gañei hai moitos anos o Rodríguez Figueiredo do Pedrón de Ouro, así que iso é o que teño adiantado. Pero, máis en serio, direiche que estou a traballar nunha novela que escribín a comezos da década e que mesmo poida que bote man dalgunha parte doutra que fixen dez anos antes. A min divírteme escribir, pero cando remato e vexo con certa distancia o escrito é cando me decato do moito traballo que queda por facer e iso arrepíame. Volver sobre os textos unha e outra vez para tentar unha mínima calidade é tedioso e só produce un chisco de satisfacción se ao remate acadas o desexado.”

A Estrada: presentación de Malas cartas, de Manuel Pereira Valcárcel

O martes 4 de xaneiro, a partir das 20:00 h., na Asociación Cultural A Fervenza de Ouzande, na Estrada, preséntase a segunda novela de Manuel Pereira Valcárcel, Malas cartas, publicada pola editorial Biblos, dentro da súa colección Mandaio. No acto participarán, co autor, o escritor Miguel Lousazo, e o director de Biblos, Tucho Calvo.

A Coruña: presentación do libro A néboa amarela, de Rubén Ruibal

O venres Rubén Ruibal3 de decembro, a partir das 20:00 h., na Asociación Cultural Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 16-18, 1º), da Coruña, Rubén Ruibal presenta o seu libro A néboa amarela, editado por Biblos, coa participación, ademais do propio autor, do editor Tucho Calvo e de César Candelas.

A Coruña: presentación de Onde houbo lume, de Marica Campo

O martes 26 de outubro, a partir das 20:30 h., na Asociación Cultural Alexandre Bóveda (rúa Olmos, 16-18) da Coruña, preséntase Onde houbo lume de Marica Campo, publicado por Biblos. No acto participan, ademais da propia autora, o editor Tucho Calvo e Pilar García Negro.

Vigo: Tucho Calvo xunta os gañadores do Premio Biblos-Pazos de Galicia

A Casa do Libro de Vigo acollerá o 10 de xuño todos os gañadores do Premio Biblos-Pazos de Galicia. No documento adxunto achegamos unha breve información sobre ese acto, que agardamos sexa do voso interese. Na imaxe que ofrecemos aparecen, de esquerda a dereita, Patricia Casas (gañadora da 3ª edición), Alberto Ramos (2ª edición), Tucho Calvo (director literario de Biblos), Iria López Teixeiro (1ª edición) e Pablo García (5ª edición). Falta na fotografía Berta Dávila, gañadora da 4ª edición do Premio Biblos-Pazos de Galicia. (Biblos Clube de Lectores)

O Carballiño: Cesáreo Sánchez presenta O paraíso das sombras

Mañá xoves 11 de marzo, ás 20,15 horas, o poeta Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega, vai presentar na Casa da Cultura de O Carballiño (Praza Lousada Diéguez s/n) o seu último libro O paraíso das sombras. Acompañarán ao autor no acto de presentación o técnico cultural Felipe-Senén López e o editor do libro, Tucho Calvo.