Desde Nós Diario:
“O profesor da UDC, escritor e crítico literario Isaac Lourido Hermida resultou gañador do XXX Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais, que deron a coñecer este sábado os mémbros do xurado, reunidos na Fundación Vicente Risco.
Teresa Devesa Graña, en representación do Concello de Allariz; Antón Palacio Sánchez, da Universidade de Vigo; Felisa Rodríguez Prado, da Universidade de Santiago de Compostela, e Isabel Mociño González, en representación do Padroado da Fundación Vicente Risco, en calidade de secretaria, desculparon a ausencia, por motivos persoais de Joaquim Vázquez Rodríguez, do Concello de Melide; César Fernández Gil, da Deputación de Ourense, e Manoel Carrete Rivera, do Concello de Castro Caldelas, tras considerar as valoracións dos traballos remitidas por todos os membros do xurado.
Nesta edición, destacaron o “alto nivel de calidade” das propostas achegadas, así como o cumprimento dos requisitos exixidos nas bases do premio por parte de todos os traballos. Con todo, o xurado decidiu outorgar por unanimidade XXX Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais ao traballo presentado baixo o lema Sobreviver na palabra escrita. A traxetoria intelectual de José Rubia Barcia que, unha vez aberta a plica, resultou ser da autoría de Isaac Lourido Hermida.
O xurado valora desta obra “a rigorosidade e a profundidade analítica coa que explora o contexto histórico de José Rubia Barcia e a intelectualidade progresista durante a II República e o seu exilio”.
Segundo recolle a acta do premio, a obra asinada por Lourido Hermida “está feita con rigor, ben estruturada e lingüisticamente coidada”. Ademais o xurado valora as achegas documentais que proveñen dunha “pormenorizada pesquisa en fontes pouco accesíbeis e a adecuación formal do texto ás características do ensaio”.
Á vista da calidade e interese doutros traballos presentados a esta edición, o xurado considera facer unha mención especial ao traballo presentado baixo o lema Pasaron polos ollos, pasaron polas mans. O contrabando no Miño, tras considerar “o interese desta obra para a valorización da memoria oral, do patrimonio transfronteirizo e polo traballo de campo”. Aberta a plica a autora deste traballo é Natalia Jorge Pereira, historiadora e investigadora do grupo Histagra da USC.”
Arquivos da etiqueta: UTAD
Bases do XXX Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais
Fallo do XXI Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais
Desde
Urco Editora:
“Reunido o xurado da XXI edición do Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais, composto por: Alberto Baptista e Octávio Sacramento en representación da UTAD-CETRAD, Teresa Devesa en representación do Concello de Allariz, Manoel Carrete en representación do Concello de Castro Caldelas, José María Eguileta e Xosé Manoel Cid en representación da Fundación Vicente Risco, actuando como secretario José María Eguileta con voto de calidade.
Acordou maioritariamente conceder o premio ao traballo Enfermos pobres, médicos tristes que resultou ser autoría de Roberto Fernández Alvarez.
O xurado valorou o tema centrado na figura do médico rural, escasamente abordado na bibliografía antropolóxica e sociolóxica en Galiza, así como o tratamento desta figura, esencial, na sanidade do medio rural, como a personificación da ciencia no mundo das crenzas tradicionais sobre a enfermidade. Tamén a representación da “auctoritas” respectada por ser a figura que personifica a saúde, sen esquecer que ademais aborda un interesante reflexo da sociedade rural e a súa evolución ao longo do século XX, antes da implantación do actual sistema de saúde.
O xurado tamén valorou os traballos Preguntado se El Rey hy avia algun derecto: Luta por excedentes e Estado Feudal em Baião e Penaguião (1248-1279) e Francisco Asorey, escultor galego, recomendando a súa publicación en caso de que acepten os seus autores.
Allariz a 4 de febreiro de 2017″



