Desde Nós Diario:
“O profesor da UDC, escritor e crítico literario Isaac Lourido Hermida resultou gañador do XXX Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais, que deron a coñecer este sábado os mémbros do xurado, reunidos na Fundación Vicente Risco.
Teresa Devesa Graña, en representación do Concello de Allariz; Antón Palacio Sánchez, da Universidade de Vigo; Felisa Rodríguez Prado, da Universidade de Santiago de Compostela, e Isabel Mociño González, en representación do Padroado da Fundación Vicente Risco, en calidade de secretaria, desculparon a ausencia, por motivos persoais de Joaquim Vázquez Rodríguez, do Concello de Melide; César Fernández Gil, da Deputación de Ourense, e Manoel Carrete Rivera, do Concello de Castro Caldelas, tras considerar as valoracións dos traballos remitidas por todos os membros do xurado.
Nesta edición, destacaron o “alto nivel de calidade” das propostas achegadas, así como o cumprimento dos requisitos exixidos nas bases do premio por parte de todos os traballos. Con todo, o xurado decidiu outorgar por unanimidade XXX Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais ao traballo presentado baixo o lema Sobreviver na palabra escrita. A traxetoria intelectual de José Rubia Barcia que, unha vez aberta a plica, resultou ser da autoría de Isaac Lourido Hermida.
O xurado valora desta obra “a rigorosidade e a profundidade analítica coa que explora o contexto histórico de José Rubia Barcia e a intelectualidade progresista durante a II República e o seu exilio”.
Segundo recolle a acta do premio, a obra asinada por Lourido Hermida “está feita con rigor, ben estruturada e lingüisticamente coidada”. Ademais o xurado valora as achegas documentais que proveñen dunha “pormenorizada pesquisa en fontes pouco accesíbeis e a adecuación formal do texto ás características do ensaio”.
Á vista da calidade e interese doutros traballos presentados a esta edición, o xurado considera facer unha mención especial ao traballo presentado baixo o lema Pasaron polos ollos, pasaron polas mans. O contrabando no Miño, tras considerar “o interese desta obra para a valorización da memoria oral, do patrimonio transfronteirizo e polo traballo de campo”. Aberta a plica a autora deste traballo é Natalia Jorge Pereira, historiadora e investigadora do grupo Histagra da USC.”
Arquivos da etiqueta: Antón Palacio Sánchez
Pontevedra: VII Xornada de Onomástica Galega, o 15 de outubro
Cunqueiro XL. Lembranza polo cuadraxésimo cabodano
Nomeamentos na Real Academia Galega
“A
Real Academia Galega prepara un amplo programa de actividades, no que se inclúen publicacións e actos musicais por toda Galicia, para conmemorar os 50 anos da celebración das Letras Galegas, edición na que será homenaxeado Valentín Paz Andrade. Así o explicou, en declaracións a Europa Press, o secretario da RAG, Xosé Luís Axeitos, tras comparecer en rolda de prensa xunto ao presidente da institución, Xosé Luís Méndez Ferrín. Segundo resaltou, a Academia “quere dar a máxima difusión” a un proxecto de actos conmemorativos para celebrar o que “é a maior festa cultural de Europa” se se ten en conta o carácter popular e participativo desta. Axeitos sinalou que a RAG “prepara actos moi importantes”, que xestiona con “empresas privadas” debido ás “dificultades” económicas actuais, polo que aborda o programa con empresas de comunicación, industrias e grandes compañías “para poder presentar actos de música, folletos, libros e concertos por todo o país”. (…)
O primeiro plenario de 2012 da Real Academia Galega serviu, ademais, para nomear a catedrática de lingua e Literatura portuguesa e brasileira do Departamento de literaturas comparadas da Universidade de Roma Tre Giulia Lanciani académica de honra. “É unha eminente investigadora e divulgadora do noso corpus lírico medieval, con edicións e importantes estudios que son referencia obrigada entre os estudosos deste campo”, indica a RAG. Ademais, o plenario acordou nomear académicos a Ana Isabel Boullón Agrelo, Xosé Henrique Costas González, Gonzalo Navaza Blanco e Antón Palacio Sánchez, relacionados coa constitución de diferentes seccións nas que está organizada a Academia e que “están chamadas a desenvolver un importante traballo no ámbito da gramática, lexicografía, onomástica, a literatura e a historia”. Deste modo, estes recén nomeados académicos incorporaranse aos traballos xa programados polas diferentes seccións da Real Academia Galega.”
O historiador Pegerto Saavedra ingresará na Real Academia Galega
“Pegerto Saavedra Fernández
(A Fonsagrada, 1951), catedrático de Historia Moderna da Universidade de Santiago de Compostela, será o novo membro da Real Academia Galega. A entidade tomou esta decisión no plenario desenvolvido o venres 30 de setembro, no que decidiron que sexa este historiador o que ocupe a vacante deixada por Francisco Xavier Río Barja. Nesa mesma xuntanza, o plenario tamén acordou facer oficial as propostas de Giulia Lanciani como Académica de Honra, e de Ana Isabel Boullón Agrelo, Xosé Henrique Costas González, Gonzalo Navaza Blanco e Antón Palacio Sánchez como Académicos Correspondentes.” Vía Cultura Galega.



