Arquivos da etiqueta: Xabier Xil Xardón
Gondomar: espectáculo poético-musical Tristecentos versos
O venres 15 de febreiro, ás 21:00 horas, no Nornas Hostel (Rúa da Igrexa, 15) de Gondomar, Xabier Xil, Elvira Riveiro e Silvia Penas, acompañados pola DJ Carina Posse, ofrecen o espectáculo poético-musical Tristecentos versos. O prezo da entrada é de 2 euros.
Santiago: Homenaxe a Celso Emilio Ferreiro
O mércores 12 de decembro, ás 20:30 horas, no Restaurante Rúa de Santiago de Compostela (Rúa de San Pedro, 24), terá lugar un acto de homenaxe ao poeta Celso Emilio Ferreiro no que se combinará unha mesa redonda sobre o autor cun recital de poesía e actuacións musicais. A homenaxe Lembrando a Celso Emilio Ferreiro comezará coa intervención do crítico Ramón Nicolás e de Aser Álvarez. Acto seguido, a mesa redonda daralle paso ao recital. Xiana Arias, Xabier Xil Xardón e Luz Fandiño, entre outros, recitarán poemas do escritor celanovés nun acto aberto ao público no que cada asistente, se quere, ten a posibilidade de recitar ao seu xeito a Celso Emilio. Finalmente, o tributo rematará coa intervención de O Leo, quen actuará para poñerlle o broche final a este acto.
A Coruña: recital de A hostia en verso: Poetas Carnívoros vs. Poetas Veganos
O martes 4 de decembro, ás 20:30 horas, na Normal (Paseo de Ronda, 47) da Coruña, terá lugar unha nova edición de A hostia en verso, baixo o título Poetas carnívoros vs. poetas veganos. Conducido por Lucía Aldao e María Lado, o recital enfrontará a Ledicia Costas, Daniel Landesa, Nolim González, Xabier Xil Xardón, Estíbaliz Espinosa e Cesáreo Sánchez Iglesias nun duelo sen tregua. O elenco complétase coa música en vivo de Mig Seoane.
Santiago: II Xornadas de Literatura e Ensino, Escribir e ler na escola de hoxe para a cidadanía de mañá, o 9 e 10 de novembro
O venres 9 e sábado 10 de novembro, no Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA), (Rúa San Lázaro, 107) de Santiago de Compostela, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, co patrocinio do Centro Español de Derechos Reprográficos, organiza as II Xornadas de Literatura e Ensino, baixo o lema Escribir e ler na escola de hoxe para a cidadanía de mañá.
O programa, que pode ser descargado aquí, é o seguinte:
Venres, 9 de novembro
– 16:30 h. Conferencia: Literatura digital e ensino criativo: a escrileitura como ferramenta de releitura crítica da tradição, por Rui Torres.
– 17:30 h. Mesa redonda: Eu son do Club de Lectura, e ti?, con Joseph Ghanime Lopes, Concha Costas, Miguel Ríos e María José Díaz Pinheiro.
– 19:00 h. Espectáculo poético: Con dez poemas por barba, con María Lado e Lucía Aldao.
Sábado 10 de novembro
– 10:00 h. Conferencia: Literatura infanto-xuvenil: unha clave literaria con función competencial normalizadora?, por Agustín Fernández Paz.
– 11:00 h. Conferencia: Celso Emilio Ferreiro no seu centenario: voz dun tempo e dunha terra, por Ramón Nicolás.
– 12:15 h. Mesa redonda: Xoga a literatura infanto-xuvenil na 1ª ou na 2ª división?, con Francisco Castro, Fina Casalderrey e María Reimóndez.
– 16:30 h. Mesa redonda: Coloca as túas mans sobre a poesía, con Ledicia Costas, Ángel Núñez Ramos e Dores Tembrás.
– 18:00 h. Espectáculo poético: A hostia en verso, con Lucía Aldao, Daniel Landesa, Lorena Souto, Xabier Xil Xardón, Ledicia Costas e o músico Mig Seoane.
A entrada é de balde.
Santiago: A hostia en verso: Señoras que vs. Señoras que non
Santiago: Olladas sobre o Museo, recital de poesía no Museo do Pobo Galego
O venres 21 de outubro, ás 20:00 horas, no Museo do Pobo Galego (Rúa San Domingos de Bonaval) de Santiago de Compostela, desenvólvese a quinta edición de Olladas sobre o Museo na que se convida a persoas de distintas disciplinas para que compartan a súa visión do Museo co seu público. A poesía vai ser, neste 2011, a forma en que o Museo será ollado e interpretado. Anxo Angueira (na voz do tamén poeta Brais González Pérez), Andrea Nunes Brións (na voz da tamén poeta Alicia Fernández), Silvia Penas, Séchu Sende e Xabier Xil Xardón farán dos contidos do Museo anacos de poesía, através do recitado en diferentes espazos da exposición permanente, de poemas creados para mostrar a súa ollada sobre o Museo. Esta actividade celebra tamén as Xornadas Europeas do Patrimonio, que desde 1991 a cidadanía de 49 países ven comemorando con visitas guiadas, itinerarios, exposicións, concertos e todo tipo de manifestacións culturais que achegan ás persoas ao patrimonio cultural. O espectáculo está patrocinado pola Concellaría de Cultura do Concello de Santiago de Compostela e ten aforo limitado. A entrada será libre ata completar o mesmo.
Vigo: nova edición de A hostia en verso, Neofalantes VS. Paleofalantes
O xoves 29 de setembro, ás 20:00 horas, na A. C. Bou Eva de Vigo (Rúa Terzo de Fóra, 11), terá lugar unha nova edición de A hostia en verso. O día internacional da tradución inspirou esta pelexa, que enfrontará a Neofalantes VS. Paleofalantes. Os poetas-púxiles que participarán nesta intensa velada son: Daniel Landesa, Xabier Xil Xardón, Neves Soutelo, Nolim González, Eduardo Estévez e Ledicia Costas, presentados por María Lado e Lucía Aldao. Todo isto estará amenizado por O Leo i Arremecághona!
Vilariño, Cangas: nova edición de A hostia en verso
O mércores 17 de agosto, ás 22:00 h., dentro do Festival Folk de Vilariño (na praia do mesmo nome en Cangas), terá lugar unha nova edición de A hostia en verso. No acto participan Daniel Landesa, Laura Sáez, Xabier Xil Xardón, Daniel Costas Currás, Nolim González e Ledicia Costas, exercendo como mestras de cerimonias María Lado e Lucía Aldao, tamén coñecidas como “as desolemnizadoras da poesía”. A música correrá a cargo de Mig Seoane. O enfrontamento será entre Protóns e Neutróns.
Vigo: VI edición de A hostia en verso
O venres 15 de xullo, ás 22:00 h., no Pub Alma (Rúa Pobladores, 9) de Vigo, terá lugar a VI edición da velada lírica bautizada co lema de A hostia en verso. Desta volta, baixo o título de Capuletos vs. Montescos, revivirán a paixón e a fatalidade shakesperianas Ledicia Costas, Daniel Landesa, Xabier Xil Xardón, Elvira Riveiro, Isaac Xubín e Daniel Costas Currás. O acto é unha divertida velada na que ambos equipos se enfrontarán para gañar o favor do público e estará presentado polas poetas Lucía Aldao e María Lado, e contará tamén coa intervención musical de Mig Seoane. Esta sesión enmárcase dentro do V Curso de verán de Lingua e Cultura galega para estranxeiros da Universidade de Vigo.