O mércores 29 de xuño, ás 20:00 horas, no Centro Social Novacaixagalicia (Avenida da Mariña, s/n.) da Coruña, terá lugar o acto de entrega do IX Premio de Poesía Novacaixagalicia a Emma Pedreira, tras o que a autora recitará poemas do libro premiado Antítese da ruína.
Arquivos da etiqueta: Xavier Rodríguez Baixeras
Xavier Rodríguez Baixeras: “A poesía non mudou moito cos anos porque é pura, sen artificios e sen un propósito lucrativo”
Entrevista
a Xavier Rodríguez Baixeras en El Progreso:
“- El Progreso (EP): Como ve vostede a situación da poesía en xeral e da poesía galega en particular?
– Xavier Rodríguez Baixeras (XRB): Respecto á situación da poesía eu penso que non hai moita mudanza. A poesía sempre foi algo íntimo e desinteresado e, polo tanto, iso convírtese en algo puro e sen artificios. Os poetas non escriben cun propósito lucrativo, nin o fan pola fama. É curioso porque trátase dun fenómeno que se da en todo o mundo, non só en Galicia ou en España. Eu estiven vivindo en Brasil e o certo é que a situación foi exactamente a mesma ca que estou a contar. A poesía sempre foi, en parte, unha actividade oculta, que é como realmente funciona. Se fose doutro xeito deixaría de ter esa esencia. Respecto á poesía galega hai que dicir que vive momentos moi felices. Dende a época do Rexurdimento está a vivir unha etapa moi boa e está a ser moi importante. (…)
– EP: Ultimamente está a recibir moitos premios. Como leva tanto recoñecemento xunto?
– XRB: Pois con tranquilidade. Eu xa estou nunha época na que un recibe as noticias con tranquilidade, pero iso non significa que non estea moi contento e satisfeito.
– EP: Cal é a función da poesía na actualidade?
– XRB: A poesía ten un labor moi importante, aínda que realmente a tivo sempre. Na actualidade penso que é un xeito de coñecer o pasado. Fai que poidamos comprender mellor a realidade actual porque entendemos o que vai detrás.”
Foz: homenaxe literario-musical a Xavier Rodríguez Baixeras
O
venres 4 de febreiro, a partir das 20:30 h., na Casa da Cultura Poeta Manuel María de Foz, a Asociación Cultural A Pomba do Arco organiza unha homenaxe literario-musical ao escritor mariñao Xavier Rodríguez Baixeras no que participarán, a máis da Banda Municipal de Foz, Juan Soto, xornalista e Cronista Oficial da Provincia, Suso Fernández, Cronista Oficial de Foz, Xosé María Alvárez Caccamo, escritor, e o propio homenaxeado, Xavier Rodríguez Baixeras. O acto será introducido polo presidente da entidade organizadora, o historiador Xoán Ramón Fernández Pacios.
Xavier Rodríguez Baixeras: “Concordo con Valente, a poesía é unha sondaxe na escuridade”
Entrevista
a Xavier Rodríguez Baixeras en El País:
“- El País (EP): No prefacio do libro Deserto Diamantino alude ao “viaxeiro-poeta que, mais unha vez, se adentra no descoñecido”. Percibe a poesía como unha función vital?
– Xavier Rodríguez Baixeras (XRB): Cando non a teño, necesítoa. Non é doado atopar o momento para recollela, porque non valen todos e ela non sempre se deixa. Tamén son consciente de que a poesía é un acto de abandono… cousa que depende dos poetas. Dada a natureza da linguaxe, a poesía é algo insondábel, polo que para poder escribir preciso abandonarme, cómpre estar predisposto para a chegada da voz, do contrario sería falso. A autenticidade é fundamental, senón nótase. Concordo con Valente, que dicía que a poesía é unha sondaxe na escuridade. (…)
– EP: Que lle interesa do panorama actual das letras?
– XRB: A poesía galega é a expresión da orixe, o que me parece moi bonito, sobre todo nas poetas mulleres, claro que a estética é diferente. Interésame, sobre todo, a cuestión das orixes, de como o aborda unha rapaza que vén do rural, e non a orixe literaria ou libresca. É algo que ten que ver coa voz primixenia. O poeta ten que saber escoitarse, eliminar o que distorsiona a súa voz, como a ideoloxía. Dito así parece algo reaccionario, pero non o digo desde o punto de vista político, senón poético. O poema ten que ser espontáneo, cómpre procurar que non haxa interferencias e despois saber comunicar. (…)
– EP: Ser galego tende pontes no Brasil?
– XRB: Galicia está moi presente na realidade bahiana, o país ten aló fillos que xa son brasileiros e por calquera razón aparece a pegada. Mais non existe a relación literaria que debía haber, nin moito menos, e hai unha grande ignorancia por ambas partes. Con todo, un poeta brasileiro amigo meu sempre relata a inmensa emoción que sentiu cando visitou o leito de morte de Rosalía, na Casa da Matanza.”
Emma Pedreira gaña o Premio Novacaixagalicia, con Antítese da ruína
Emma
Pedreira (A Coruña, 1978) gañou o Premio Novacaixagalicia coa súa obra Antítese da ruína, convocado por esta entidade e o Pen Clube, e dotado con 12000 euros. A súa obra foi escollida entre os 49 orixinais presentados polo xurado, que estivo presidido por Luís González Tosar, e integrado por Jonathan Dunne, tradutor e editor; Modesto Hermida, poeta, crítico literario e profesor de Lingua e Literatura; Xavier Rodríguez Baixeras, poeta e tradutor (gañador da edición anterior); Rexina Vega, escritora e profesora da Universidade de Vigo, e Xabier Castro Martínez, que actuou como secretario con voz e sen voto. O xurado, que elixiu o poemario de Emma Pedreira por unanimidade, quixo destacar o valor poético da obra, así como as sorprendentes imaxes e o espazo vital que presenta. Segundo indicou González Tosar, “é un poemario singular que pertence a unha poetisa cunha traxectoria notable que consolida con este premio a intensidade da súa voz”. Nova recollida tamén en Galicia Hoxe, A Nosa Terra, La Voz de Galicia, Faro de Vigo, La Opinión, Cultura Galega e Fervenzas Literarias.
Riotorto: recital de poetas da xeración dos 80 na Festa da Cultura
Este
sábado 25 de setembro, a partir das 22:00 h., dentro da Festa da Cultura que se celebra en Riotorto, desenvolverase un recital poético de autores da chamada Xeración dos 80, no que intervirán Xavier Rodríguez Baixeras, Xosé María Álvarez Cáccamo, Manuel Forcadela, Xulio Varcárcel, Xavier Seoane, Luísa Castro e Cesáreo Sánchez.
Ese mesmo día celebrarase a Feira do libro e do disco galego, no marco da cal se realizarán as seguintes presentacións:
17:00 h. Xosé Chao Rego, por Bernardo García Cendán e Marcos Maceira.
18:00 h. Rosalía, o clamor da rebeldía, por Pilar García Negro.
19:00 h. Noente paradise, con Ugia Pedreira e Raquel Miragaia.
O programa completo da Festa da Cultura, desde o venres 24 até o domingo 26, pódese consultar aquí.
Xavier Rodríguez Baixeras recibe o Premio de poesía Caixanova
O
xoves 9 de setembro ás 20:00 h., no Pazo de San Roque de Vigo, Xavier Rodríguez Baixeras recibe o VIII Premio de Poesía Caixanova pola súa obra Deserto diamantino, concedido polo PEN-Clube de Galicia.
Xavier Rodríguez Baixeras: “A vida consiste nunha desertización de riquezas”
Entrevista
a Xavier Rodríguez Baixeras en La Voz de Galicia:
“La Voz de Galicia: Deserto diamantino fai referencia a algún lugar xeográfico ou é un espazo mental?
Xavier Rodríguez Baixeras: No estado de Bahía hai unha zona moi interesante que se chama Chapada Diamantina, que é unha chaira na que se extraían diamantes. Máis ao norte hai unha zona completamente diferente, o Sertão, despoboada, moi seca. Eu comparei ambas rexións e estas cousas teñen unha dimensión simbólica. A vida consiste nunha desertización de riquezas que se perden co tempo, se gastan. Maniféstanse na creación, xa que o poeta vai perdendo a voz orixinal; no amor que se vai desgastando e secando; na idade… en fin, todo este mundo que un poboa ao longo da vida vaise perdendo. Por iso a primeira parte chameina regalía, o principio.”
Xavier Rodríguez Baixeras: “O futuro incerto”
Entrevista
a Xavier Rodríguez Baixeras en Galicia Hoxe:
“Este xoves presenta en Vigo o seu poemario Deserto diamantino -que lle valeu o Premio de poesía Caixanova-PEN do 2009- pero faltan só dous días e aínda non viu o libro fisicamente. (…) O de ver fisicamente o libro é unha emoción en certo modo necesaria, porque “cómpre velo para distanciarme del. Se non o ves non podes distanciarte suficientemente”. Na súa memoria, porén, Deserto diamantino permanece igual, talvez porque “a temática do libro é universal: non muda”. Trátase, engade, dun poemario que parte “da posesión dunha propiedade, de algo, que pode ser o poboamento dunha terra, incluso o poboamento dun poema. Cando botamos a vista atrás, decatámonos de que xa non existen moitas cousas que antes había” e, daquela, aparece a perda. A xuízo de Baixeras, danse tres clases fundamentais de perda: a perda da inocencia poética, o que el denomina “a voz perdida”; o concepto do amor, “que tampouco se dá dunha maneira plena coma antes”, e a presenza da morte “como unha ameaza”. Esas son, dalgunha maneira, “o poboamento da experiencia e os temas do libro””.
Xavier Rodríguez Baixeras gaña o VIII Premio Caixanova de Poesía
O escritor Xavier Rodríguez Baixeras gañou onte a oitava edición do Premio de Poesía Caixanova, dotado con 12.000 euros, pola súa obra Deserto diamantino, que foi presentada ao certame baixo o lema Areoura. O director da Obra Social de Caixanova, Guillermo Brea, e o presidente do PEN Clube de Galicia, Luís González Tosar, deron a coñecer o fallo da convocatoria, que se produciu tras unhas dúas horas de deliberacións. O tribunal escolleu o poemario de Baixeras entre un total de 55 propostas, ao xulgar que esta obra retoma aspectos do mundo poético clásico “maxistralmente engarzados coa herdanza da linguaxe patrimonial”. Segundo o órgano encargado da selección, o texto fai unha “fonda reflexión dende a experiencia da madureza vital e literaria, apostando por unha revitalización da poesía estrófica e rimada” ao servizo dunha visión actual do mundo.
Noticia recollida do Xornal de Galicia.
