José G. Barral Sánchez gaña a II edición do premio de novela Camiño de Santiago

Desde Galaxia:
“A segunda edición do premio de novela Camiño de Santiago, convocado pola Academia Xacobea coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Editorial Galaxia, e o patrocinio de Aluminios Cortizo, xa ten gañador.
Despois de analizar a decena de obras presentadas, o xurado decidiu conceder o galardón a Cruzados polo Camiño. Conxecturas compostelás sobre un Papa ilustrado, un orixinal presentado por José G. Barral Sánchez.
“O autor narra con solvencia narrativa e un sutil humor que sobrevoa cada páxina as aventuras dun sacerdote algo ‘sui géneris’ que investiga estraños atentados contra o patrimonio de importantes igrexas vinculadas á peregrinaxe a Compostela, ao mesmo tempo que as autoridades se preparan para recibir coa seguridade necesaria unha visita do Papa a Compostela. O autor é capaz de construír unha historia que mestura o xogo de investigación coa reflexión sobre os retos da relixiosidade en épocas de tendencia secular, mantendo o auxe e levándonos polos escenarios simbólicos, emocionais e reais do Camiño”, explican os integrantes do xurado na acta que recolle a concesión do premio.
O autor galardoado, José G. Barral Sánchez, profesor xubilado nacido en Vigo en 1959 e residente en Baiona, xa publicou dúas obras con anterioridade: Por catro perras. Guía de tascas e tabernas de Vigo e a novela Último peaje. Agora, ademais de recibir os 3.000 euros cos que está dotado este segundo Premio de Novela Camiño de Santiago, a súa obra será editada tanto en galego como en castelán pola Editorial Galaxia a través da súa colección literaria e do seu selo Mar Maior, respectivamente. (…)
O xurado deste certame estivo integrado polo presidente da Academia Xacobea, Xesús Palmou; Francisco Castro, director da Editorial Galaxia; Mercedes Corbillón, propietaria da librería Cronopios; Armando Requeixo, profesor e crítico literario; Pilar Falcón, xornalista e escritora, e o académico Ulises Bértolo, como secretario. Ademais de decidir a obra gañadora, os membros do xurado acordaron outorgar un accésit, sen dotación económica, pero con diploma acreditativo, a Óscar Vázquez Lima e María Teresa Chamorro Álvarez por A túa pegada no meu Camiño.”

Domingo Tabuyo recibe o I Premio de Poesía Camiño de Santiago por As viaxes maiúsculas

Desde a Xunta de Galicia:
“O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, presidiu no salón de actos de El Corte Inglés a entrega do I Premio de Poesía Camiño de Santiago a Domingo Tabuyo pola súa obra As viaxes maiúsculas. Trátase dun certame convocado pola Academia Xacobea coa colaboración da Xunta de Galicia e o patrocinio de Ediciones Carena para promover e divulgar desde o eido literario o Camiño de Santiago e o fenómeno xacobeo.
O titular de Cultura fixo fincapé na relevancia da literatura “para afondar no relato de conxunto construído arredor do Camiño de Santiago”, e explicou que as rutas que conducen a Compostela son “unha viaxe maiúscula” para todo aquel que decide emprendelas.
Román Rodríguez concluíu a súa intervención agradecendo o traballo da Academia Xacobea “polo gran papel en prol da difusión do Camiño de Santiago e a cultura xacobea” e transmitíndolle os seus parabéns ao galardoado nesta primeira edición, quen recibiu un premio de 1.500 euros e un diploma acreditativo, ademais de ver a súa obra publicada en versión bilingüe galego-castelán na Editorial Carena.
No acto tomaron parte, a canda o conselleiro, o presidente e o secretario xeral da Academia Xacobea, Xesús Palmou e Ulises Bértolo; o responsable de Ediciones Carena, José Membrive, e o galardoado.”

Carlos Meixide gaña o premio Camiño de Santiago coa novela Camiño de paixón

Desde Sermos Galiza (foto da Editorial Galaxia):
“A primeira edición do Premio de Novela Camiño de Santiago ten gañador: Carlos Meixide (Vilagarcía de Arousa, 1977). A súa obra Camiño de paixón foi a vencedora dun certame que busca “impulsar desde a creación literaria a vertente física, histórica, cultural, social ou mesmo imaxinaria da Ruta Xacobea”.
A de Meixide foi a proposta gañadora de entre 16 nun premio que admite orixinais en galego e en castelán. A súa dotación económica é de 6.000 euros e está organizado pola Academia Xacobea, Naturgy e a Editorial Galaxia, que publicará a obra gañadora.
O xurado formárono o presidente da Academia Xacobea Xesús Palmou; o escritor Ulises Bértolo: a responsable de relacións institucionais de Naturgy en Galiza, Amalia Baltar; o catedrático de Historia da Universidade de Santiago de Compostela Pegerto Saavedra; a escritora Rosalía Morlán; e o director xeral da Editorial Galaxia, Francisco Castro.”

O Consello da Cultura destaca a relevancia do Sempre en Galiza no 70 aniversario da súa edición

Desde Cultura Galega:
““Hoxe recordamos un libro que marcou o pensamento de sucesivas xeracións galegas e un autor que foi un símbolo para os seus coetáneos e para a posteridade”. Deste xeito, Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega (CCG), destacou a orixe das diferentes actividades preparadas para conmemorar os setenta anos da publicación de Sempre en Galiza de Alfonso R. Castelao. O Consello da Cultura Galega, en colaboración coa Fundación Castelao, celebrou no Parlamento un acto institucional presidido por Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia, Pilar Rojo, presidenta do Parlamento de Galicia, Ramón Villares, presidente do CCG, e Carlos Mella, presidente da Fundación Castelao. Alén do acto institucional, xa está dispoñible na rede a aplicación para dispositivos móbiles elaborada polo CCG e a Editorial Galaxia que contén o texto completo enriquecido con contidos adicionais.
A dimensión cultural e política tanto de Sempre en Galiza como do seu autor, Alfonso R. Castelao, destacouse nun acto de gran valor simbólico que tivo lugar na Salón dos Reis do Parlamento de Galicia. Alí procedeuse á lectura de fragmentos da obra, así como da súa explicación. Ramón Máiz, Justo Beramendi e Henrique Monteagudo, responsables da edición crítica do texto que editou o Parlamento en 1992, interviñeron para darlle unha visión actual do significado da obra de Castelao. Canda eles, diferentes personalidades como Víctor Freixanes, Inma López Silva, Marcial Gondar, Siro López, Xesús Palmou ou Margarita Ledo, entre outros, leron diferentes fragmentos breves da obra de Castelao. Ademais, exhibiuse unha mostra de varias lecturas realizadas por persoeiros que viven fóra de Galicia e que quixeron contribuír coas súas gravacións á difusión da obra. O acto foi presentado pola xornalista María Solar, mentres que a actuación musical correu a cargo do trío InVento. (…)”