Continúa a Feira do Libro de Santiago (no Paseo Central da Alameda) até o vindeiro domingo 8 de maio, con horarios de 11:30 a 14:00 h. e de 17:30 a 21:30 h., salvo no fin de semana, en que estará aberta de 11:30 a 14:30 h. e de 17:30 a 21:30 h.
As actividades deste luns 2 son as seguintes:
– 18:00 h. Actividades para nenos. Contacontos a cargo de Brétema Animación.
– 19:00 h. Baía Edicións, presenta as obras gañadoras do Premio Barriga Verde 2010, nas modalidades infantil e adulto: Fábula galénica, de Inacio Vilariño e Pedra sobre pedra, de Xosé A. Neira Cruz. Xunto cos autores, intervirán Jorge Rei, da Asociación Barriga Verde e Belén López Vázquez, directora de Baía Edicións.
– 19:30 h. A poeta Eva Veiga asinará exemplares do libro A frecha azul do teixo, publicado por Edicións Espiral Maior.
– 20:00 h. O escritor Estevo Creus fará a presentación do seu libro de poemas visuais O libro dos cans, publicado por Franouren Edicións. Xunto co autor, participará no acto Manuel Ángel García, director da editorial.
– 21:15 h. Sorteo dun lote de libros.
Arquivos da etiqueta: Xosé A. Neira Cruz
Jan estivo alí, de Xosé Antón Neira Cruz, sae en coreano
Concesión dos premios Álvaro Cunqueiro, Manuel María e Barriga Verde
A Feira Galega das Artes Escénicas botou a andar en Santiago coa concesión dos premios de escrita dramática: o Álvaro Cunqueiro, o Barriga Verde (nas dúas modalidades) e o Manuel María, todos eles dotados con 6.000 euros e a posibilidade da súa publicación. Dolores Vilavedra, presidenta do xurado desta edición, fíxolles un chamamento ás editoriais para que continúen colaborando coa Agadic na edición destes textos que permitan “crear un corpus de literatura dramática”. Despois, pasou a ler o fallo do xurado que lle concedeu, por maioría, o premio Álvaro Cunqueiro a Raúl Dans pola súa obra Chegamos despois a unha terra gris. Canda el Xavier Lama gañou o Manuel María por Os reloxos preguiceiros de Néboa, mentres que Xose Antón Neira Cruz e Inacio Vilariño fixéronse cos premios Barriga Verde para adultos e infantil, respectivamente.
Raúl Dans agradeceu o seu premio Álvaro Cunqueiro, recoñecendo que a súa obra fala dos medos e das frustacións. “O meu teatro peneira das zonas escuras do ser humano” apuntou ao tempo que denunciou que “un premio é a única forma de publicar e de chegar aos escenarios”. O xurado recoñeceu da súa obra a súa “singular xenealoxía das mulleres”, a sobriedade do seu texto e o tratamento non oportunista dun tema de actualidade. Xavier Lama, gañador do premio Manuel María apuntou que a súa obra, pensada para público infantil, fala “do concepto do tempo, dunha autoestrada infinita cada o nunca máis”. O xurado recoñeceu a “orixinalidade do tema, a fantasía na concepción dos personaxes e a singularidade ontolóxica do mundo creado”. A modalidade de adultos do Barriga Verde (teatro para monicreques) foi para Xosé Antón Neira Cruz (un autor que xa resultou premiado en numerosas ocasións nos certames convocados por Agadic) quen fixo un alegato do Mestre Mateo e que lle dedicou o galardón ao seu pai, finado recentemente. O xurado recoñeceu “a capacidade para demostrar que un motivo artístico tradicional, como é o Pórtico da Gloria, pode ser susceptible de tratamentos novidosos”. Non estaba para recoller o seu premio Inacio Vilariño, de cuxa obra o xurado destacou “a frescura e a axilidade dos diálogos”. A entrega dos galardóns rematou coa intervención de Juan Carlos Fasero, director de Agadic, desexando que os textos “cheguen pronto aos escenarios”. Recollido tamén en Xornal, La Voz de Galicia e Galicia Hoxe.
Xosé Antón Neira Cruz: “Un verán renacentista”
Entrevista a Xosé Antón Neira Cruz en Galicia Hoxe.
Xosé Antón Neira Cruz, premio ao mellor libro xuvenil traducido no Brasil en 2009
Sarria: Francisco X. Fernández Naval recollerá o X Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño
«Este sábado 22 de maio ás 19:30 horas no hotel NH Alfonso IX de Sárria. Participarán os gañadores das 10 edicións do premio: Marica Campo, Xesús Pereiras, Estevo Creus, Martín Veiga, Miguel Mato, Emma Pedreira, Neira Cruz, Olalla Cociña, Baldo Ramos e Francisco X. Fernández Naval.
Acompañados polo dúo de violonchelo e violín formado por Rosalía Vázquez e Iván Novo.
Intervirán na entrega do premio:
-Os membros do xurado Olalla Cociña e Cesáreo Sánchez Iglesias (Presidente da AELG)
-O artista plástico Jorge Varela
-O concelleiro de cultura de Sárria, Xermán Arias, o vicepresidente da Deputación Provincial de Lugo, Antón Bao e a presidenta de Ergueitos, María Casar.
Pecharemos o acto co espectáculo de María Lado e Lucía Aldao “moita poesía, pouca diversión”»
Ferrol: presentación dun libro de Neira Cruz
Mañá mércores 24 ás 20.00 horas na Galería Sargadelos de Ferrol preséntase o libro Jan estivo alí de Xosé A. Neira Cruz. O acto contará coa participación do autor acompañado por Víctor F. Freixanes, director xeral de Galaxia e membro da Real Academia Galega, e David Soler, ilustrador.
Santiago: mesa redonda sobre novela histórica xuvenil
O club de lectura Gálix Tendendo Redes organiza mañá xoves día 4 de xuño de 17 a 19 horas no Consello da Cultura Galega unha mesa redonda que leva por título Narrar a historia, sobre as claves da novela histórica xuvenil e o seu tratamento na literatura para adultos. Participarán Marilar Aleixandre, Xosé A. Neira Cruz e Marcos S. Calveiro, todos eles autores de obras seleccionadas para a súa lectura polo club, así como a crítica literaria e doutora da Universidade de Santiago de Compostela Dolores Vilavedra. A entrada é libre.
Tres libros galegos na prestixiosa lista dos White Ravens 2009
A Internationale Jugendbibliothek München, unha das institucións de referencia no que atinxe ao libro infantil e xuvenil, comunicou a relación de títulos que forman este ano a lista dos White Ravens, que se presentará na vindeira Feira do Libro Infantil de Bologna. Tres obras galegas foron elixidas pola Biblioteca de Munich: A cabeza de Medusa de Marilar Aleixandre (Xerais), Fume de Antón Fortes, ilustrado por Joanna Concejo (OQO) e O prodixio dos zapatos de cristal de Xosé A. Neira Cruz, ilustrado por Rodrigo Chao (Galaxia).
Baldo Ramos gaña o IX Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño
Sarria, 14 de marzo de 2009
Reunidos na casa do Concello de Sarria os membros do xurado do IX Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño acordamos conceder o premio ao libro presentado baixo o lema: *Palabras para un baleiro*.
Neste libro atopamos unha reflexión profunda sobre o sentido da poesía como canle para entender a vida, para interpretar vivencias inefables. Un achegamento existencialista, case filosófico, na procura dunha expresión alén da propia poesía. Unha poesía esencializada con moito sentido do ritmo.
Aberta a plica da obra seleccionada, en acto público celebrado ás 13:30 horas, resultou ser o seu autor Baldo Ramos.
Xosé Antón Neira Cruz, Lucía Aldao, Pilar Pallarés, Xermán Arias (Presidente), María Casar (secretaria).