Roteiro Castelao na Coruña

PERCORRIDO

  1. Estatua  de Castelao nos Xardíns de Méndez Núñez: Castelao, símbolo de Galiza.
    Con Xosé Luís Axeitos, investigador e escritor.
  2. Cine Avenida: Castelao, a Galiza organizada.
    Con André Laxe, Federación Galiza Cultura
  3. Circo de Artesáns: O Álbum Nós.
    Con Elvira Roiz, profesora de Lingua e Literatura Galega
  4. Editorial Nós, rúa Real 36, Literatura e identidade.
    Con Carme Fernández Pérez-San Xulián, profesora de  Filoloxía Galega e Portuguesa na UDC
  5. Rúa Real nº 26: Castelao e o deseño para a prensa
    Con Pepe Barro, deseñador
  6. Praza dos Ovos/Praza do Humor: Castelao humorista.
    Con Siro López, caricaturista
  7. Teatro Rosalía de Castro: Castelao, político.
    Con Pilar García Negro, profesora da UDC e escritora

Pasarrúas con Xosé Manuel Sánchez Rei.

E a voz de Mónica Pérez López acompañada do piano de Pablo Méndez Carreira.

“A poesía ten que confrontar co abuso de poder”: Poetas e artistas entregan as sinaturas de apoio ao manifesto contra o xenocidio en Palestina


Desde Nós Diario (foto do mesmo medio):
“O noso labor como poetas non pode quedar alleo á ética do tempo: a poesía tamén ten unha dimensión cívica, ten que estar cos que sofren e confrontar o abuso do poder”, explica a poeta Eva Veiga en declaracións a Nós Diario en referencia ao xenocidio que Israel está a cometer sobre o pobo palestino.
Así é que un grupo de poetas, integrado pola propia Eva Veiga, Pilar Pallarés, Francisco Xosé Fernández Naval e Ignacio Val decidiron dar un paso adiante para expresar a condena das galegas e dos galegos ante o “crime contra a humanidade” que se está a cometer en Palestina. Esta sexta feira, a Subdelegación do Goberno español na Coruña acolleu a entrega do manifesto e das sinaturas recollidas desde o mes de agosto por iniciativa destes poetas, que entenden que “a poesía ten unha dimensión cívica fundamental”. “A poesía ten que corresponder á ética do tempo; ten que estar cos que sofren e ten que confrontar o uso da forza e o abuso do poder”, engade Veiga.
“Queríamos facer algo. Non só laiarnos do que estaba a pasar, senón actuar, porque sabemos que calquera acto por pequeno que sexa é importante”, valora a poeta. Tal é que, por exemplo, as diferentes protestas desenvolvidas ao longo do percorrido da Volta ciclista, contra o xenocidio e a participación do equipo Israel-Premier Tech na proba, desataron un intenso debate no seo do deporte, coa UEFA debatendo se expulsar os equipos israelís de todas as súas competicións.
Estes poetas tamén saíron á rúa “fronte á indiferenza”. “Saír á rúa e pedir sinaturas de maneira presencial, non online ou virtualmente, significa pedir un acto de responsabilidade. Porque no momento en que a xente deixa os seus datos nun papel, é un acto de responsabilidade”, explica Eva Veiga.
E máis alá de ser un acto cívico, foi un acto “na colectividade, na comunidade”. Como símbolo desta colectividade, Veiga, Pallarés, Fernández Naval e Val estiveron acompañados esta sexta feira de nomes recoñecidos de diferentes sectores da sociedade galega, como o adestrador Fernando Vázquez, a cantautora Sés, ‘o cura de Xestoso’, Luís Ángel Rodríguez Patiño, a actriz Isabel Risco, o ex reitor da UDC Xosé Luís Armesto, o investigador e integrante da RAG Xosé Luís Axeitos ou o presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, Cesáreo Sánchez Iglesias.”
O manifesto entregado esta sexta feira na Subdelegación do Goberno español na Coruña denuncia que a situación en Gaza non é unha guerra nin unha catástrofe natural, senón “un xenocidio planificado” que procura a anexión total do territorio palestino. Asegura que Israel emprega a fame como arma de exterminio e lembra que, segundo a Unrwa, o 78% da poboación está no límite da fame, mentres que o 22% restante xa a sofre.
As persoas asinantes exixen ao Goberno español e á Unión Europea a imposición de sancións, a ruptura das relacións diplomáticas e comerciais con Israel e a cancelación do acordo de asociación UE-Israel, así como o procesamento de responsables políticos e militares israelís perante o Tribunal Penal Internacional.”

A Coruña: presentación da Poesía reunida de Xosé Luís Méndez Ferrín

O 9 de abril, ás 19:30 horas, na A. C. Alexandre Bóveda (Rúa Santo André, 36, 1º), na Coruña, preséntase a Poesía reunida de Xosé Luís Méndez Ferrín, publicada por Xerais, coa presenza do autor desta edición, Anxo Angueira, acompañado por Xosé Luís Axeitos. As persoas interesadas poden inscribirse aquí.