Marín: presentación de Columnas de papel, de Xosé Vázquez Pintor

O venres 15 de marzo, ás 20:00 horas, na Biblioteca Museo Manuel Torres de Marín, preséntase o libro Columnas de papel, de Xosé Vázquez Pintor, publicado por Edicións Morgante. No acto, promovido por Queremos Galego, participan, xunto ao autor, Anxa Correa.

Parlamento das letras: Xosé Vázquez Pintor

Entrevista de Armando Requeixo a Xosé Vázquez Pintor no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Xosé Vázquez Pintor (XVP): Fáltalle aínda un censo grande e ceibe: lectoras e lectores, esa marabilla de respecto e de agarimo. Sóbralle a indiferenza dun poboado na nugalla, que sempre se marxina e encubila: “eu non entendo, non sei ler nin quero; amais non teño tempo…”. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– XVP: En grande parte xa fica dito. Engadir de urxencia a nosa preocupación comunitaria, case heroica, pola Lingua: a mellor ferramenta patrimonial; a marabilla. (…)”.

Cangas: presentación de Seara. Obra poética (1971-2011), de Xosé Vázquez Pintor

O venres 1 de xuño, ás 20:30 horas, na Librería Maraxe (Avenida de Marín, 9) de Cangas, preséntase o libro Seara. Obra poética (1971-2011), de Xosé Vázquez Pintor, publicado en Espiral Maior, coa participación de Xoán C. Chillón e Camilo Camaño Xestido, e a música en directo de Xico de Carinho.

Xosé Vázquez Pintor: “Tratáronnos como a malditos que non sabiamos escribir”

Entrevista a Xosé Vázquez Pintor en Praza:
“(…) – Praza (P): Seara reúne 40 anos de poesía. Nótase ben como foron evolucionando os seus versos. Os primeiros riman…
– Xosé Vázquez Pintor (XVP): Os do principio son, si, os da frescura. Xa digo no limiar que daquela eu era analfabeto en metáforas. Despois fun aprendendo e perdendo medos. Escribiamos o mellor que sabiamos. María Victoria Moreno reuniu nun libro a dez poetas daquel tempo, e chamounos os Novísimos. Pero xurdiron críticas, comezouse a dicir que o noso traballo tiña eivas… Tratáronnos coma a uns malditos que non sabiamos escribir. Pero fomos quen de seguir, en territorio hostil. Isto foi nos 70. Despois viñeron os 80, nos que os da poesía social xa chegabamos tarde, xa a moda era outra. Pero seguimos, cada un polo seu lado. (…)
– P: Os dous últimos libros de Seara eran ata agora inéditos. O primeiro, Anuncian aves, reflicte as súas sensacións ante obras de arte de pintores e escultores. O segundo, Os versos do zapateiro, son eses poemas encargados. Pero volve falar de deserción da nosa identidade, da nosa historia… e do “desgoberno” que esmaga a lingua, a cultura, a paisaxe…
– XVP: O primeiro é resultado de interpretar o mundo dos nosos pintores e escultores. A algúns coñecinos, como a Díaz Pardo, e a outros non. O libro é como unha crónica do que me transmitiron. Por sorte din con Espiral Maior, que edita os meus poemarios desde Rotación violeta. En Os versos do zapateiro está por exemplo o poema a Balbino. Un día chamoume Neira Vilas e pediumo. Ten que ver co risco de perder a lingua… O de zapateiro é ademais un oficio que sobrevive grazas aos encargos. Falo de desgoberno, si, porque só hai que ollar a actualidade. Teño un poema dedicado a Man de Camelle, polo do Prestige, e aí está a destrución do medio. Do mesmo xeito que no de Balbino está a perda da lingua, da cultura… os malos camiños polos que os políticos nos están a levar.”

Lalín: presentación de Seara. Obra poética (1971-2011), de Xosé Vázquez Pintor

O venres 24 de febreiro, ás 20:30 horas, no Museo Ramón María Aller Ulloa (Rúa Ramón Aller, 9) de Lalín, preséntase Seara. Obra poética (1971-2011), de Xosé Vázquez Pintor, publicada por Espiral Maior. No acto, no que terá especial relevancia a proxección de imaxes das obras de arte dos pintores e escultores de Galicia, participa, xunto ao autor, o editor Miguel Anxo Fernán-Vello.
O autor fíxonos chegar este poema que abrirá o acto, co que se suma tamén á iniciativa do Día de Rosalía promovida pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega:

ROSA EN IRIA

COMO NOS VAI NA URDIME DAS PALABRAS
por tanto aniversario que trasnoita
e anda en soño sentido nas esperas?
E véxote sempre vir de algar canda os fulgores
do solsticio, noite en luz que nos amence e somos
posuídos pola maxia das fontes e dos mares:
versos brancos cabalados no alto coma pedras
informes onde asubía o vento dos refachos
que despois vai no auxilio de alguén que chama ao lonxe
e grita: ven axiña, non pouses, sube ao colo
da Terra e cadra aquí con nós un tempo
de silencio encantenón acorda outra mornura
e antes foxe o desamor, o esquenzo, a tolería
de non ser senón aquela sombra que acompaña:

ROSALÍA NA DANZA DA RISA E DA INTEMPERIE
NUNCA ALTARES

Xosé Vázquez Pintor.

Memoria da Chaira Enteira, en memoria de Manuel María, o xoves 8 de setembro

O xoves 8 de setembro terá lugar na Terra Chá a homenaxe Memoria da Chaira Enteira, en memoria Manuel María, co seguinte programa:

14:30 h. Xantar no Río Ladra de Rábade (hai que se apuntar previamente no teléfono 646413890. Custa 20 euros).
16:30 h. Recital de poesía en Penas de Rodas (os participantes deberán levar algún texto preparado).
18:00 h. Pregaria no Cemiterio de Outeiro de Rei arredor de Manuel María, coa palabra de Xosé Vázquez Pintor (quen queira pode ler un texto, e debe levar unha flor para depositar na honra e memoria de Manuel María).
– Posteriormente, na Carballeira de Santa Isabel: Rito da navalla, que se entregará a David Otero, e recital musical da poesía de Manuel María por Miro Casabella, Antón Valcarce, Tino Baz e Mini e Mero.

A Coruña: exposición Formas de ver a Bóveda, até o 31 de agosto

Do xoves 7 de xullo ao mércores 31 de agosto, con horario entre as 16:30 e as 19:30 horas de luns a xoves, na Asociación Cultural Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 16-18, 1º) da Coruña, está aberta ao público a exposición multidisciplinar Formas de ver a Bóveda, composta por obra gráfica, pintura, escultura e manuscritos de artistas, escritores e escritoras de todo o país (estes últimos en colaboración coa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega) que acudiron á chamada da Asociación Cultural para expresar como ven eles, 75 anos despois do seu asasinato, a figura de Alexandre Bóveda.
A listaxe de artistas é a seguinte: Ánxeles Penas, Sonia Esturao, Magaly, Deli Sánchez, Jose Luis Busto, Berta Ares, Ana Martínez, Sara Garrote (Chuca), Sabela Baña, Alfredo Constela, Nito Davila, Óscar Carballo, Maria Braxe, Nando Pereiro, Maribel dos Anxos, Iglesias Diz e Nolo Suárez.
A listaxe dos autores dos manuscritos está conformada por: Xavier Queipo, Francisco Castro, Olga Patiño, Ana Arias Saavedra, Alberto Suárez Figueiras, Xosé Vázquez Pintor, Xosé María Álvarez Cáccamo, Vicente Piñeiro González, Xosé Neira Vilas, Rafael Lema, Afonso Álvarez Cáccamo, Fina Casalderrey, Concha Blanco Blanco, Felipe Senén, Xoán Carlos Domínguez Alberte, Salvador García-Bodaño, Xoán Xosé Fernández Abella, Lucía Novas e Adolfo Caamaño Vázquez.