Celia Parra: “En Galicia hai unha concentración moi grande de videopoesía”

Entrevista a Celia Parra en El Progreso:
“(…) – El Progreso (EP): Como xurdiu este proxecto?
– Celia Parra (CP): Versogramas xurdiu en 2013 a raíz dun proxecto fin de máster, que dei coa idea de levar á realidade. A miña titora, Fernanda del Nido, á quen estou moi agradecida, presentoume a Juan Lesta e Belén Montero, da produtora Esferobite, que tiñan unha inmensa experiencia en videoclip, vídeo experimental e contidos para museos. Sumáronse ao proxecto, e traballamos xuntos dende entón. (…)
– EP: E como se podería definir este xénero?
– CP: É difícil de definir, e hai distintas maneiras de entendelo. Se tivese que establecer unha definición, diría que é un xénero audiovisual ou literario que emprega a linguaxe audiovisual para trasladar a atmosfera dun poema. Mestura vídeo, imaxe e son dunha maneira creativa baseándose nun poema, para crear algo distinto que o complemente, reforce ou contradiga. Así, créase esa cousa un pouco máxica, que non é poema, nin vídeo, é outra cousa.
– EP: Dentro deste panorama internacional da videopoesía, que lugar ocupa Galicia?
– CP: Un lugar fundamental. Aquí hai moita tradición de videopoesía e videocreación. Nos anos 80 a videocreación galega estaba nun punto de ebulición total, no que se sitúan as primeiras obras de Antón Reixa ou Xavier Villaverde, e Yolanda Castaño, xa nos 90. Pero ademais de ter unha tradición clara de videocreación e videopoesía, o xénero evolucionou con bastante saúde. Agora mesmo, ao meu redor, vexo concursos de videopoesía e máis videopoetas: Dandy Lady, Cinta Adhesiva, as Candongas do Quirombo, colectivo FIINDA… Hai moitísimos, e tamén hai iniciativas de videopoesía no eido educativo. Parece que hai unha concentración moi grande de videopoesía aquí. (…)”

Yolanda Castaño: “Nunca se leu moito máis do que agora”

Entrevista a Yolanda Castaño en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Que escritores destacaría das Terras de Lemos?
– Yolanda Castaño (YC): Sobre todo como poetas subliñaría a Antón Lopo e Alicia Fernández. Antón é un dos autores en activo de maior talento e ademais é un inquedo editor e promotor cultural, agora coa editorial Chan da Pólvora e mesmo cun proxecto bastante novidoso e sorprendente entre mans como é unha colección adicada a autores da Ribeira Sacra. En canto a Alicia Fernández é unha das voces máis renovadoras da poesía galega. É un xenio precoz da poesía, con moi poucos anos xa demostrara ter un talento inusual e unha voz moi persoal. Actualmente está moi implicada na renovación das letras en Galicia a través de diversos proxectos.
– LVG: Recentemente participou nunha homenaxe a Lois Pereiro, o poeta monfortino por excelencia. Atopa algún punto común entre a obra de Pereiro e a súa?
– YC: Eu tiven a inmensa sorte de poder escoitar un dos últimos recitais de Lois Pereiro cando era moi noviña e quedei moi impactada. En parte polo moza que era pero, sobre todo, por aquela forza poética. Creo que Lois simbolizou toda a forza da Terra de Lemos e espallouna por Europa a través das súas viaxes e a súa visión moderna e cosmopolita.
– LVG: Cal é, a seu xuízo, o nivel da actividade literaria e cultural de Lemos?
– YC: Véxoa como unha gran canteira poética e literaria. No meu pregón menciono a moitos escritores para dar conta do enormemente fértil que é esta terra a nivel literario. Poderiamos nomear a Lois Patiño, Xosé Manuel Eyré, Lois Diéguez, Margarita Rodríguez Otero, Ramón Sandoval, Germán Vázquez, Manuel Veiga… a lista é imparable. Así mesmo, hoxe en día hai iniciativas como a última colección de Antón Lopo que amosan que Lemos non claudica. Incluso nas miñas visitas ao IES A Pinguela puiden comprobar que entre os máis novos de Monforte tamén hai unha incesante actividade cultural, científica e tecnolóxica.
– LVG: Vostede que traballa a miúdo con mozos. Cal percibe que é a súa actitude cara á literatura?
– YC: É un tópico e un prexuízo pensar que pasan da escrita e tampouco se leu nunca moito máis do que se está a ler agora. En canto a poesía, nunca foi un xénero de masas e non ten por que selo. Con todo, haina que ver nun sentido amplo, é dicir, hai poesía nas letras de cancións, en certos tuits, na boa publicidade, no rap e en moitos máis lugares dos que pensamos. Os rapaces e rapazas si que seguen a consumir poesía ao seu xeito. (…)”

Monforte: actos destacados da Feira do Libro no mércores 23

O mércores 23 de agosto comeza a Feira do Libro de Monforte (na Rúa do Cardeal), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 12:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h. (neste primeiro día só abrirá pola tarde), cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa:

19:00 h. Inauguración da Feira. Pregón inaugural a cargo de Yolanda Castaño, tras actuar a Banda de Gaitas de Monforte.
21:00 h. Presentación de A invención dun deus. Xesús de Nazaret I. De predicador a Mesías, de Xulio López Valcárcel, publicado por Laiovento. Participan no acto, xunto ao autor, Manuel Rajo e Pedro Corsino Fernández Vila.

A Coruña: homenaxe literaria e musical a Luz Pozo Garza

Vigo: Festival Internacional de Poesía PoemaRia 2017

A Coruña: programa de Letras Galegas 2017 da Libraría Azeta

A Coruña: recital de Martín Veiga e Eiléan Ní Chuilleanáin no Ciclo Poetas Di(n)versos

A segunda feira 8 de maio, ás 20:30 horas, no Auditorio do Centro Ágora (Rúa Ágora, s/n) da Coruña, terá lugar unha nova edición do Ciclo Poetas Di(n)versos, coordinado por Yolanda Castaño e promovido pola Concellaría de Culturas da Coruña, cun recital de obra propia nun man a man de Martín Veiga e a poeta irlandesa Eiléan Ní Chuilleanáin. Máis información aquí: Folleto Poetas Di(n)versos maio 2017.

Ferrol: actos destacados na X Semana de Poesía Salvaxe para o 21 e 22

Do 19 ao 22 de abril terá lugar en Ferrol a X Semana de Poesía Salvaxe. Do seu programa destacamos os seguintes actos:

Venres 21:
12:00 h. Recital poético no Mercado de Recimil e na Praza do Inferniño, coa actuación, entre outras/os, de María Lado e Lucía Aldao.
17:00 h. Paseo pola ría de Ferrol, na lancha, coa presenza de, entre outros/as, Xosé Abeledo, Yolanda Castaño e Ana Cibeira.
19:30 h. No Torrente Ballester, actuación de Ana Cibeira.
23:00 h. Festival poético no Manchita con, entre outras/os, Serxio García e O Leo.

Sábado 22
13:00 h. Recital coa presenza de Ana Cibeira na Praza de Armas, e remate en Cazadores.

Ferrol: actos destacados na X Semana de Poesía Salvaxe para o 19 e 20

Do 19 ao 22 de abril terá lugar en Ferrol a X Semana de Poesía Salvaxe. Do seu programa destacamos os seguintes actos:

Mércores 19:
18:45 h. Inicio das lecturas poéticas ininterrompidas por parte de poetas novos de Ferrol (Eli Z e Xosé Abeledo), no Quiosco do Cantón.

Xoves 20
12:00 h. Recital poético no Mercado da Magdalena, coa intervención, entre outros/as, de Xoán Abeleira e Ana Cibeira. Á mesma hora, en Caranza, recital de Elisabeth Oliveira e Xosé Abeledo.
18:30 h. Encontro poético con David Rey Fernández e Yolanda Castaño, no Ateneo Ferrolán.
24:00 h. Actuación no Super 8 de, entre outras/os poetas, García MC, O Leo e Xoán Abeleira.

A Coruña: recital de Elías Portela e Sjón no Ciclo Poetas Di(n)versos

A segunda feira 10 de abril, ás 20:30 horas, no Auditorio do Centro Ágora (Rúa Ágora, s/n) da Coruña, terá lugar unha nova edición do Ciclo Poetas Di(n)versos, coordinado por Yolanda Castaño e promovido pola Concellaría de Culturas da Coruña, cun recital de obra propia nun man a man de Elías Portela e o poeta islandés Sjón. Máis información aquí: Folleto Poetas Di(n)versos abril 2017.